mércores, 2 de outubro de 2024

Memoria histórica nunha novela xuvenil publicada no 2023

A pioneira de Héctor Pena trata o tema da Memoria Histórica, o fútbol e a discriminación da muller, neste ano 2023. Publicada por Xerais en Fóra de xogo, o seu autor é especialista nos dous primeiros temas, escribe sobre deportes en Nós Diario, tamén o fixo noutros xornais, comisariou exposicións (Galiza, un pobo, unha selección) e publicou libros como Os Nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo.

Preséntase así:"De Ester din que é unha "marimacho". Tamén lle chaman "muller hombruna". E só porque lle gusta xogar ao fútbol. Ou, quizais, porque o seu corazón non latexa ao ritmo que dita a sociedade. Talvez é moito pedir para A Coruña de hai cen anos. Loitar contra todo e contra todos para facer realidade os seus soños é a súa razón de ser. Pero a Guerra Civil e a represión do fascismo poden ser un muro demasiado duro que superar. Ou non. Porque a "roja acérrima" que vían as autoridades convértese nunha pioneira e un exemplo para as mulleres de alto risco. Empacadoras, atadoras, pescantinas e proletarias da industria pesqueira que se botaron ás rúas para opoñerse ao novo Réxime do 18 de xullo. Un camiño de sororidade tecido a través dunha rede de protección fronte aos bechos, o frío, a fame e os inimigos da liberdade. E co balón na cabeza, nos pés e nas mans da gardamallas."

A amizade entre dúas mulleres, ser porteira dun equipo de fútbol na Coruña da República, a evolución dun home dende a cortesía e a solidariedade á violencia, a Falanxe e a División Azul, os anos de penuria no cárcere e no exilio interior, a delación... temos todos eles tratados na novela onde a presenza do fútbol é constante. 

Nunca unha obra foi tan oportuna!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario