Amosando publicacións coa etiqueta Libros acartoados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libros acartoados. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de xaneiro de 2025

Acartoados de Xerais

Unha unicornia de El Hematocrítico con ilustracións de Alberto Vázquez. Preséntasenos unha unicornia e cóntanos que o que máis lle gusta neste mundo son as nenas, dinlle que non existen, pero ela cre na maxia e sabe que algún día poderá coñecer unha nena e cabalgar levándoa con ela. Así é, vai atopar un portal marabilloso debaixo do arco da vella e nese mundo máxico que atopa, hai unha nena que o colle no colo e o leva con ela. Outra historia á que se lle dá a volta. 

Outro título dentro dos Hematiños de Xerais e aínda que as ilustracións non son nada do outro mundo, a historia merece a pena... e máis se vemos que por fin O Hematocrítico xa escribía en galego. Unha sorte que perdemos, tampouco dese avance poderemos gozar!

martes, 24 de setembro de 2024

Un novo libro de Fréderic Stehr: "A hora da sesta"

 

A hora da sesta de Fréderic Stehr (traducido por Xosé Ballesteros) é o terceiro título que publica Kalandraka deste autor. Libros duros para que as criaturas podan manipulalos a pracer.

Así se presenta: "É a hora da sesta na escola infantil e Leo non ten sono. Para entreterse, fai unha cabana e esperta o seu amigo Oli para amosarlla. Pouco a pouco, os demais compañeiros irán sumándose para construír unha na que caiban todos."

O mellor do libro non é o que conta senón como o fai. Entre as ilustracións e as escasas conversas entramos no mundo desas crías de aves e o seus tempo na gardería.  Esa maneira de contar que nos leva a eses instantes nos que a tenrura envolve a situacións: as posturas porque hai quen dorme do revés e quen o fai ocupando o colchón de lado, a personalidade de cada un deles, o boneco que os acompaña e a maneira na que se apuntan ao xogo... podemos seguir a evolución do sono de cada un deles, de como o quen non durmiu antes necesita facelo despois, a transformación da cabana... Na contra cuberta continúa a historia cando un dos pequerrechos pon a durmir a sesta aos seus bonecos e tamén lles prepara esa posibilidade de construír a cabana. 

Como é posible seguir gardando esa primeira infancia para facérnola chegar?

xoves, 28 de decembro de 2023

Libros acartoados de Kalandraka


 Da cabeza aos pés
de Eric Carle preséntase así:"Descubrimos as partes do corpo xogando a movernos como algúns animais. Desafíos divertidos para prelectores e primeiros lectores neste libro en edición acartonada". Cada animal (pingüín, xirafa, bisonte, mono, foca, gorila, gato, crocodilo, dromedario, burro, elefante e loro poñen a proba ao neno e a nena para ver se son quen de facer o que eles fan e, de verdade, que o conseguen. Un divertido xogo  que nos obriga a movernos e ver ata onde podemos facelo, dende a cabeza aos pés.

Oso pardo, oso pardo, que ves aquí? con texto de Bill Martin Jr. e ilustracións de Eric Carle. Preséntase así: "Un oso pardo, un paxaro vermello ou un cabalo azul son algúns dos curiosos personaxes que se asoman ás páxinas deste divertido álbum acartonado, ideal para aprender as cores e os nomes dos animais." Cada un dos animais di que ve ao seguinte que se vai presentar e así pasamos do oso ao paxaro, do paxaro ao pato, do pato ao cabalo, do cabalo á ra, da ra ao gato, do gato ao can, do can á ovella, da ovella ao peixe, do peixe á profesora e dela aos nenos que a miran. E agora, "nenas, nenos, que vedes aquí?". Toca contestar...

Ambas traducidas por Iago Nicolás para a colección Tras os montes de Kalandraka

As obras de Eric Carle son recoñecibles pola técnica, unha especie de colaxe impresionista, coas figuras case sempre recortadas sobre fondo branco.