Amosando publicacións coa etiqueta Memoria histórica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Memoria histórica. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de xaneiro de 2025

Un álbum para a memoria histórica

A lavandeira de San Simón é un álbum ilustrado, escrito por Eva Mejuto e coas imaxes de Bea Gregores que abre a colección Pequena Memoria de Xerais. 

A autora que xa tiña tratado a recuperación da memoria histórica na novela xuvenil Memoria do silencio, a través da historia das irmás Touza de Ribadavia, céntrase agora nas mulleres que visitaban os presos da illa de San Simón. Lavandeiras porque lle lavaban as roupas e porque no media desas telas ían e viñan cartas que facían algo máis levadeira a situación. A illa da Memoria recupera así algo da lembranza daqueles tempos nos que o horror envolveu a beleza; faino a través de dous rapaces que viaxan coas nais á illa e ven o que ningún neno, ningunha nena, debera ter que ver nunca. Nas gardas as fotos deses tempos na illa e das persoas relacionadas con esta historia. No relato a vergonza e o medo, os insultos e o illamento, a fame e os piollos, denuncias e cunetas ensanguentadas, cadea e campo de concentración... todo ao servizo da recuperación das voces silenciadas da historia. As mulleres sen nome que lavaron e cociñaron para que no medio da iniquidade se puidera recoñecer a solidariedade.  

A través dun enlace accedemos á páxina na que se documenta esta historia.

mércores, 2 de outubro de 2024

Memoria histórica nunha novela xuvenil publicada no 2023

A pioneira de Héctor Pena trata o tema da Memoria Histórica, o fútbol e a discriminación da muller, neste ano 2023. Publicada por Xerais en Fóra de xogo, o seu autor é especialista nos dous primeiros temas, escribe sobre deportes en Nós Diario, tamén o fixo noutros xornais, comisariou exposicións (Galiza, un pobo, unha selección) e publicou libros como Os Nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo.

Preséntase así:"De Ester din que é unha "marimacho". Tamén lle chaman "muller hombruna". E só porque lle gusta xogar ao fútbol. Ou, quizais, porque o seu corazón non latexa ao ritmo que dita a sociedade. Talvez é moito pedir para A Coruña de hai cen anos. Loitar contra todo e contra todos para facer realidade os seus soños é a súa razón de ser. Pero a Guerra Civil e a represión do fascismo poden ser un muro demasiado duro que superar. Ou non. Porque a "roja acérrima" que vían as autoridades convértese nunha pioneira e un exemplo para as mulleres de alto risco. Empacadoras, atadoras, pescantinas e proletarias da industria pesqueira que se botaron ás rúas para opoñerse ao novo Réxime do 18 de xullo. Un camiño de sororidade tecido a través dunha rede de protección fronte aos bechos, o frío, a fame e os inimigos da liberdade. E co balón na cabeza, nos pés e nas mans da gardamallas."

A amizade entre dúas mulleres, ser porteira dun equipo de fútbol na Coruña da República, a evolución dun home dende a cortesía e a solidariedade á violencia, a Falanxe e a División Azul, os anos de penuria no cárcere e no exilio interior, a delación... temos todos eles tratados na novela onde a presenza do fútbol é constante. 

Nunca unha obra foi tan oportuna!!!!

martes, 2 de abril de 2024

De libros e bibliotecas, de memoria histórica e franquismo.

A ladroa da biblioteca de Meirás de Eva Mejuto resultou finalista do Premio Jules Verne e agora ve a luz  na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Un argumento anclado na historia do franquismo, na residencia de verán que certos prefostes agasallaron ao caudillo a conta do pobo. Un pazo que foi de Emilia Pardo Bazán (pasar da nobleza ao militarismo, da cultura á soberbia), unha das mellores bibliotecas da época situada na torre da Quimera, unha nena na fronteira da idade roubando libros nun dos lugares máis perigosos do mundo para universos aos que fuxir e para vingar o roubo da casa e as terras da súa familia. Polo medio os ovos de Meirás, as señoritas da Coruña buscando un lugar de privilexio ao lado de donacarme, un rapaz que descobre a súa homosexualidade e quere vivir libre, a amizade como táboa de salvación, a guerrilla cunha tía fuxida no monte loitando por un futuro digno para as próximas xeracións, unha filla de solteira, unha familia marcada polo seu republicanismo, as Misións Pedagóxicas, a biblioteca da Escola Labrega, a Sección Feminina, o mundo do revés co onte adiantado ao hoxe, co tempo parado nos reloxios e marcha atrás, os atentados contra o ditador que nunca chegaron a lograrse ata morrer de morte natural na súa cama, a arte (música e literatura) salvando aos espíritos presos... A memoria histórica, o amor polos libros, a reivindicación feminista, a homosexualidade, a parte histórica de como lle entregan o pazo, das visitas dos Franco, das idas a Santiago, a referencia ao libro de Suso de Toro e Baltar nese atentado e cámara de fotos, esa donacarme collares á que temían tando coma ao ditador, de como conseguiron Meirás, de como lles facían dar donativos aos que nada tiñan...

mércores, 13 de decembro de 2023

Memoria histórica en teatro para a infancia

 

Mambrú volveu da guerra de Carlos Labraña, ilustrado por Raquel Lagartos e publicado por Xerais na colección Merlín, conseguiu o XXIII premio SGAE de teatro infantil 2022.

Así se presenta: "Unha nena está desexando explorar o parque infantil que abriron ás aforas da vila. Mentres xoga, encontra por casualidade un boneco enterrado. É un soldado de porcelana que lle conta que viviu na vila hai moitos anos, pero non é quen de lembrar o seu nome nin como acabou nese lugar. Coa axuda da súa familia, a nena intentará recompoñer o crebacabezas para que o boneco poida atopar o seu lugar."

E atoparao, porque a avoa é a filla dese soldado que garda ao lado do peito o debuxo que ela lle fixo de peqeuniña, porque a súa casa fica abandonada dende hai moitos anos, porque as nenas son insistentes e conseguen chegar a onde queren. Grazas á pequena, que o desenterra, consegue recobrar a memoria de quen foi e poder marchar ao lugar onde tiña que estar dende o principio da súa desaparición; agora quedan o resto das sombras, habitando o parque, para que a rapazada  axude nesta tarefa de recuperación, que devolverá a cadaquén ao seu lugar. 

Unha obra que segue o camiño de Labraña de enfrontar os temas máis duros cunha delicadeza extrema, atento aos problemas sociais e as preocupacións cívicas. As ilustracións acaídas, interesantes e nun momento "estrañas",  falando da lectura que se fai da obra con máis ou menos detemento, ou de como as pequenas son quen de ver de forma moi relativa as súas casas. Estoume a referir á casa verde que aparece no debuxo que a filla lle fixera, da que todos os personaxes comentan que é pequena pero que no debuxo aparece máis grande que as outras (ou tanto, polo menos).

Grazas por esta volta, Mambrú, porque estabas aí, na canción, lembrando o horror de todas as guerras!

domingo, 10 de xullo de 2022

De banda deseñada, de O Garaxe Hermético, de Deputación de Pontevedra

Infiniteca forma parte da colección Cornelius, publicado pola escola O Garaxe Hermético e a Deputación de Pontevedra. Un par de prólogos de Emilio Bernárdez (editor de La Cúpula) e Ricardo Esteban (editor de Nuevo Nueve) que colaboran na selección dos traballos e unha introdución do equipo de mestres da escola. Este é o sétimo libro  creado de xeito conxunto por alumnado do curso profesional de BD.

Un recompilatorio de historias curtas de distintas autorías, todas elas alumnado de O Garaxe Hermético.

Kiko da Silva, creador e director, non só ensina senón que abre campos na edición, saca á luz os traballos dese alumnado. O seu esforzo vese compensado por estes libros que amosan a creatividade en estado puro, a calidade da mostra e a variedade de historias. Cada unha co seu propio estilo e temática para abrir fiestras a novoa campos.

Regreso á illa de San Simón é un volume coordinado por Kiko da Silva, deseñado por Retranca editora, na que as capas son de Fernando Iglesias - Kohell, as gardas de Miguel Porto, a historia que principia e finaliza de Miguel Rojo e Pablo Prado. As historias curtas que constitúen o corpo do libro son de Fernando Llor, Zaida Novoa, Ana Pumares, Damián Gomez, Iago Fernández, Miiram Iglesias, Eli García, Antonio Recuna, Fonso Barreiro, Mara Méndez, Olalla González e Lorena Nikoli.

Situada nesa illa que é canon de beleza, inspiradora de trobadores medievais e que ao longo do tempo pasou por ser lazareto a campo de concentración, as historias sitúanse neste último uso, un lugar de morte que debe transformarse en espazo de memoria. Montse Fajardo realiza un dos prólogos presentando estas historias que son Historia entre 1936 e 1943. A maldade andaba solta por ese lugar de reminiscencias literarias, de piratas e tesouros que ás veces son memorias. O cárcere da illa e o cárcere do barco fronte á illa. As visitas aos presos, a espera de cada noite e a inseguridade de cada amencer, os testemuños,a maldade campando pola igrexa e os militares, as criaturas convivindo cos horrores... Un novo libro para a memoria histórica, para a memoria pequeniña, para ler e sentir, para escribir / debuxar e contar o que non pode quedar oculto. Grazas, tamén por isto, a Kiko da Silva, a O Garaxe Hermético, a Retranca, á Deputación de Pontevedra.

venres, 31 de decembro de 2021

A nena lectora, un novo libro da colección "A pequena memoria"

A nena lectora de Manuel Rivas é o segundo libro da colección "A pequena memoria" que comezou con A lavandeira de San Simón. Garda coa primeira o formato de libro grande con pastas duras e ilustracións abondosas, tamén un texto informativo ao final onde se relaciona o relato coa Historia dos tempos nos que está situada e as imaxes de fotografías daquel tempo nas gardas. 

Recuperar a memoria é necesario, por iso, despois da historia anterior relacionada co campo de concentración na illa de San Simón nos tempos de guerra e posguerra, acaía este ano (no que celebramos o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán) recalar na Coruña que se reflicte no seu libro A tribuna. Son os tempos retratados, unha familia de pai trapeiro e nai misteira, cun irmá maior que lles le e ha de fuxir, despois de protestar contra a guerra de Marrocos. Cando el se vai a nena acude á escola de Antorcha Galaica disfrazada de neno para aprender a ler, porque nas lecturas están os soños, as vidas que vivimos fóra da nosa, está tamén o valor da cultura e da aprendizaxe ou por facer posible un mundo mellor. No medio dos trapos o pai trae tesouros para a casa, restos que alguén tirou ao lixo e que eles aproveitan como eses espellos deformes ou unha medio autómata coa maquinaria á vista. E... esa nena que lle le á nai na enfermidade e, posteriormente, ás mulleres da fábrica, mentres traballan, é unha luz que as fai soñar e tamén unha esperanza porque é muller e le, porque é pobre e sabe.

As ilustracións son de Susana Suniaga, quen ganou o concurso de carteis do Salón do Libro o ano dedicado ao humor.