Amosando publicacións coa etiqueta Rocío Bonilla. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rocío Bonilla. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de maio de 2025

Varios álbums con certas ensinanzas

Martina futbolista de Susanna Isern, con ilustracións de Marta Moreno, está publicado por NubeOcho

Preséntase así:"Martina únese ao equipo de fútbol da escola con moita ilusión. É moi boa defensa e está disposta a dar o mellor de si mesma. Pero despois do primeiro partido, empeza a notar que o capitán quere destacar e non xoga en equipo, e que os xogadores non a consideran unha igual por ser unha nena.
Martina creará outro equipo de fútbol máis igualitario e diverso, onde xogarán e competirán sen esquecer divertirse".

No álbum canse presentando situacións para a reflexión: á nena gustalle xogar fútbol, isto xa non debería estrañarnos a estas alturas pero cando lles fala aos rapaces de xogar no seu equipo poñer mala cara como se non confiasen nela. No equipo descobre a rivalidade entre os compañeiros (especialmente por parte do capitán), parécelle inxusto que se valoren máis os dianteiros que os defensas, enfróntase ao capitán porque lle parece que pensa máis nel que no equipo, nota que lle pasan aos balón ao compañeiro defensa como se a invisibilizasen a ela, nun momento determinado alguén lle di o que pensan "as nenas sempre xogades peor", chega un omento no que deixa o euipo farta de tanta competición interna. Xoga soa nun parque e descobre a outra nena que tamén xoga, comezan a facelo xuntas, non compiten e deciden facer un equipo baixo eses presupostos, nun momento determinado o seu compañeiro no equipo anterior tamén o deixa e vén xogar con eles. Aínda non remata aquí a cousa, participan nun campionato e vailles tocar xogar con anteriores, gánanlles e fanse amigos de novo, pero para que aprendan a última lección noutra liga perden e así practican a perda, felicitando aos ganadores. Toda unha retahila de situacións no deporte, relacionadas coa igualdade e a competitividade, para aprender os bos modos, a mellor maneira de actuar. Moi didáctico. As ilustracións achegan a diversidade da rapazada nno parque ou no xogo.

Unha lata no bosque e outras historias sobre a empatía de Susanna Isern con ilustracións de Rocío Bonilla, publicado pola editorial Framboyant.

Da presentación editorial: "Mariña camiña polo bosque, as follas secas estalan ao seu paso. De súpeto mete o pé nun obxecto duro e cortante. É unha lata de metal! Por se fose pouco, vai e queda atrapada. Por sorte, un grupiño de animais do bosque achégase para botarlle unha man. Mariña, Xurxo, Naim, Toni e Liz son algúns dos protagonistas destas trece historias vencelladas pola empatía nas que será preciso entender os sentimentos dos demais."

Unhas ilustracións amigables e unha historia que fala da cadea de favores. Unha rapaza comeza a historia cando é axudada polos animaliños do bosque a liberarse da lata, cando o seu irmán pequeno entra no seu cuarto cabréase pero acórdalle a tempo que ela tamén o fixo no do curmán que era máis vello así que decide ofrecérselle para xogar en vez de berrarlle, este pequeno vai á praia e alí ve a un rapaz que está só e ponse a xogar con el, este neno vaille botar unha man a unha nena que acaba de chegar e aínda non controla o idioma e así, duna a outros e outras van pasando a colaboración, demostrando que están pendentes dos demais. A axuda cobra diferentes facianas, cada elo da cadea continúa este atención aos demais en momentos diferentes dando lugar a verdadeiras ONG e anti acoso. Que fermoso sería o mundo se cada un e cada unha de nós adoptase este papel de axuda, de mirar polos demais, de botar unha man sempre que se precise. Disto vai este libro e vai moi ben.

martes, 4 de marzo de 2025

Un álbum e unha banda deseñada

Unha de monstros de Rocío Bonilla, traducido por Bruno Martínez Pita e publicado por Algar.

Da presentación editorial: "Quen di que facer pasteis é perigoso? Aquel sábado, mentres mercabamos no mercado, descubrimos algo que nos deixou petrificados. Resulta que alí entre os postos se agochaba un segredo... monstruoso!"

Dous irmás xemelgos, iguais por fóra, moi distintos nas afeccións agás nunha que comparten: facer pasteis. Na súa visita de sábado ao mercado para mercar ingredientes pasan polos postos da señora Pepa (a dos froitos secos), do señor Paco (o froiteiro), de don Luís (o do ultramarinos), de Pilarica (a dos ovos)... pero a Teodora escapoulle a pelota que sempre leva consigo e ao abaixarse para recuperala descobren que Pepa ten unha cola verde chea de escamas... e moitas máis cousas sorprendentes, todos os seus amigos teñen algo de animal: son monstros disfrazados de persoas! teñen moito medo, moito medo ata que deciden actuar, que cres que farán? como poden saír de problema semellante? Haberá que ler o álbum, observar os xestos e expresións de cada personaxe, haberá que entrar nese mundo e pensar.

Superpataca en Enredo cósmico nas cloacas. Episodio 3 de Artur Laperla publicado por Mamut, agora en galego, para + 6 anos.

Da presentación editorial: "Nas cloacas: aquí conclúe esta triloxía espacial. Cun ladrón que case sae coa súa, unha cazarrecompensas rabiosa e naves micronianas sobrevoando os sumidoiros. E o que é peor: o rei Lesma, vitorioso e armado cun poderoso raio, está disposto a acabar dunha vez por todas con Superpataca. Conseguirao?" 

Unha historia ben repugnantiña co seu paseo polo submundo, un relato que se sitúa no universo e tamén no subterráneo, estraños personaxes cos que costa traballo identificarse...

venres, 22 de novembro de 2024

Un álbum ilustrado de Flamboyant

E se me come unha balea? de Susanna Isern e Rocío Bonilla traducido por Tamara Andrés e publicado por Flamboyant. Así se presenta:"Martín ten unha imaxinación desbordante que ás veces lle xoga malas pasadas. Imaxínase que ocorrerán cousas catastróficas e, do moito que se preocupa, tirita como un flan. E se explotan todos os globos na festa? E se se perde na excursión coa súa clase? Pero entón a súa nai decide darlle a volta aos seus medos... E se o mellor está por chegar?"

Un rapaz temeroso que busca seguridade total, que non quere expoñerse a ningún perigo así que fica na casa, tranquiliño. Menos mal que a nai decide falar con el, que lle conte a razón verdadeira pola que, unha vez máis, busca unha desculpa para non apuntarse -por exemplo- a unha excursión. E el vaise abrindo: E se me cae unha piña na cabeza? E se me perdo? E se caio á auga? E se me come unha balea? E se os piratas me capturan? E se non podo saír da illa? E se aterro en Marte? E se o extraterrestres non me deixan volver? E se caio na copa dunha árbore? A todo isto María dálle respostas que animan a correr esa aventura ata que Martín di: "Pero... e se nada disto sucede?" tamén para isto ten resposta a nai, pero... cando semella que vai entrar no autobús, o rapaz volve. Uiuiui... por que será?

As ilustracións engaden moita información á historia, tanta que poderiamos crear sete ou oito ao redor da principal.  

A pesar de ter o libro en galego (para vender) toda a información aparece en castelán como é común nas editoras de fóra (e algunhas da casa), incluso nas librarías que o of¡ertan en galego. Ata cando?

luns, 29 de abril de 2024

Álbum ilustrado de diferentes marcas: OQO, Flamboyant, Excellence

 

Mirando aos monstros de Max aos ollos, aparece Isto non é unha selva de Susanna Isern e Rocío Bonilla na editorial Flaboyant. A nena dia a todo que non: a limpar, a recoller, a ordenar ata que a nai lle di "Isto está a piques de converterse nunha selva". Daquela comezan a aparecer os animais e a facer máis desorden (o seu) e ela vai estando cada vez mçais incómoda. Cando quere saír da casa atopa a selva, quere negalo pero ata a ela lle sae unha cola, así que asustada comeza a poñer orde en todo o que antes non fixera e cando organiza a casa esta comeza a ser a súa. Por iso, cando ao día seguinte súa nai a esperta todo volve estar no seu sitio... acabouse o pesadelo, agora é ela quen quere recoller proque "Isto non é unha selva."

Corazón de oso de Armando Quintero e Laura van Husen publicado por OQO. A historia dun oso e unha osa pequeniños, encóntranse, míranse pero non se atreven a falarse. A osa vai deixando follas con formas de corazón e o oso vainas seguindo. Así, vanse facendo grandes xuntos. Con frases ben medidas e unhas ilustracións fermosas, unha historia cargada de silencios e símbolos. Unha historia de amor. 

Con ás de bolboreta de Irene Gómez Marin e Laia Carrera Crespo publicado por Excellence Editorial. Neste álbum asistimos á espera dunha eiruga que se apura porque non se dá convertido en bolboreta, ve como todos os demais o fan e ela vai quedando atrás. Ten tantas ganas de metamorfosearse que vai á árbore da transformación e agarda... A avoa dille que non hai présa, que cada unha ten o seu ritmo, é máis... que só o fará cando sexa feliz vendo como voan as demais... e así sucede, despois de axudarlle a unha amiga. Porque si, o verdadeiro cambio sucede dentro de ti.

xoves, 6 de xullo de 2023

Hábitos saudables e de convivencia

A recoller de Rocío Bonilla, publicado por Algar.

Babymoni xogou e pasouno fenomenal, mais chegou a hora de recoller os xoguetes. Gárdaos todos todos, que non quede nin un fóra do seu sitio! Recoller tamén é un xogo: encesta a pelota, os avións aterran na cesta, os bonecos gárdanse con coidado, os coches lévanse ao aparcadoiro... cando pensa que xa está todo, vai cargado e tropeza cun coche que quedou no chan... cae con toda o peso e volta a comezar. Moi bo, pouco texto, pastas duras, libro pequeno (non precisa nin máis papel nin máis tamaño).

xoves, 27 de abril de 2023

Libros de Rocío Bonilla

Grazas. Historia dun rueiro é da autoría completa de Rocío Bonilla, traducido ao galego por Elvira Ribeiro Tobío e publicado en Algar.

Así se presenta: "Grazas a unha avaría inesperada, a vida do rueiro vai mudar totalmente. Grazas á curiosidade e á empatía,os veciños e veciñas van chegar lonxe, moi lonxe. E farano xuntos. Unha historia sobre a convivencia e as relacións humanas. Unha historia sobre todos nós."

Comeza así: "Había unha vez un ru
eiro coma moitos outros. Tiñas casas, farois, árbores... e veciños que non se coñecían." Cada un coas sáus características, cada un imaxinando como eran os demais, desconfiando deles, ignorando como vivían ou o do que gustaban ata que un día sucedeu esa avaría inesperada que os vai poñer en contacto, porque uns poden axudar aos outros, facer cousas xuntos e divertirse moito máis. Contar cos demais!  Pasar da incomunicación á solidariedade...

A cuadrilla dos 11 da mesma autora e publicado tamén en Algar, neste caso traducido por Bruno Martínez. A presentación explícao de maneira moi clara: "Cando o invitaron a unirse a aquela cuadrilla, Benxamín sentiuse importante. Era extraordinario formar parte da cuadrilla dos 11. Todo o mundo os admiraba e respectaba! Mais... era admiración de verdade ou simplemente lles tiñan medo? Benxamín tiña que tomar unha decisión: seguir sendo o peixe número 11 ou defender a amizade e o verdadeiro respecto." Porque si, o peixe antes de ser o número 11 chamábase Bruno, era tímido e xogaba cos outros, cando apareceu a cuadrilla convidárono só a el a ir con eles, sentiuse importante de converterse no número 11, sentíase ben porque todo era máis doado ao non ter que tomar ningunha decisión, só seguilos... ata que deixou de facerlle gracia tanto divertirse a conta dos demais e decide deixar de seguir aos outros 10. O mellor de todo foi que os outros tamén foron caendo na conta de que aquelas brincadeiras tapouco lles parecían tan divertidas e un a un foron abandonando a cuadrilla. 

Moi didácticos, certo, pero moi ben montados, moi ben ilustrados. Ambos contaron con axuda do Ministerio.

xoves, 9 de febreiro de 2023

Historias de heroínas

Max e os superheroes de Rocío Bonilla e Oriol Malet, traducido por Elvira Ribeiro e publicado por Algar. Dous tipos de debuxos: os do conto (suaves) e os dos superheroes (moi de banda deseñada e agresivos. Unha historia: a Max encántanlle os superheroes, e o que máis Mega Power, unha muller que ten todos os poderes e o fai todo mellor ca ninguén... ao final descubrimos quen é este superheroína e cando lle gusta máis é cando pon o disfrace de nai e lle dá o beixo de boas noites. Porque non hai que ir demasiado lonxe para atopar grandes heroes, está máis preto do que pensabamos... Un libro que ten o premio Kirico.

Asali e a lenda dos baobabs de Paula Merlán e Nívola Uyá. Publicado por Triqueta Verde.

O avó cóntalle a lenda da razón pola que os baobabs medran do revés e a nena conseguirá reverter o futuro. Moitas cores, un debuxo barroco e quente.