Amosando publicacións coa etiqueta Paula Merlán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paula Merlán. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de outubro de 2024

Un novo álbum de Xerais: Uxía e o mar

Uxía e o mar de Paula Merlán e Terteres está publicado por Xerais. "Uxía tiña un soño grande, moi grande... Xigante! Ver o mar. Unha emocionante viaxe ata o mar; unha valiosa aprendizaxe para a vida."

Uxía sabía moitas cousas do mar: como arrecende, como é, como se escoita... pero quería velo por si mesma. Soña con velo e emprende a viaxe coa mochila ao lombo. Seguirá o camiño preguntando. Atopa unha árbore que lle explica ata onde ve (flores e abellas), cando chega ao campo de flores e pregunta ás abellas que tampouco o viron pero dinlle cara onde voan as gavotas; cando cansa e se bota a durmir nunha cova a osa cóidaa e á mañá seguinte lévaa ao carrelo buscando as gavotas ata que cansa e a ten que deixar ir, segue ás gaivotas e cando desespera e se bota a chorar descobre un olor moi peculiar e unha auga tamén salada. Métese nela e cando sae lembra a todos os que lle axudaron: colle area, enche a catimplora de auga salada e volve para visitar e compartir ese tesouro coa osa, as abellas e a árbore. Uxía estaba compartindo cos demais a felicidade que comezara a repartir cando abrazara á árbore ao despedirse (ninguén lle dera tanto agarimo), cando lle cantara unha canción ás abellas (ninguén lles dera tanta diversión), cando bicara á osa (ninguén lle dera tanto amor). Unha viaxe de ida e volta cun obxectivo que comparte e experiencias, mostras de afecto que reparte. O mar é inmenso pero é máis grande aínda se nesa busca coñeces a outros que che axudan e aos que axudas. Nada se perde máis que o que non se dá!

Fermosas ilustracións nas que o mar e o campo enchen casa, cama e roupas, a pequenez da nena e a grandeza da árbore, o campo de margaridas, o enxamio de abellas, a osa, a bandada de gavotas e o mar case infinito coas ondas e fauna, os pés dentro, a caracola que o leva sempre dentro, o mar que se extende polas gardas, por todo o libro e pola realidade: o desexo tras do que hai que correr!

venres, 21 de xullo de 2023

Era outra vez

 

Non, non se trata da colección que contaba os contos doutra maneira. Ou si, porque se van contar tres contos dándolle unha volta. Era outra vez contén. O xigante egoísta por Ramón D. Veiga, O traxe novo do director por Bea Campos e Aladino e a lámpada tecnolóxica por Paula Merlán. Está publicado por Cumio. Unha actualiación!

Así se presenta: "'Era outra vez' é unha escolma deses contos que había antes da Internet, dos móbiles, da televisión ou mesmo da radio.

Como son os xigantes deste século? E se en vez dun emperador se tratase do director dun colexio? Necesitarían hoxe en día os xenios das lámpadas marabillosas wifi para conectarse? 'O xigante egoísta', de Oscar Wilde, 'O traxe novo do emperador', de Hans Christian Andersen e 'Aladino e a lámpada marabillosa', o conto popular árabe adaptado tamén por Andersen, son os contos favoritos de Ramón D. Veiga, Bea Campos e Paula Merlán.

Hoxe son reinterpretados con talento, imaxinación e un mundo de cariño. Unhas ilustracións ben interesantes de Xiana Teimoy completan unha peza de luxo para todos os públicos."

luns, 13 de febreiro de 2023

O Arranxacontos e Sidi, unha viaxe cara á vida

Dous contos ben distintos. Ambos en pequeno formato, agora que semella que canto máis grande mellor...O primeiro deles está publicado en Malian que semella unha editorial da casa, onde publican autora e ilustradora. Unha historia xunta historias, algo tamén moi de moda. O Arranxacontos é un mago que fai iso, mantén as historias tradicionais de tal forma que podan seguir contándose, atende as a chamada da Bruxa Malvada de Brancaneves porque non lle quedan mazás ou a Riciños de Ouro porque esnaquizou a cadeira dos Tres Osos... pero un bo día chegan á porta uns personaxes que non queren seguir facendo o rol que lles está asinado, el métese nos seus relatos e ve se realmente ha motivo de queixa ou non, e resolve o problema. Cando remata a historia, aparece o apartado "Xoga, crea e divírtete" de forma que se lle propoñen actividades á rapazada ao redor do libro, uns pasatempos. As autoras: Paula Merlán e a ilustrador Blanca Millán achegan esa dose de alegría nos historia que ben remata e nas imaxes amables e co selo que caracteriza a súa obra.

O segundo é de Lino Braxe (o polifacético autor e home de teatro que nos deixou hai un tempiño) e as ilustracións de María Braxe. Está publicado por Hércules edicións e conta a historia dun neno africano que ten que vir a Europa para operarse dunhas doenzas. O relato e as cartas que a  voz narradora lle envía remítennos a Terra de Homes, unha ONG que se encarga de facilitar a viaxe e estancia desa rapazada entre nós.   

Un libro de entretemento e outro de reflexión, de traballo a favor de facer visible un problema e a posible vía de solución. Moi distintos na forma e no fondo.

xoves, 9 de febreiro de 2023

Historias de heroínas

Max e os superheroes de Rocío Bonilla e Oriol Malet, traducido por Elvira Ribeiro e publicado por Algar. Dous tipos de debuxos: os do conto (suaves) e os dos superheroes (moi de banda deseñada e agresivos. Unha historia: a Max encántanlle os superheroes, e o que máis Mega Power, unha muller que ten todos os poderes e o fai todo mellor ca ninguén... ao final descubrimos quen é este superheroína e cando lle gusta máis é cando pon o disfrace de nai e lle dá o beixo de boas noites. Porque non hai que ir demasiado lonxe para atopar grandes heroes, está máis preto do que pensabamos... Un libro que ten o premio Kirico.

Asali e a lenda dos baobabs de Paula Merlán e Nívola Uyá. Publicado por Triqueta Verde.

O avó cóntalle a lenda da razón pola que os baobabs medran do revés e a nena conseguirá reverter o futuro. Moitas cores, un debuxo barroco e quente. 



luns, 9 de xaneiro de 2023

 


Milo e loberto
de Gaston Caba publicado en Edicións do Cumio. Unha banda deseñada infantil. Dous seres con cabeza de gato e raposo, ambos con cairos... son monstros? son nenos?

 A rede de Inés de Paula Merlán con ilustracións de Silvia Álvarez, publicado por Lata de Sal. Lapis de cores. Inés pesca con rede peixes que mete na peceira. Os pais pídenlle que libere os peixes... pero queda durmida e soña que está dentro dunha burbulla, así descende ás profundidades mariñas, sentíndose peixe, bate con plasticos e latas; cando volve á casa faino co coproiso de devolver os peixes ao mar e axudar co medio ambiente. Esperta cando os pais a espertan para levar os peixes ao mar e agora xa non pesca peixes senón refugallo.