venres, 11 de outubro de 2024

Un novo álbum de Xerais

Uxía e o mar de Paula Merlán e Terteres está publicado por Xerais. "Uxía tiña un soño grande, moi grande... Xigante! Ver o mar. Unha emocionante viaxe ata o mar; unha valiosa aprendizaxe para a vida."

Uxía sabía moitas cousas do mar: como arrecende, como é, como se escoita... pero quería velo por si mesma. Soña con velo e emprende a viaxe coa mochila ao lombo. Seguirá o camiño preguntando. Atopa unha árbore que lle explica ata onde ve (flores e abellas), cando chega ao campo de flores e pregunta ás abellas que tampouco o viron pero dinlle cara onde voan as gavotas; cando cansa e se bota a durmir nunha cova a osa cóidaa e á mañá seguinte lévaa ao carrelo buscando as gavotas ata que cansa e a ten que deixar ir, segue ás gaivotas e cando desespera e se bota a chorar descobre un olor moi peculiar e unha auga tamén salada. Métese nela e cando sae lembra a todos os que lle axudaron: colle area, enche a catimplora de auga salada e volve para visitar e compartir ese tesouro coa osa, as abellas e a árbore. Uxía estaba compartindo cos demais a felicidade que comezara a repartir cando abrazara á árbore ao despedirse (ninguén lle dera tanto agarimo), cando lle cantara unha canción ás abellas (ninguén lles dera tanta diversión), cando bicara á osa (ninguén lle dera tanto amor). Unha viaxe de ida e volta cun obxectivo que comparte e experiencias, mostras de afecto que reparte. O mar é inmenso pero é máis grande aínda se nesa busca coñeces a outros que che axudan e aos que axudas. Nada se perde máis que o que non se dá!

Fermosas ilustracións nas que o mar e o campo enchen casa, cama e roupas, a pequenez da nena e a grandeza da árbore, o campo de margaridas, o enxamio de abellas, a osa, a bandada de gavotas e o mar case infinito coas ondas e fauna, os pés dentro, a caracola que o leva sempre dentro, o mar que se extende polas gardas, por todo o libro e pola realidade: o desexo tras do que hai que correr!

Ningún comentario:

Publicar un comentario