Amosando publicacións coa etiqueta Paco Roca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paco Roca. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de abril de 2025

El Hematocrítico continúa agasallándonos cunha nova entrega de Dona Problemas

Dona Problemas, rescatadora de mascotas de El Hematocrítico aparece da man de Paco Roca, igual que nas entregas anteriores. Traducido por Anaír Rodríguez co asesoramento literario de Ledicia Costas.  Despois de Dona Problemas e Dona Problemas salvadora da escola aquí está Dona Problemas, rescatadora de mascotas.

Preséntase así: "Tras o seu enfrontamento coa mestra «influencer», que foi retransmitido por televisión, Carlota (Dona Problemas) converteuse nunha celebridade entre nenos e nenas. Recoñécena pola súa cidade e mesmo lle piden selfies e axuda para problemas cotiáns. Así e todo, nin Dona Problemas nin Xoán, o seu axudante, esperaban recibir na escola a visita dunha nena preocupada pola desaparición da súa mascota: unha cacatúa chamada Riqui, pola que agora lle piden un rescate que ela non pode pagar." 

Neste caso, Dona Problemas xa ten que auxiliar máis alá da propia escola, porque xa todo o mundo a coñece e lle pide axuda: ha de botar unha man no cine para colocar a todo o mundo de forma que podan ver ben a pantalla, descubrir a un timador que entregan á policía, dar cunha nova maneira de conseguir cartos ao dar co que pode ser un bo agocho (o sofá, debaixo dos coxíns), atopar a cacatúa coa axuda dunha especialista en paxaros... A súa fama vai en aumento cando unha xornalista decide facerlles unha entrevista a dobre páxina (a ela e ao seu axudante). De todas formas, ese engado de colaboradora marabillosa disposta a axudar onde sexa necesario ou de crítica precisa e observadora do momento actual cando deixa en ridículo á profesora influencer queda nas nosas mentes. Ben é certo que o tema das mascotas tráenos á cabeza o libro de Diego Ameixeiras co que se estrea na LIXG, Xulia Belavista. detective animalista.  

martes, 11 de febreiro de 2025

O último libro de El Hematocrítico

Dona Problemas, salvadora da escola era o libro no que estaba a traballar El Hematocrítico cando nos deixou.Pertence á serie de Dona Problemas e está publicado por Xerais na colección Sopa de Libros con ilustracións do gran Paco Roca.

Carlota, á que chaman Dona Problemas que anda iso, resolvendo os problemas de toda a rapazada do colexio. Sempre con algún axudante que lle bota unha man (unhas veces mellor e outras peor). Falando disto, hai que quitarse o sombreiro diante deste autor e o coñecemento que ten da rapazada, neste caso non podemos por menos que rir cando vemos que o pequeno axudante se distrae con calquera cousa e esquece as súas obrigas dunha maneira absolutamente natural. Tamén é de destacar ese sentido do humor que rodea as súas obras e esa crítica que ataca no mesmmo centro da diana a tanto certame do "Mellor profesor" a tanto/a profesor/a influencer ao que se lle vai a vida na foto e o sorriso. ATPR (a túa profe riquiña) é unha nova especie que pasa a formar parte dese retrato do profesorado que nos adianta Miguel López. Paco Roca interpreta a historia con esa mirada que envolve a crítica en humor pero sen perdoar o desfile militar no recreo, a modernidade da profe comercial a tope e a personalidade de cada un dos alumnso e alumnas que enchen as páxinas coa súa diferenzaaínda cando pretendan colocarlle uniforme.

Así se presenta: "Durante unha das súas misións, Carlota, Dona Problemas, ten un accidente cun mestre, e este ten que coller uns días de baixa. A substituta será, nada máis e nada menos, que A Túa Profe Riquiña, unha «influencer» especializada en educación que, ademais, expón toda a súa vida nas redes."

venres, 12 de abril de 2024

Un novo libro de El Hematocrítico

Un novo libro de El Hematocrítico: Dona Problemas traducido por Anaír Rodríguez está publicado en Sopa de Libros de Xerais. 

Dona Problemas non se chama así porque os teña senón porque os resolve. Ela está na escola do narrador, Xoán, que vén sendo o axudante da nena protagonista. Ela é tan importante como a directora, o conserxe ou o administrador, conta el... eu diría que moito máis, sobre todo despois de resolver o problema de acoso do que semella non darse conta ninguén.

Que problemas? Pois, por exemplo os que se contan na presentación editorial: "unha mochila estragada por un iogur que se derramou dentro, un cromo que non se dá conseguido ou un veciño que escoita a tele a todo volume e non deixa durmir. Non hai nada que se resista aos recursos e ao enxeño de Carlota e do seu axudante Xoán. Ou si? Porque sempre hai problemas máis difíciles de solucionar ca outros..." Non o creades, Carlota soluciónaos TODOS!

Incluso pode substituír ao axudante para que el pase a formar parte dun grupo de baile que resolverá certas dificultades de comportamento e... non quedará aí a cousa. Semella que con ela poderiamos mellorar a convivencia nos centros, porque descubre cal é o problema de cada un e como os demais poden solucionalo. Ben é certo que non pide solidariedade gratuíta e protagonismo activo por parte dos outros compañeiros (como na cadea de favores) debe ser porque é moi consciente de como somos e nos comportamos, pero ese amaño co rapaz abusón, esa petición de perdón e esa creación de grupo cun obxectivo trae esperanza. Dende o realismo de cada día ata o idealismo dunha personiña dedicada aos demais, que garda os seus misterios e que semella un anxo sen ás.  

As ilustracións de Paco Roca con esa personalización de cada personaxe non nos van defraudar.