luns, 27 de xullo de 2026

As dúas avoas

Nina e Tina de Beatriz García - Huidodro e Raquel Catalina Ledesma, está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka na colección Demademora para lectorado a partir de tres anos.    

Non sempre as avoas son como aparecen nos libros que as crianzas len, por iso unha desteas criaturas nos conta como son as súas, totalmente diferentes ás que ve no papel. Máis alá de ir analizando as diferenzas entre o que le e o que ve nas súas avoas (tan diferentes unha da outra) está o que vai descubrir, porque os libros igual non se enganan tanto, ou si? 

Esa relación tan especial entre avoas e netas merece este e moitos libros máis, tal como pode verse na edición en galego. E... que riqueza que as avoas podan ser tan distintas unhas das outras!

As ilustracións moi interesantes. Polos trazos soltos e abocetados realizados con lapis de cores, cun uso contido da cor, a diversidade de planos e por facer protagonista a mirada da nena máis alá do que conta. Unha serie de metáforas visuais axúdannos a enriquecer a lectura, máis alá da chiscadela do gato da primeira páxina, o desenvolvemento da imaxinación da nena a partir da lectura, as posturas e representación da pequena moi autónoma que se move polo plano mentres os pais fan sempre outra cousa. Estes van avanzando nunha preparación que só entenderemos ao final; ela ao seu, contándonos o que pensa, movéndose pola escena con total liberdade. A nena está de cumpreanos dísenos na imaxe, cumpre catro, igual que se nos di que é o que lle gusta, os agasallos que recibe ou o que le. 

Unha combinación perfecta de texto e imaxe!

Ningún comentario:

Publicar un comentario