xoves, 2 de decembro de 2021

Darío Xohán Cabana. As viaxes do príncipe azul

As viaxes do príncipe azul de Darío Xohán Cabana, foi publicado por Galaxia na colección Sete Mares, no ano 1993. As ilustración son de Xan Balboa, ese artista que semella tocar no románico e que tan boas imaxes  nos ten achegado nas obras dos lugueses Paco Martín e Darío Xohán Cabana (Chirlo Merlo na figueira). Os títulos dos capítulos semellan acompañar marabillosamente o estilo das ilustracións: Onde se empeza polo principio contando a difícil xeración do príncipe Cerúleo, Onde transcorre a infancia e primeira mocidade do príncipe Cerúleo, Onde o príncipe Cerúleo ten unha aventura cun pavoroso dragón... ata Onde acaba felizmente esta verdadeira historia.

Comeza a historia e convén ler ese principio para recoller o ton do relato: "Había unha vez un rei e unha raíña que querían ter n fillo; pero non o daban feito, e iso que traballaban noite e día con gran entusiasmo e dedicación. Xa levaban sete anos neste empeño, e non é cansasen de traballar, pero empezaban a desesperar de que a natureza puidese obrar ela soa." Despois de tentalo nunha clínica da Confederación Alpina, por recomendación dos que o rodean e ante o medo a cambiar a dinastía, fan unha convocatoria no Boletín Oficial do Estado para un concurso de ideas, o que diga a maneira de conseguir herdeiro será recompensada. Así chega a palacio unha meiga que pedirá a liberdade para o seu único neto que esta nas prisións reais por conspiración política ("Se o teu neto fixese coma min e non se metese en política, non estaría no cárcere" dille o rei). Acceden a cumprir as condicións e nace o rapaz, a meiga que xa é madriña vaille conceder tres dons que lle axudarán no futuro (ver por debaixo das aparencias, pensar dúas veces antes de tomar decisións e poder tras-acordar). Medra o príncipe sen destacar polo seu corpo nin polos estudos ata o punto de que o pai declara: "A formación dos príncipes herdeiros non debe quedar exposta á azar da súa intelixencia, nin o prestixio dun futuro rei debe arriscarse na rendición de exames escolares coma se dunhas oposicións a garda municipal se tratase, Reclamo os dereitos da tradición, e ordeno e mando que sigas a antiga e educativa vía que as vellas lendas prescriben, que é a de correr aventuras un tempo e gañar cabaleirescamente unha esposa para sentar no trono que che pertence por sangue, e non por neuronas nin farrapos de gaita" e continúa dándolle consellos "Na medida en que nos é dado escoller, que moito non é, as aventuras contra dragóns son de gran lucimento. A defensa de pasos honrosos contra cen ou trescentos cabaleiros tamén está ben, pero non cha recomendo, tidas en conta as túas dubidosas virtudes militares. Tamén hai fermosos casos de cabalos máxicos, de bosques impenetrables con princesas dormentes, ou de bater con un  que pon tres condicións para gañar algún premio, ou cun home pequeniño que te leva a un reino subterráneo (...)".

Bótase o príncipe ó camiño e ten a súa aventura cun dragón co que conversa e queda por vencedor ante a vila cando o sucede é que ao dragón lle toca durmir trescentos anos, o encontro coa fada Lupina que por un exceso de sinceridade o mantén prisioneiro unha chea de anos ata que consegue superar as tres probas ás que o somete, ou aquela na que "gaña unha princesa e non sabe que facer con ela" así que trasacorda, marcha onde a meiga madriña e co seu neto revolucionario artella a maneira de converterse en bibliotecario cando se instala a república. Porque a el o que realmente lle gusta é ter conversas filosóficas e andar entre libros, por iso, cando atopa unha biblioteca nun mosteiro case queda alí para sempre porque el adora "escoitar cos ollos as palabras dos mortos". A historia acaba felizmente "O desherdado príncipe Cerúleo gañou a oposición con xustiza e folgura, e desde aquela viviu canda súa madriña, sempre tranquilo e feliz, e non lle faltaba algunha perdiz que outra cando era tempo de caza"

O humor acompaña a crítica ao caciquismo instalado no poder municipal, aos reis cos cartos en paraísos fiscais aos que marchar cando se declara a república, ás princesa caprichosas e faltas de educación... pero tamén recoñecemos os nomes da materia de Bretaña (a fraga de Brocelandia, Merlín, Excalibur...) que acostuman acompañar as historias deste autor.  Esta, particularmente, vai coma un río, contada nesa maneira tan propia e engadindo os ingredientes aos que el lle ten moita querenza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario