martes, 8 de abril de 2025

VI Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

O VI Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil recaeu na obra Cartas na escuridade de Lois Pérez que aparece con ilustracións de Blanca Vila na editorial Cuarto de Inverno.

Da presentación editorial: "Olivier lembra a partida do Call of Duty ao entrar no estadio. É enorme. Non pode crelo! Vai asistir en directo a un partido do Mundial para ver a Mbappé! A algúns quilómetros de alí, nun barracón ás escuras, Denis, namentres as súas compañeiras dormen, escribe á luz da candea unha carta para seu irmán Moses. Poderán volver algún día a Uganda sen caer nas mans das bestas do LRA? Salman percorreu o deserto en autobús e agora mira en fite ese feixe de cartas. Farán un bo lume. Aluma, a estrela mundial do reggaeton, ensaia o seu novo hit antes da gran final. Mentres tanto, súa noiva Ann Drolla Ice fai globos coa goma de mascar mirando o teito. Amira camiña cara á universidade. Sabe que non hai moito tempo, pero a revolución non agarda. É o momento. Os fíos da esperanza e o medo entretécense nas historias desta xeografía dos afectos, como a calixe do deserto. Acompáñasnos?"

Hai rapaces que fan a guerra con videoxogos e outros con armas convertidos en nenos soldados. Vivir en Uganda e aparecer en Qatar, das chozas aos edificios imposibles dun país árabe que consume a riqueza en chamar a atención, dunha vida normal a converterte nun monstro sen conciencia e pasar a ser explotado en calquera país nas condicións máis extremas e exclavas. Un mundial de fútbol, as negociacións corruptas para conseguilo, as edificacións feitas a golpe de explotación absoluta, o traballo das mulleres nos hoteis baixo presión sin un minuto de descanso sen unha alimentación que a manteña. O mundo dos ricos e o dos pobres, o dos países occidentais e o dos árabes, a loita das mulleres dispostas a todo para non perder esa oportunidade de liberarse a si mesmas e a todas as que o son, un adolescente francés descargando a rabia inxustamente ou fuxindo dos problemas pero namorándose e actuando a favor da Historia, un vello ao que a conciencia o obriga a colaborar coa inocencia... Porque o mundo é amplo e dispar e todo se pode atopar nel, neste momento, todas as épocas e todas as maneiras de resistencia... o que máis traballo nos dá crer é nun final feliz, nun encontro gozoso, na bondade nomedio do horror, na revolución acosada pola convención.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario