Amosando publicacións coa etiqueta Premio O Facho de Teatro Infantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio O Facho de Teatro Infantil. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de maio de 2026

Un novo título de... Carlos Labraña

Un novo título de... Carlos Labraña: Iceberg con ilustracións de Sara Romero aparece publicado por Galaxia na colección Árbore a partir de 8 anos. 

Esta obra conseguiu o premio O Facho de Teatro Infantil 2025.

Unha hisotira chea de tenrura e humor, de referencias a clásicos como a illa onde se agacha o tesouro, o Titanic convertido en Tilanic, a hora do té convertida en hora da tila, piratas, icebergs... A nai osa leva á súa cría ás proximidades dun poblado inuit para que un home amigo se faga cargo dela mentras recupera forzas para a etapa de hibernación. O cambio climático dificulta ese rescate, cando o inuit tira do sedal no que prendeu un tiburón, crébase o bloque de xeo no que está o seu iglú e as correntes lévanos polo mar adiante. Os diferentes encontros cun grande cruceiro, unha illa furada, unha cría de balea que busca a súa nai, un pai e unha filla nunha praia do Caribe...  vai fiando un relato cheo de humor e crítica. O medo aos iceberg por parte do capitán do cruceiro que non quere que lles pase o mesmo que ao Titanic, eses prexuízos que non teñen en conta nin siquera o que ven os seus propios ollos ou o sometemento a costumes que impiden resolver asuntos de urxencia como paralo todo pola hora da tila. O pirato que pasa fame, que se aproveita do traballo dos demais pero que teme que se quedan con algo do seu tesouro e está disposto a deixar a vida no intento. Personaxes bondadosos como a cría de balea que lles axuda sen pedir nada a cambio. A ilusión de ver no ceo a súa nai ou verse a si mesmo ao seu lado nas osas Maior e Menor, de identificar a Estrela Polar e con el o norte que é o seu fogar. Eses enganos que teñen maxia e deben manterse porque están cheos de poesía. E a crítica máis mordaz a ese nena mimada que só ve o seu embigo e quere o osiño a como dea lugar e ese pai egoísta que non é quen de idenditificarse co problema dos demais.

Así se presenta: "A aposta por unha aventura no Ártico sobre amizade, supervivencia e regreso ao fogar, con ilustracións de Sara Romero. A editorial Galaxia publica Iceberg, de Carlos Labraña, texto recoñecido co Premio O Facho de Teatro Infantil 2025. A obra sitúanos no Polo Norte, onde a escaseza de alimento obriga a Osa Nai a afastarse para procurar sustento, deixando a súa cría ao coidado dun humano amigo, Inuk. A inestabilidade do medio marca o punto de partida da historia: o bloque de xeo no que se atopa o iglú de Inuk é tan fino que acaba por escachar, e Osiño e Inuk comezan unha viaxe á deriva sobre un iceberg. Nese percorrido vivirán diversas aventuras e atoparán personaxes de distinta procedencia, mentres manteñen un único desexo: regresar ao seu fogar. Dirixida ao público infantil, Iceberg constrúe un relato de acción e descubrimento, acompañado polas ilustracións de Sara Romero que reforzan visualmente o universo xeado no que transcorre a trama."

luns, 3 de xuño de 2024

Un novo título con premio de Carlos Labraña

Carlos Labraña como moi ben explica Montse Presas escribe un teatro infantil que non só non lle fuxe á problemática actual senón que se apoia nela. Ese punto de compromiso coas dificultades que, tamén a rapazada, percibe achégalle unha dose moi importante de especificidade.

Se en Moito Morro, Corporation falaba da situación ante os bancos, en O valo faino ante unha guerra que semella non ter fin, en Mambrú volveu da guerra intérnase na memoria histórica e en Ícaras nos desafiuzamentos.

Ícaras ilustrado por Lara Méndez (de xeito moi pero que moi correcto representando eses dous personaxes femininos de maneira sinxela pero con moito acerto) é o último libro, preséntase así: "Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?" Esta obra acadou o premio O Facho de teatro infantil 2022.

Unha historia lírica para envolver a crueza dunha situación á que non debería verse sometida a infancia. Un final aberto que permite a esperanza ou a desesperación máis absoluta. Un acerto esas ás, esa acción de voar como un acto de liberdade ou de abatemento total, esa mirada á casa que foi fogar e na que agora vive outra familia...

Os seres humanos, de un en un, fronte ao que comercia coa vida, as grandes cadeas que non perdoan.

mércores, 5 de xullo de 2023

Teatro: un premio publicado con certo retraso

Estrella... fugaz? de Carlos Labraña obtivo o XVI premio O Facho de Teatro Infantil en 2015 aínda que non se publicou ata 2022. Faino na editorial Galaxia, na colección Árbore, con ilustracións de Fonso Barreiro.

Así se presenta: "No cinto de asteroides que hai máis aló de Neptuno naceu Meteoro. Aínda que pasaba todo o día a xogar á roda cos seus irmáns, non era feliz, sentíase diferente. Polo que un día, aproveitando o paso dun cometa, marchou na procura dun lugar onde poder ser el mesmo." Quere ser estrela, así se sente.

Toca deixalo ser o que el queira, así fala a Rocha Vella, e unha vez que comprenderon que Meteoro posuía un corazón de Estrela, a pesar de non ter nado como tal, así a trataron, todos os demais, chamándoa polo seu nome verdadeiro. E a peza remata cunha canción que todos e todas cantan:

Nunha noite de lúa nova  

caeu do ceo unha pedra,   

aínda que era un meteoro   

desexaba ser estrela.

...