Amosando publicacións coa etiqueta El Hematocrítico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta El Hematocrítico. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de maio de 2025

El Hematocrítico: Morto de fame

El Hematocrítito presenta novo libro Morto de fame con ilustracións de Mar Villar (igual que os anteriores nos que lle dá volta aos personaxes dos contos tradicionais), traducido por Anaír Rodríguez e publicado por Xerais.

Así se presenta: "A irmá do conde Drácula está moi preocupada porque o seu fillo non é cruel e sanguinario: é boísimo. Drácula dille que o mande á súa casa, que xa el se encargará de convertelo nun verdadeiro vampiro aterrador. Mentres, Draculiño vai como cada noite visitar o seu amigo Lobiño, que lle garda algúns doces que prepara na súa pastelaría para que o vampiro poida cear, xa que non quere nin probar o sangue. Os dous lévanse moi ben e forman unha cuadrilla de amigos xunto a outros personaxes da Fraga, como Garavanciño ou Riciños. Draculiño é moi feliz, ata que lle cae un cairo e leva un terrible desgusto."

As historias entrecrúzanse, Lobiño é o pequeno lobo convertido en reposteiro, na súa propia aventura tamén atopamos a chamada de súa nai ao tío Feroz para que o reconvertera nun verdadeiro lobo, pero as cousas non saíron como pensaban e aí o termos coa súa pastelería en marcha. Agora, a nai de Draculiño tamén anda preocupada e tamén chama ao tío (ai! o poder que se lle supón aos tíos, sobre todo cando non aparecen os pais na historia). A cuadrilla de amigos de Draculiño son todos os personaxes que xa coñecemos: Riciños, Garavanciño ou o Rato Pérez. Pola Zona Aterradora andan Nefertita, Fantasmina, Zombi ou a casiña con pés. O protagonista segue a aparecer do revés: a Draculiño non lle gusta o sabor do sangue senón os doces pero... non sabemos que vai pasar co cambio de dentadura, un misterio que haberá que resolver!

Despois de irse, Hematocrítico segue entre nós...

mércores, 23 de abril de 2025

El Hematocrítico continúa agasallándonos cunha nova entrega de Dona Problemas

Dona Problemas, rescatadora de mascotas de El Hematocrítico aparece da man de Paco Roca, igual que nas entregas anteriores. Traducido por Anaír Rodríguez co asesoramento literario de Ledicia Costas.  Despois de Dona Problemas e Dona Problemas salvadora da escola aquí está Dona Problemas, rescatadora de mascotas.

Preséntase así: "Tras o seu enfrontamento coa mestra «influencer», que foi retransmitido por televisión, Carlota (Dona Problemas) converteuse nunha celebridade entre nenos e nenas. Recoñécena pola súa cidade e mesmo lle piden selfies e axuda para problemas cotiáns. Así e todo, nin Dona Problemas nin Xoán, o seu axudante, esperaban recibir na escola a visita dunha nena preocupada pola desaparición da súa mascota: unha cacatúa chamada Riqui, pola que agora lle piden un rescate que ela non pode pagar." 

Neste caso, Dona Problemas xa ten que auxiliar máis alá da propia escola, porque xa todo o mundo a coñece e lle pide axuda: ha de botar unha man no cine para colocar a todo o mundo de forma que podan ver ben a pantalla, descubrir a un timador que entregan á policía, dar cunha nova maneira de conseguir cartos ao dar co que pode ser un bo agocho (o sofá, debaixo dos coxíns), atopar a cacatúa coa axuda dunha especialista en paxaros... A súa fama vai en aumento cando unha xornalista decide facerlles unha entrevista a dobre páxina (a ela e ao seu axudante). De todas formas, ese engado de colaboradora marabillosa disposta a axudar onde sexa necesario ou de crítica precisa e observadora do momento actual cando deixa en ridículo á profesora influencer queda nas nosas mentes. Ben é certo que o tema das mascotas tráenos á cabeza o libro de Diego Ameixeiras co que se estrea na LIXG, Xulia Belavista. detective animalista.  

martes, 11 de febreiro de 2025

O último libro de El Hematocrítico

Dona Problemas, salvadora da escola era o libro no que estaba a traballar El Hematocrítico cando nos deixou.Pertence á serie de Dona Problemas e está publicado por Xerais na colección Sopa de Libros con ilustracións do gran Paco Roca.

Carlota, á que chaman Dona Problemas que anda iso, resolvendo os problemas de toda a rapazada do colexio. Sempre con algún axudante que lle bota unha man (unhas veces mellor e outras peor). Falando disto, hai que quitarse o sombreiro diante deste autor e o coñecemento que ten da rapazada, neste caso non podemos por menos que rir cando vemos que o pequeno axudante se distrae con calquera cousa e esquece as súas obrigas dunha maneira absolutamente natural. Tamén é de destacar ese sentido do humor que rodea as súas obras e esa crítica que ataca no mesmmo centro da diana a tanto certame do "Mellor profesor" a tanto/a profesor/a influencer ao que se lle vai a vida na foto e o sorriso. ATPR (a túa profe riquiña) é unha nova especie que pasa a formar parte dese retrato do profesorado que nos adianta Miguel López. Paco Roca interpreta a historia con esa mirada que envolve a crítica en humor pero sen perdoar o desfile militar no recreo, a modernidade da profe comercial a tope e a personalidade de cada un dos alumnso e alumnas que enchen as páxinas coa súa diferenzaaínda cando pretendan colocarlle uniforme.

Así se presenta: "Durante unha das súas misións, Carlota, Dona Problemas, ten un accidente cun mestre, e este ten que coller uns días de baixa. A substituta será, nada máis e nada menos, que A Túa Profe Riquiña, unha «influencer» especializada en educación que, ademais, expón toda a súa vida nas redes."

luns, 27 de xaneiro de 2025

Acartoados de Xerais

Unha unicornia de El Hematocrítico con ilustracións de Alberto Vázquez. Preséntasenos unha unicornia e cóntanos que o que máis lle gusta neste mundo son as nenas, dinlle que non existen, pero ela cre na maxia e sabe que algún día poderá coñecer unha nena e cabalgar levándoa con ela. Así é, vai atopar un portal marabilloso debaixo do arco da vella e nese mundo máxico que atopa, hai unha nena que o colle no colo e o leva con ela. Outra historia á que se lle dá a volta. 

Outro título dentro dos Hematiños de Xerais e aínda que as ilustracións non son nada do outro mundo, a historia merece a pena... e máis se vemos que por fin O Hematocrítico xa escribía en galego. Unha sorte que perdemos, tampouco dese avance poderemos gozar!

mércores, 1 de maio de 2024

Esmendrelle, unha colección de libros seleccionados por El Hematocrítico

Seleccionados e traducidos por El Hematocrítico. O que resulta algo especial se contamos con que os seus propios libros son normalmente traducidos ao galego por outros, pero alegrámonos infinitamente que agora o faga el cos desta colección. 

Vai polo pan de Jean - Baptiste Drovot publicado por Edicións do Cumio.

"Neste primeiro libro o noso protagonista Manuel recibe o encargo de ir polo pan á súa vila. A Manuel encántalle o pan, pero tamén pasear e claro, despístase un pouco de máis polo camiño e, cando chega, evidentemente a tenda está pechada. O que comeza como un simple recado convértese nunha aventura épica e trepidante cando Manuel tenta conseguir o pan dun xeito menos habitual (...) Un libro axeitado para explicar aos nenos que non todo sae sempre segundo o previsto! As delicadas ilustracións de cada páxina están rodeadas por unha fina liña negra co texto debaixo, o que reforza a sensación de estar nunha historia de aventuras".

O que tal lle pasa a Manuel cando vai polo pan... e cando volve, despois de mil aventuras nas que corre moito, pero que moitos riscos, a nai pregúntalle: - E o pan?  Como son as nais e a vida cotiá!!!

venres, 12 de abril de 2024

Un novo libro de El Hematocrítico

Un novo libro de El Hematocrítico: Dona Problemas traducido por Anaír Rodríguez está publicado en Sopa de Libros de Xerais. 

Dona Problemas non se chama así porque os teña senón porque os resolve. Ela está na escola do narrador, Xoán, que vén sendo o axudante da nena protagonista. Ela é tan importante como a directora, o conserxe ou o administrador, conta el... eu diría que moito máis, sobre todo despois de resolver o problema de acoso do que semella non darse conta ninguén.

Que problemas? Pois, por exemplo os que se contan na presentación editorial: "unha mochila estragada por un iogur que se derramou dentro, un cromo que non se dá conseguido ou un veciño que escoita a tele a todo volume e non deixa durmir. Non hai nada que se resista aos recursos e ao enxeño de Carlota e do seu axudante Xoán. Ou si? Porque sempre hai problemas máis difíciles de solucionar ca outros..." Non o creades, Carlota soluciónaos TODOS!

Incluso pode substituír ao axudante para que el pase a formar parte dun grupo de baile que resolverá certas dificultades de comportamento e... non quedará aí a cousa. Semella que con ela poderiamos mellorar a convivencia nos centros, porque descubre cal é o problema de cada un e como os demais poden solucionalo. Ben é certo que non pide solidariedade gratuíta e protagonismo activo por parte dos outros compañeiros (como na cadea de favores) debe ser porque é moi consciente de como somos e nos comportamos, pero ese amaño co rapaz abusón, esa petición de perdón e esa creación de grupo cun obxectivo trae esperanza. Dende o realismo de cada día ata o idealismo dunha personiña dedicada aos demais, que garda os seus misterios e que semella un anxo sen ás.  

As ilustracións de Paco Roca con esa personalización de cada personaxe non nos van defraudar.