Amosando publicacións coa etiqueta libro de artista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta libro de artista. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de novembro de 2024

Labirinto de Ramón Trigo

Labirinto de Ramón Trigo subtitúlase Diario de viaxe dun artista monocromo e está publicado por Kalandraka na colección MareMar.

Así se presenta:"Unha viaxe ao corazón de África, cuxas paisaxes, cores, sabores e segredos axudaron ao autor a descifrar o seu propio labirinto creativo"

O artista traballa unicamente co gris escuro e o negro intenso ata que emprende unha longa viaxe que lle descobre o labirinto dun continente e as súas cores: o azul do océano, o verde da selva, o amarelo das terras ou as mil tonalidades das froitas. Ao tempo que se abren para el as cores, tamén o fan os olores e sabores descoñecidos, as voces nunca escoitadas, as texturas ocultas, rituais, tradicións e símbolos propios deses mundos, as xentes que o fan posible... Nos seus rostros estaba o segredo do labirinto, eles como Ariadna, poden guialo pola brétema cor azafrán que o define. Á volta, todo iso forma parte del, do propio labirinto pero tamén da imaxe que o espello reflicte.

Un libro de artista que descobre un novo mundo fronte ao seu, que pasa do gris ao multicolor e da liña ao labirinto. Porque a calor ten cor, sen dúbida!

...Un mundo verde con espirais estivo sempre aquí dando cobixo e misterio a unha terra de ríos e mares, de rías e mansedume aprendido do animal totémico: a vaca.

domingo, 13 de outubro de 2024

Libro de artista, libro de artistas

Libro de artista, libro de artistas como todos os que publica Chan da pólvora na colección Udra de poesía para a infancia, como Nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, como Tinta de luz de Pepe e Berta Cáccamo. Neste caso estamos ente María do Cebreiro e Antón Lamazares co libro Quería contarche o que é unha casa. Unha obra que é deseño, fotografía, pintura, obxectos... e o verso sempre de fondo, a poesía tentando contarlle algo á criatura, algo tan fundamental como o que é unha casa, a casa, o fogar... ou é que o bebé / a bebé xa o sabe?

Bebe da natureza, da profundidade da creación, da fonte da vida, de máis alá do que se ve... chega ao corpo da nai, o niño do que foi peixe, os dous xuntos foron todo e máis... tempo despois a súa casa é o seu corpo, o propio, Agora que anda a rentes do chan pode ser moitas cousas, ata un caracol coa casa a costas e  a baba ronsel de prata, unha casa que se move como todo o que a crianza toca. Que pasará nun futuro? a nai xa ten a resposta! O artista plástico xoga coa súa casa, as cores e os obxectos que poden contelas, xoga co seu mundo, o que comparte coa infancia dende sempre. 

Un libro para ler e mirar, par remirar moitas mitas veces, un libro que permanecerá ao longo do tempo.

martes, 10 de maio de 2022

De corpos e mulleres

Un par de libros que tratan de mulleres e os seus corpos.

Un deles de María Reimóndez, Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s ( e non só) publicado por Xerais

O outroHshoume. Corpo e sexualidade en Marrocos, de Zainab Fasiki. Está traducido por e e publicado polo selo Sushi de Rinoceronte. Preséntase así: "No meu país, en Marrocos, é hshouma discutir sobre certos temas, principalmente sobre a sexualidade e o corpo, e aínda máis querer vivilos. Estas prohibicións, afirmadas polo islam e reforzadas polas leis, xeraron moitos males na miña sociedade, como a frustración e a violencia. Por desgraza, e aínda hoxe, moitos marroquís seguen convencidos de que a prohibición permite manter a paz social… Mais, onde está esta paz? Para comprender o que vivimos, propóñovos que observemos xuntos o reinado de hshouma, na súa dimensión educativa, relixiosa e política. Para romper estes tabús, dou fe aquí da miña vida como moza marroquí. Unha obra na que se xoga coa ilusración e o texto, co deseño e a arte, porque a creadora é enxeñeira do Estado, pero tamén creadora de bandas deseñadas, artista contemporánea, creadora do colectivo Women Power e, con este proxecto, tenta rachar os tabús ao redor do corpo nú e das muleres no seu país polo que foi premiada  nas Xornadas Internacionais de defensa dos dereitos humanos por Amnistía Internacional en 2018.