As estañas profesións do meu pai de Miguel A. Alonso está ilustrado por María Brenn e publicado por Cumio na colección Minicumio.
Así o presentan: "Daniel anda nunha busca intrigante por descubrir a que se dedica o seu pai mentres fai un traballo de clase sobre as profesións. Será un espía? Un axente secreto? A que se dedicará o seu pai?"
Unhas marabillosas imaxes para acompañar un texto no que o autor xoga co lectorado levándoo e traéndoo por unha historia de indagación a través duns capítulos que van e veñen, que poden repetirse ou saltarse. Todo comeza na escola cando a profe lles pregunta cal é a profesión dos pais e acaba pedíndolles que o poñan por escrito nas vacacións. El vainolo contando todo, directamente, xogando coas palabras porque lle encanta facelo, buscar os sinónimos, el mesmo nolo explica "Por certo, perdoa que, de cando en vez, pare para escribir palabras que significan o mesmo, ou o contrario, pero encántame xogar coas palabras". Non pode negalo.
Moitas sospeitas e poucas certezas en relación ao oficio do pai ou do veciño. Tampouco nós temos moitas a respecto do que pasou coa nai, nada se nos conta e queda como esas cousas que nunca preguntamos e xa é tarde para facelo. Esa parella de pai e neno non sei se existe ou non, pero sería boa cousa coñecelos, os creadores fánnolos tenros, con moito afecto e entendemento entre ambos, compartindo valores e respectándose. O relato cobra riqueza con esa maneira de despistarnos dirixíndose a nós como lectores ou á mestra destinataria da investigación, sexa como for é ben interesante e seguiremos defendéndoo cando algún rapaz lle chame bicho polo seu costume de estar só, xogando coas palabras. De certo que o fai moi ben e merece unha boa nota.
Barbavoa é un álbum de O Hematocrítico ilustrado por Eugenia Ábalos e traducido por Ledicia Costas para Nórdica Infantil. Imos vendo un barco e adiviñando para que serán os canóns, que tipo de paxaro teñen como mascota, para que pode ser unha táboa que levan polo lado ou a cesta que levan alá enriba xusto debaixo da bandeira negra coa caveira e os ósos cruzados... Un barco de piratas! que se nos confirma cando venos a tripulación e escoitamos que van enterrar un tesouro pero nesta aparece unha visita. Quen é? A avoa que exerce de avoa contando cousas que non se deben contar do pirata cando era neno; non remata aí, vai dando consellos en relación á limpeza, á alimentación ou á decoración; con ela todo vai cambiando, as plantas ocupan o barco así coma os adornos de ganchillo, vailles calcetando xerseis abrigosos... pero tamén lles demostra que ela segue a ser unha valente pirata pero tedes que ver como luce o barco neste momento, nunca o teriades imaxinado... O humor de O Hematocrítico, ese bo facer á hora de construír historias dándolle un golpe de man a calquera prexuízo co afecto por bandeira. Por iso carapuchiña se fixo alcaldesa e o barco pirata presenta unha imaxe tan feminina, dise así?
As ilustracións non poden ser máis acaídas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario