xoves, 16 de decembro de 2021

Dúas novelas: o premio Raíña Lupa e unha novela de instituto

O premio Raíña Lupa 2020 recaeu no libro de X. Antonio Neira Cruz, O enigma de Santiago que agora publica Galaxia na colección Costa Oeste. Unha novela situada en Compostela, na actualidade, pero que viaxa ata os tempos dos arzobispo Fonseca a través dun túnel que se move debaixo do plano da cidade.  Unha nai desaparecida, un pai que non deixa de buscala, un adolescente que vive no casco antigo e unha moza que lle dá a volta a todo cando entra nesa casa familiar para recoller un sobre que deixa para ela o pai.

Tres amigos e unha cadela viaxando no tempo, pasando polos lugares da Inquisición e polos actuais, as decisións que hai que tomar para volver ou quedar noutro tempo e... unha solución ao enigma dos desaparecidos, daqueles dos que nunca máis se sabe.

O conserxe de Xosé Luís Vázquez Somoza, publicada por Xerais na colección Fóra de Xogo é unha novela de instituto. O conserxe e a directora, o alumnado e dentro del aqueles indeseables que ninguén quixera coñecer aínda sabendo que son produto dunhas circunstancias (as dúas rapazas que insultan e ameazan a través do móbil á compañeira, o rapaz que agrede ao compañeiro e o somete a bulling), a delincuencia aparecendo xa neses lugares que deberían estar libres de maltrato... Un suicidio, ou asasinato? Un conserxe que decide indagar que pasou cando xa a policía pechou o caso e descubre algo tremendo pero... o que el decide é absolutamente inesperado. Porque tamén aparecen os dilemas morais e porque estou segura que aqueles que lean a novela e decidan comentala discutirán moito ese final. E, no medio os amores que aparecen cando menos se agarda e fan dicir aquilo de que fron a "non hai quen te queira" a ver se "hai quen te deixe de querer".

Ningún comentario:

Publicar un comentario