Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Labraña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Labraña. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de setembro de 2025

Teatro: O galo de Barcelos camiño de Compostela

 

O galo de Barcelos camiño de Compostela de Carlos Labraña está ilustrado por Gabriel Iglesias e publicado por Fervenza na colección A pinguela. Unha nova versión daquel O galo de Portugal camiño de Compostela que apareceu ilustrado por María Xosé Díaz.

Da presentación editorial: "O Galo de Barcelos salvou a vida de milagre. E para agradecerllo ao Apóstolo Santiago, decide achegarse a Compostela. No camiño, atopa unha Estrela que caeu do ceo e quere regresar aló enriba coa súa familia, pero non sabe como. O Galo aconséllalle que o acompañe, que seguro que o Apóstolo a pode axudar. Pero é unha viaxe arriscada, na que baterán con toda clase de perigos. Serán capaces de chegar sans e salvos á Catedral? " 

Os animais sáenlle ao paso para darlle consellos como fai o bufo, para negociar como fai a londra ou para tentar enganalos como acostuma facer o raposo. A estreliña vai perdendo os seus raios, un ao caer, outro gterá que darllo á londra, outro róuballo a raposa e deses dous que lle quedan un decido darllo ao Apóstolo para que ilumine a torre da Berenguela e o outro ao galo para que a lembre e poda buscala no ceo da noite. Unha fermosa historia que bebe da tradición dos milagres do apóstolo e lle busca unha fermosa explicación e esa luz que ilumina a torre ao longo do ano santo. O camiño a Santiago sempre está cheo de aventuras e encontros.

domingo, 25 de maio de 2025

Un autor de teatro que escribe novela

 

Carlos Labraña leva toda a vida escribindo teatro pero por unha estraña razón acaba de estrearse como novelista. A biblioteca Galática contra a IA Fantástica.

De calquera maneira é unha narración que se presenta polo 75 aniversario da editorial Galaxia e da man do grupo Tanxarina teatro de títeres

Preséntase así: "O rato que coida da Biblioteca Galáctica descobre que unha ameaza se torna sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis. Nunha loita contra o reloxo, o rato bibliotecario, Ramón Lamote e Sara deberán loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa maléfica influencia.  Tanxarina ofrécenos nesta montaxe teatral un espectáculo para lembrar, dirixido aos centros de ensino. Nesta disparatada e trepidante comedia hai aventuras, cancións e moito humor co que a rapazada rirá ás gargalladas.  A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía. Tanxarina Teatro e o dramaturgo Carlos Labraña unen as súas forzas para levar ao escenario un divertido espectáculo de marionetas protagonizado por algúns dos personaxes máis senlleiros da literatura infantil galega. Este esforzo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña nace por encargo da Editorial Galaxia para celebrar o 75 aniversario  no ano 2025. Un agasallo para que os rapaces e rapazas recuperen o pracer da lectura e os soños e as experiencias que nacen dela.
Tanxarina é unha compañía de teatro de monicreques galega, con máis de corenta anos de traxectoria artística. Combinan a manipulación de bonecos co traballo actoral, música e animacións diversas. Contan historias con “retranca” para público infantil e familiar. Para facer rir e facer pensar. Contan con seis premios de teatro María Casares, en distintas categorías, por varios dos seus espectáculos e participaron en festivais por Europa e América con grande éxito de público e crítica."

Trátase polo tanto dunha colaboración entre a editorial o grupo teatral e o autor para celebrar ese cumpreanos da Galaxia.

Na obra atopamos outras obras e outros personaxes, dende o Toribio de Carlos Casares coa súa amiga Sara e o seu inimigo o profesor Smith, o espantallo amigo de Neira Vilas, o lobo namorado de Fina Casalderrey ou Pedro Lamote ese personaxe creado por Paco Martín co que conseguiu traer a Galicia o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil. Homenaxes a libros pero tamén a teplos da cultura como as bibliotecas, á lectura e á bondade porque todos eles loitan contra Smith que é a reencarnación do mal. No medio de todo isto a Intelixencia Artificial como novidade á que prestarlle atención e o sempiterno rato de biblioteca percorréndoa polos séculos dos séculos.

Tal como acontecera, xustamente, con O espantallo amigo, representación que levaran a cabo Os Quinquilláns, a rapazada terá a oportunidade de ler e ver a mesma historia da man da editorial que garda os dereitos de autor dos clásicos galegos.

luns, 3 de xuño de 2024

Un novo título con premio de Carlos Labraña

Carlos Labraña como moi ben explica Montse Presas escribe un teatro infantil que non só non lle fuxe á problemática actual senón que se apoia nela. Ese punto de compromiso coas dificultades que, tamén a rapazada, percibe achégalle unha dose moi importante de especificidade.

Se en Moito Morro, Corporation falaba da situación ante os bancos, en O valo faino ante unha guerra que semella non ter fin, en Mambrú volveu da guerra intérnase na memoria histórica e en Ícaras nos desafiuzamentos.

Ícaras ilustrado por Lara Méndez (de xeito moi pero que moi correcto representando eses dous personaxes femininos de maneira sinxela pero con moito acerto) é o último libro, preséntase así: "Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?" Esta obra acadou o premio O Facho de teatro infantil 2022.

Unha historia lírica para envolver a crueza dunha situación á que non debería verse sometida a infancia. Un final aberto que permite a esperanza ou a desesperación máis absoluta. Un acerto esas ás, esa acción de voar como un acto de liberdade ou de abatemento total, esa mirada á casa que foi fogar e na que agora vive outra familia...

Os seres humanos, de un en un, fronte ao que comercia coa vida, as grandes cadeas que non perdoan.

mércores, 13 de decembro de 2023

Memoria histórica en teatro para a infancia

 

Mambrú volveu da guerra de Carlos Labraña, ilustrado por Raquel Lagartos e publicado por Xerais na colección Merlín, conseguiu o XXIII premio SGAE de teatro infantil 2022.

Así se presenta: "Unha nena está desexando explorar o parque infantil que abriron ás aforas da vila. Mentres xoga, encontra por casualidade un boneco enterrado. É un soldado de porcelana que lle conta que viviu na vila hai moitos anos, pero non é quen de lembrar o seu nome nin como acabou nese lugar. Coa axuda da súa familia, a nena intentará recompoñer o crebacabezas para que o boneco poida atopar o seu lugar."

E atoparao, porque a avoa é a filla dese soldado que garda ao lado do peito o debuxo que ela lle fixo de peqeuniña, porque a súa casa fica abandonada dende hai moitos anos, porque as nenas son insistentes e conseguen chegar a onde queren. Grazas á pequena, que o desenterra, consegue recobrar a memoria de quen foi e poder marchar ao lugar onde tiña que estar dende o principio da súa desaparición; agora quedan o resto das sombras, habitando o parque, para que a rapazada  axude nesta tarefa de recuperación, que devolverá a cadaquén ao seu lugar. 

Unha obra que segue o camiño de Labraña de enfrontar os temas máis duros cunha delicadeza extrema, atento aos problemas sociais e as preocupacións cívicas. As ilustracións acaídas, interesantes e nun momento "estrañas",  falando da lectura que se fai da obra con máis ou menos detemento, ou de como as pequenas son quen de ver de forma moi relativa as súas casas. Estoume a referir á casa verde que aparece no debuxo que a filla lle fixera, da que todos os personaxes comentan que é pequena pero que no debuxo aparece máis grande que as outras (ou tanto, polo menos).

Grazas por esta volta, Mambrú, porque estabas aí, na canción, lembrando o horror de todas as guerras!

venres, 27 de outubro de 2023

Aí vén o samaín (I)

Chega o samaín e con el as lecturas de medo (ou non tanto) para o que lembraremos algúns dos textos ad hoc:

O noso samaín de Galaxia

Indo para o Samain de Sabela e Carlos Labraña

A serie dos Minimortos, Vampira de biblioteca ou Esmeraldina, a pequena defunta e Escarlativa, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, publicados por Xerais.

Publicados por Kalandraka: Os esqueletos divertidos1 2 3 vampiro ti es, Sete monstros e un gato... Este último acaba de chegar ás librarías, con texto de Rafa Ordoñez, coas ilustracións características de Christian Inaraja,  traducido por Xosé Ballesteros para a colección Demademora. Un conto de mostros, acuulativo ou máis ben restante pois os monstros vanse perdendo de un en un ata queda o gato soíño, disposto a loitar contra todo tipo de perigos ata que baixo a tormenta volve á casa, cea a carón da chimenea e ponse a ler un libro, sabes cal vai ser?... Ese mesmo! para que o conto non tiña fin.




mércores, 5 de xullo de 2023

Teatro: un premio publicado con certo retraso

Estrella... fugaz? de Carlos Labraña obtivo o XVI premio O Facho de Teatro Infantil en 2015 aínda que non se publicou ata 2022. Faino na editorial Galaxia, na colección Árbore, con ilustracións de Fonso Barreiro.

Así se presenta: "No cinto de asteroides que hai máis aló de Neptuno naceu Meteoro. Aínda que pasaba todo o día a xogar á roda cos seus irmáns, non era feliz, sentíase diferente. Polo que un día, aproveitando o paso dun cometa, marchou na procura dun lugar onde poder ser el mesmo." Quere ser estrela, así se sente.

Toca deixalo ser o que el queira, así fala a Rocha Vella, e unha vez que comprenderon que Meteoro posuía un corazón de Estrela, a pesar de non ter nado como tal, así a trataron, todos os demais, chamándoa polo seu nome verdadeiro. E a peza remata cunha canción que todos e todas cantan:

Nunha noite de lúa nova  

caeu do ceo unha pedra,   

aínda que era un meteoro   

desexaba ser estrela.

...