domingo, 13 de outubro de 2024

Libro de artista, libro de artistas

Libro de artista, libro de artistas como todos os que publica Chan da pólvora na colección Udra de poesía para a infancia, como Nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, como Tinta de luz de Pepe e Berta Cáccamo. Neste caso estamos ente María do Cebreiro e Antón Lamazares co libro Quería contarche o que é unha casa. Unha obra que é deseño, fotografía, pintura, obxectos... e o verso sempre de fondo, a poesía tentando contarlle algo á criatura, algo tan fundamental como o que é unha casa, a casa, o fogar... ou é que o bebé / a bebé xa o sabe?

Bebe da natureza, da profundidade da creación, da fonte da vida, de máis alá do que se ve... chega ao corpo da nai, o niño do que foi peixe, os dous xuntos foron todo e máis... tempo despois a súa casa é o seu corpo, o propio, Agora que anda a rentes do chan pode ser moitas cousas, ata un caracol coa casa a costas e  a baba ronsel de prata, unha casa que se move como todo o que a crianza toca. Que pasará nun futuro? a nai xa ten a resposta! O artista plástico xoga coa súa casa, as cores e os obxectos que poden contelas, xoga co seu mundo, o que comparte coa infancia dende sempre. 

Un libro para ler e mirar, par remirar moitas mitas veces, un libro que permanecerá ao longo do tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario