Amosando publicacións coa etiqueta Teatro infantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teatro infantil. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de xuño de 2024

Un novo título con premio de Carlos Labraña

Carlos Labraña como moi ben explica Montse Presas escribe un teatro infantil que non só non lle fuxe á problemática actual senón que se apoia nela. Ese punto de compromiso coas dificultades que, tamén a rapazada, percibe achégalle unha dose moi importante de especificidade.

Se en Moito Morro, Corporation falaba da situación ante os bancos, en O valo faino ante unha guerra que semella non ter fin, en Mambrú volveu da guerra intérnase na memoria histórica e en Ícaras nos desafiuzamentos.

Ícaras ilustrado por Lara Méndez (de xeito moi pero que moi correcto representando eses dous personaxes femininos de maneira sinxela pero con moito acerto) é o último libro, preséntase así: "Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?" Esta obra acadou o premio O Facho de teatro infantil 2022.

Unha historia lírica para envolver a crueza dunha situación á que non debería verse sometida a infancia. Un final aberto que permite a esperanza ou a desesperación máis absoluta. Un acerto esas ás, esa acción de voar como un acto de liberdade ou de abatemento total, esa mirada á casa que foi fogar e na que agora vive outra familia...

Os seres humanos, de un en un, fronte ao que comercia coa vida, as grandes cadeas que non perdoan.

venres, 2 de febreiro de 2024

Teatro da man de Paula Carballeira

Wombo Combo de Paula Carballeira aparece ilustrado por Paula Cheshire (moi acorde coa temática) e publicado na colección Merlín de Xerais.

Sinopse:"Sara odia a súa vida, ou polo menos a súa vida real: non ten case amigas e moito menos amigos; búrlanse do seu aspecto; non é brillante nos estudos, nin sequera mediocre... Sara ten a sensación de que podería desaparecer e ninguén se decataría. Pero Sara ten outra vida, unha vida virtual onde xoga en liña con ducias de persoas e é imbatible nas loitas facendo «Wombo Combo». Sara pasa cada vez máis tempo diante da pantalla: deixa de falar, de comer, de durmir... Ata que entra nun videoxogo novo onde debe ir superando retos, se non quere sufrir as consecuencias. Un texto teatral audaz que reflexiona sobre a vida virtual e a soidade na adolescencia." Para maiores de 11 anos.

Xogar, como facer solitarios, é aditivo e solitario. Ou podes xogar con alguén máis, contra el ou con el para vencer a outro. Dentro do xogo non pasa o tempo pero fóra o tempo pasa, a xente medra. Todos os xogos rematan, pero os xogadores quedan  nos seus cuartos, agardando a que saia outro. Que pasa cando se acaba o xogo? Que relación ten a vida real coa virtual? Para que un avatar? Os estímulos do dixital, as chamadas ao xogo, a dispersión ou concentración da atención, o xogo e a vida, ludopatías e zombis, o inglés invadindo o léxico, o xogo como evasión, a pantalla como prisión voluntaria, como conseguir vidas extra, a mestizaxe de linguas, premios e castigos, bolas de lume e lobishomes, trolls e videoxogos, heroes nas pantallas e acosados na escola, tetris e wombo Combo, gameiros, seguidoras nas redes, lixo espacial...

"- Non saes porque tes medo? - Non saio porque, cando xogo no ordenador teño o control, podo con calquera" 

"- Nos videoxogos podo ter milleiros, millóns de amizades, e ademais ser outra. - Tamén podes ser ti, doutra maneira. - Non me gusta ser eu."

"- Xogas para ser alguén, Sara, alguén que non pdoerías ser na vida real? - Na vida real podo ser eu. Na vida real o tempo é meu."

Por que se sorprenden cando descobren que detrás dos avatares hai rapazas?

mércores, 13 de decembro de 2023

Memoria histórica en teatro para a infancia

 

Mambrú volveu da guerra de Carlos Labraña, ilustrado por Raquel Lagartos e publicado por Xerais na colección Merlín, conseguiu o XXIII premio SGAE de teatro infantil 2022.

Así se presenta: "Unha nena está desexando explorar o parque infantil que abriron ás aforas da vila. Mentres xoga, encontra por casualidade un boneco enterrado. É un soldado de porcelana que lle conta que viviu na vila hai moitos anos, pero non é quen de lembrar o seu nome nin como acabou nese lugar. Coa axuda da súa familia, a nena intentará recompoñer o crebacabezas para que o boneco poida atopar o seu lugar."

E atoparao, porque a avoa é a filla dese soldado que garda ao lado do peito o debuxo que ela lle fixo de peqeuniña, porque a súa casa fica abandonada dende hai moitos anos, porque as nenas son insistentes e conseguen chegar a onde queren. Grazas á pequena, que o desenterra, consegue recobrar a memoria de quen foi e poder marchar ao lugar onde tiña que estar dende o principio da súa desaparición; agora quedan o resto das sombras, habitando o parque, para que a rapazada  axude nesta tarefa de recuperación, que devolverá a cadaquén ao seu lugar. 

Unha obra que segue o camiño de Labraña de enfrontar os temas máis duros cunha delicadeza extrema, atento aos problemas sociais e as preocupacións cívicas. As ilustracións acaídas, interesantes e nun momento "estrañas",  falando da lectura que se fai da obra con máis ou menos detemento, ou de como as pequenas son quen de ver de forma moi relativa as súas casas. Estoume a referir á casa verde que aparece no debuxo que a filla lle fixera, da que todos os personaxes comentan que é pequena pero que no debuxo aparece máis grande que as outras (ou tanto, polo menos).

Grazas por esta volta, Mambrú, porque estabas aí, na canción, lembrando o horror de todas as guerras!

venres, 13 de outubro de 2023

Unha nova obra de teatro

Os contos do Lobicán de Eva Mejuto obtivo o XV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques 2022. Aparece agora publicado por Baía con ilustracións de Sofía Venzel

Da presentación editorial: "Os contos do Lobicán é unha proposta estética adaptada con rigorosidade ao teatro de monicreques; unha historia en verso, áxil, divertida e atrevida que busca darlle a volta ao conto, que combina personaxes e universos temáticos propios dos contos clásicos con temáticas de actualidade, nomeadamente o respecto pola natureza e a convivencia pacífica e respectuosa entre os seres humanos e os animais."

Personaxes dos contos tradicionais (lobo, avoa, carapuchiña ou Xiana...) nunha historia contada doutra maneira porque agora é o lobo quen vai á casa do avó e debe ter coidado cos humanos que poden aparecer no bosque. Xogos de palabras, rimas, cancións... fan da obra unha representación feliz. 

mércores, 2 de agosto de 2023

XII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil

Nin me amoles de Ana Carreira obtivo o XII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. Aparece, agora, publicado na Biblioteca Dramática Galega, con ilustracións de Noemí López que achega as magníficas imaxes ás que nos ten acostumadas de grandes distancias entre as crianzas e os maiores, de curvas que nos levan case aos castros, de seres tenros e fondos arquitectónicos recoñecibles; ela comparte con nós o mundo infantil dunha maneira que nos emociona, neste caso con cores cálidas criaturas coa redondez que lles corresponde afastadas desas "Barbies" mozas sexuadas en pequeno formato, con grandes picados e contrapicado que nos mostran a realidade a vista de paxaro ou dende o chan... Un acerto!

Así se presenta: "Lola é unha nena que sofre os abusos do seu compañeiro Mamalón, aguanta as impertinencias da súa veciña Meticona e resígnase á ausencia da súa mai, que nunca pode xogar con ela. Pero un día, ao volver da escola, da súa mochila emerxe Nin, un trasno ou trasna, segundo lle pete, a quen só Lola pode ver. Entre xogos e reviravoltas, Nin apréndelle á nena outro xeito de enfrontarse aos problemas." Moi ben resumida a historia, introducindo ese ser do que non se explicita o sexo pero que resulta ese amigo que precisa a nena sen irmáns, sen que apareza o pai, coa nai traballando sempre e cunha veciña "metichona". Un texto moi áxil, que semella brincarse máis que dicirse que xira ao redor desa nena alegre (a pesar de todo) que bota de menos as caricias da nai pero está disposta a valerse por si mesma e agradecer a axuda desa criatura Nin que cambia a realidade con humor.

En canto a outras novas, estaría ben dicir que Violeta Parapluie (I Premio Arume de Poesía Infantil) acaba de saír en castelán na editorial Triqueta Verde en pasta dura e maior tamaño. Ou tamén, que a USC acaba de publicar O diario de contos de Gabriela do médico Manuel Martínez Pérez ilustrado por varios rapaces e rapazas do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

martes, 28 de marzo de 2023

Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia

 

Despois daquel premio Estornela de Teatro para a Infancia que convocaba a Fundación Neira Vilas, aparece agora convocado pola mesma fundación este premio que quere homenaxear a Anisia Miranda, a outra cara da Fundación, a escritora infantil que sempre camiñou ao lado de Neira Vilas.

O Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia recaeu na primeira convocatoria na obra Travesía Unicornio de María Canosa, que aparece sen ilustracións, con só a cuberta de María Brenn, publicada por Embora.

Un neno e un unicornio que non quere ter corno, unha xenia que aparece cando prenden unha lámpada. A xenia está disposta a cumprirlle os desexos pero eles non se poñen dacordo, que se o unicornio non quere ter corno, que se o neno quere que o unicornio o teña, que se desconfían de que unha xenia sexa tanto coma un xenio, que se a xenia é xenial mentres o xenio ten mal xenio... unha disparatada sucesión de diálogos, unha complicidade que nos mantén o sorriso, pero sobre todo, o dereito a que cada un ou cada unha sexa quen quere e como quere, a que xenias e xenios cumpran os desexos e poder ser unicornio ou balea ou bolboreta porque non hai cousas de nenos nin de nenas, porque todos somos iguais en dereitos e capacidades!