venres, 31 de decembro de 2021

A nena lectora, un novo libro da colección "A pequena memoria"

A nena lectora de Manuel Rivas é o segundo libro da colección "A pequena memoria" que comezou con A lavandeira de San Simón. Garda coa primeira o formato de libro grande con pastas duras e ilustracións abondosas, tamén un texto informativo ao final onde se relaciona o relato coa Historia dos tempos nos que está situada e as imaxes de fotografías daquel tempo nas gardas. 

Recuperar a memoria é necesario, por iso, despois da historia anterior relacionada co campo de concentración na illa de San Simón nos tempos de guerra e posguerra, acaía este ano (no que celebramos o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán) recalar na Coruña que se reflicte no seu libro A tribuna. Son os tempos retratados, unha familia de pai trapeiro e nai misteira, cun irmá maior que lles le e ha de fuxir, despois de protestar contra a guerra de Marrocos. Cando el se vai a nena acude á escola de Antorcha Galaica disfrazada de neno para aprender a ler, porque nas lecturas están os soños, as vidas que vivimos fóra da nosa, está tamén o valor da cultura e da aprendizaxe ou por facer posible un mundo mellor. No medio dos trapos o pai trae tesouros para a casa, restos que alguén tirou ao lixo e que eles aproveitan como eses espellos deformes ou unha medio autómata coa maquinaria á vista. E... esa nena que lle le á nai na enfermidade e, posteriormente, ás mulleres da fábrica, mentres traballan, é unha luz que as fai soñar e tamén unha esperanza porque é muller e le, porque é pobre e sabe.

As ilustracións son de Susana Suniaga, quen ganou o concurso de carteis do Salón do Libro o ano dedicado ao humor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario