Amosando publicacións coa etiqueta Embora. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Embora. Amosar todas as publicacións

luns, 29 de decembro de 2025

O premio Arume de poesía para a infancia do ano 2024: Latexos

O premio Arume de poesía para a infancia do ano 2024: Latexos de Beatriz Dourado está na rúa. Ilustrado por Irene Sanjuán e publicado por Embora.

Lembramos que o xurado destacou "a sonoridade acorde co ritmo da vida e a poesía; a utilización de recursos variados como as onomatopeas, anáforas ou metáforas, enriquecidas con fórmulas coma os caligramas e as adiviñas, que van construíndo un universo engaiolante para o lectorado máis novo; a unidade temática que xira ao redor do “corazón” coa tenrura envolvendo os versos e establecendo un diálogo co lector e a lectora a través do xogo que se facilita cun ritmo áxil que nace de versos curtos que nos conducen ata o rap."

Un poemario ao redor do corazón, hai unha razón para que sexa así e sábea ben a autora cando se emociona ao lembralo. Dedicado a Bruna "que latexa sempre en min" e "á Unidade de Cardioloxía Infantil, UCIN e UCIP do CHUAC, polos latexos que sumades ás nosas vidas". O produto que entrega Embora é un luxo. Un álbum ilustrado que xoga especialmente con dúas cores: o azul e o ocre, ben especiais as dúas e nunha combinación marabillosa. Un libro xeneroso que non escaquea esforzos por parte da editora, dende a gramaxe do papel ás imaxes que acomapañan cada poema.. Feito con todo o corazón. As ilustracións estás realizadas cunha sensibilidade extrema que, nalgunha das imaxes consegue resultados espectaculares como na que acompaña ao seguinte poema:

"A CUADRILLA DOS CONTOS

Pinocho, corazón de piñeiro; / Sereíña, corazón de sal; / Soladadiño, corazón de chumbo; / Polgariño, corazón de pan.

Porquiño, corazón de manteiga; / Brancaneves, corazón de inverno; / Pincipiño, corazón de estrela; / Alicia, corazón de nubeiro.

Conta que conta que contarei, / do de3reitiñó e do revés, / tyantos corazóns dentro da pel." 

Un magnífico libro para agasallar neste tempo de inverno! 

sábado, 5 de xullo de 2025

Un libro máis sobre as Letras


Pandeireteiras de Nerea Gómez, Xosé Manuel e Icía Varela publicado por edicións Embora.

Da presentación editorial: "Pandeireteiras convídanos a un percorrido esencial pola traxectoria biográfica e artística das cantareiras que protagonizan as Letras Galegas de 2025. Representantes contemporáneas daquelas mulleres que inspiraran a Rosalía de Castro á hora de escribir Cantares gallegos, obra fundacional do Rexurdimento literario galego no século XIX. Mulleres que nos albores do último cuarto do século XX marcaron novos camiños para a música popular galega. Voces cuxo legado está moi vivo aínda nos espectáculos de artistas e agrupacións do século XXI." 

Unha fermosas gardas cos debuxos dos panos cas cantareiras. Unha ilustracións case esquemáticas que buscan o pop e o deseño, unhas cores que van do negro ao marrón con algo de branco, verde, vermello, laranxa...

Comeza explicando os comezos das Letras Galegas, Rosalía e a decisión das Letras 2025 para despois centrarse en cada grupo de cantareiras: Adolfina e Rosa, a súa vida, as súas pezas (con algunha das súas letras ao completo), outros músicos cos que se relacionan non faltan as referencias a Dorothé Shubarth e Antón Santamarina. O libro recolle os datos biográficos de cada unha delas, como foi a súa relacións coa música, os lugares nos que actuaron, o que caracterizaba o seu repertorio... Un libro imprescindible nas Letras do 2025.

venres, 17 de xaneiro de 2025

Un libro que son dous: Xosé Tomás

Sete días con Lía ou Sete días con Leo é o título, porque cada historia ten o seu título e a súa cuberta. Unha empeza por un lado e outra polo outro. Un protagonista, unha protagonista; unha historia nun lugar en paz e outra nun lugar en guerra, é dicir, nun campo de refuxiados que é a consecuencia dunha confrontación bélica. A historia dunah semana, dos sete días dunha semana. Unha historia interxeracional porque Lía fala de seu avó e Leo fala da súa avoa. 

As bolboretas van dunha a outra historia, da de Lía que vive na aldea e á que lle gusta ir co avó cando leva as ovellas a pastar porque daquela párase o tempo, porque o avó mantén a esperanza na familia para que Lía e súa nai non caian na tristeza pola perda do pai, cando se aburre el faille descubrir todas as marabillas que hai ao redor, xoga cos curáns de sube ao monte coa nai "porque hai que gañar á escuridade" o que se demostra cando o avó lle demostra que detrás das nubes está o sol. A avoa de Leo tamén llo di o domingo despois de que os tan agardados papeis cheguen para poder comezar de novo, levan dous anos e medio no campo de refuxiados. a avoa dálle seguridade porque mantén a fortaleza; ela é o pasado e o presente e cando conta contos deixas de escoitar as balas, el nunca se aburre nese lugar pero ve aos adultos coma zombis, agardando...  

Nas gardas iso que as une: as bolboretas, nos fondos a presenza maioritaria dunha cor: verde na de Lía e crema para representar a area na de Leo. Unha ensinanza: aínda nas mellores condicións, as vidas dos nenos non sempre son doadas; aínda nas peores circunstancias, as crianzas atopan motivos para a felicidade. Outra: os avós e as avoas son referencias básicas ás que asirse, sempre están aí para eles e para elas, lembrándolles de onde veñen, poñéndoos en contacto coa tradición e cos soños, son quen de curarlles as feridas... porque, quen mira como un avó ou coma unha avoa?   

No campo de refuxiados e na súa escola, faltan moitas cousas pero é divertida porque non todo depende dos recursos, non, hai outros aspectos a ter en conta.

Da presentación editorial:"A vida é ben distinta se a vives nun país en paz ou nun país en guerra, na túa casa ou nun campo de refuxiados, pero os seres humanos somos iguais esteamos onde esteamos. En “Sete días con Leo/ Sete días con Lía” terás dúas historias paralelas pero ben diferentes."

Xosé Tomás escritor cóntannos a historia, o Xosé Tomás ilustrador faino doutra maneira, escollendo as cores e as imaxes, indo máis alá do que se conta colocando un espírito na mesa ao lado dunha muller, triste pola dó e incapaz de comer, mostrando a fermosura da natureza cando é preciso, colocando as omnipresentes bolboretas ou os avións de papel que semellan voar dunha a outra historia... Aí está a man que nos leva polas historias que hai que ler porque levan reflexión sobre a rapazada e sobre o tepo que vivimos, porque mostra respecto polas crianzas que, como el e Miguel Vázquez Freire contan, son pequenas pero non bobas, porque lle importan!

mércores, 15 de xaneiro de 2025

Unha nova obra de Miguel Alonso e Luz Beloso

O tándem Miguel A.Alonso e Luz Beloso é quen de crear uns produtos moi especiais. O último é O soño de Emma publicado por Embora.

As imaxes características de Luz, coas nenas bonecas de ollos grandes, gardas dun colorido impresionante nas que as figuras de paisaxe se transforman en figuras xeométricas xogando cunha tonalidade de fondo (laranxa ou azul), unhas mulleres en zancos debuxando as letras, o texto en estrofas co versos de catro sílabas preséntanos a nena, unha letra que forma parte do seu nome e debemos adiviñar con algunha outra pista tanto textual como gráfica pois aparece representadade maneira persoanalizada a modo dun boneco de peluche, a letra soña con ser número para pode sumar cousas boas e restar as malas, as referencias á Georges Seurat (tarde festiva no parque), as gardas e demais casas a Paul Klee, nas cores e as formas redondeadas Sonia Delaunay, figuras de Picasso especialmente do Guernika e de Goya. Un percorrido polos artistas que a emocionan para acompañar os versos de Alonso que xogan con letras e números que se moven entre os naturais, enteiros, racionais... pero, sobre todo, entre a bondade e a maldade, o que se debe sumar para levalo con ós e o que se debe restar para deixar atrás, para sempre. Para que imos querer as guerras, o odio, a morte, a fame ou a envexa?

Así se presenta: "Qué teñen en común Emma, unha vogal, os números e a pintura?

Pero ela quería ser un número,

soñaba con sumar

bicos, amigos, paxaros,

voces e nubes de lento pasar.

Pero tamén quería ser un número

tamén para restar

envexar, fame, morte,

odio e guerras de triste vagar."

Unha obra realmente moi persoal dun escritor e unha ilustradora, sempre dispostos a crear un novo a orixinal libro.

venres, 8 de novembro de 2024

Paremos a invasión. Que o plástico non nos domine

 

Paremos a invasión. Que o plástico non nos domine de David Hurtado e José Ibáñez con ilustracións de Claudia Mosquera está traducido por Carmela Mor e publicado por Embora.

Da presentación editorial: "Ata 12 millóns de toneladas de plásticos van parar aos nosos océanos cada ano e afogan os ecosistemas, provocan danos á fauna e entran na cadea alimentaria.

“Paremos a invasión. Que o plástico non nos domine” explica como chegou o plástico ás nosas casas hai 150 anos para facilitarnos o día a día, e como a produción desmedida e o consumo indiscriminado de produtos dun só uso está a xerar un perigoso monstro que acabará coa vida no noso planeta."

Moito nos preocupan os plásticos!, será porque se ven, será porque xa nos acostumamos a preocuparnos sen ocuparnos en amañar como deberiamos, será que as illas de plástico no mar son algo demasiado irreal que se fixo parte do noso día a día, será que as contradicións nos superan (iso de non darnos plástico para levar a compra pero si para envolver cada porción, o que quere dicir que nos venden o plástico pero evitar dárnolo)... Todo iso vale, pero o certo é que o plástico é un grave problema que desborda o mundo occidental e se estende por todo o planeta (e igual máis alá).

Neste libro de coñecemento atopamos a historia de Greta e Aldo que van comentando toda a información que se presenta e non pode deixar de sorprendernos (cándo e por qué se creou o plástico, cómo se fabrica, os problemas do plástico, máis de 8 millóns de toneladas de plástico van parar ao océano cada ano, os microplásticos tamén viaxan a través do aire, estímase que en 2050 haberá tantos plásticos coma peixes nos océanos, 1 de cada 3 peixes contén partículas de plástico no seu organismo, tipos de plástico e como se poden reciclar -só o 30%-... ), ao lado unha serie de propostas que nos fan interactuar (podes identificar todos os produtos de plástico que te rodean agora mesmo?, Onde están todos os millóns de toneladas de plástico producido?, a formación dunha alianza para buscar solucións e deter esta invación silenciosa, a aplicación das R: reducir, reutilizar, reiclar, reparar, rexeitar, redeseñar e repensar). Grandes solucións: consuir menos, consuir sen mercar (acceder a ben públicos, compartir e intercambiar) e mercar con criterio quedando coa opción máis duradeira, sostible e de menos ipacto ambiental. 10 pasos sinxelos para parar a invación na alianza). Para rematar falando dos heroes e heroínas anónimos que defenden a sostenibilidade e o medio ambiente: Greta Thumberg (estudante e activista ambiental), Aldo Leopold (ecólogo a ambientalista) e Isatou Ceesay (creadora de The recyclin Centre of N´Jau en Gambia con outras catro mulleres crearon na súa aldea un Centro de Reciclaxepara reaproveitar o plásticos e fabricar bloques de carbón procedente de residuos orgánicos como cascas de coco o de cacahuetes, papel ou herba seca evitando a deforestación. Remata cun convite para pasar á acción converténdonos en heroes e heroínas para salvar o planeta.

 

mércores, 1 de maio de 2024

De Pepablo Patinho e Dani Padrón

De Pepablo Patinho e Dani Padrón é o libro Receitas para cociñar o ar, publicado por Embora.

Así se presenta: "A miña avoa tamén era unha meiga. Ela lía moitísimo máis ca min. Tiña libros por toda a casa; andeis, caixóns, arquetas...; habíaos baixo da cama e incluso na cociña! Alí tiña libros nun
alzadeiro cheos de feixes de herbas que recendían a marabilla. E foi alí onde, precisamente, lin o primeiro libro que me transformou: Receitas para cociñar o ar." Un feixe de relatos que teñen como decorado de fondo a natureza, unha mirada distinta na que as meigas nos acompañan da forma máis natural, onde a referencia aos libros de fadas producen risa pero non así aos de aventuras como A illa do tesouro ou Moby Dick, onde a aprendizaxe nos sae ao encontro porque non é o mesmo a necesidade de auga e a sede; porque os camiños están vivos, teñen séculos, son compartidos con outros seres -e outros tempos- e deben nacer naturalmente; porque cando encontras ecoloxistas descobres que somos parte da vida que nos rodea e sabemos que esa vida é tamén a nosa, porque o mellor alimento é o ar; tamén descubrimos a diferenza entre unha mestra e unha boa mestra, o valor das historias que nos contamos, a razón polas que as fragas non teñen portas e as árbores teñen pastores...

Coñeciamos este autor a través do teatro:  ...3, 2, 1..., Nana para un soldado, a poesía de Lúa ou O saltón astronauta.

martes, 28 de marzo de 2023

Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia

 

Despois daquel premio Estornela de Teatro para a Infancia que convocaba a Fundación Neira Vilas, aparece agora convocado pola mesma fundación este premio que quere homenaxear a Anisia Miranda, a outra cara da Fundación, a escritora infantil que sempre camiñou ao lado de Neira Vilas.

O Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia recaeu na primeira convocatoria na obra Travesía Unicornio de María Canosa, que aparece sen ilustracións, con só a cuberta de María Brenn, publicada por Embora.

Un neno e un unicornio que non quere ter corno, unha xenia que aparece cando prenden unha lámpada. A xenia está disposta a cumprirlle os desexos pero eles non se poñen dacordo, que se o unicornio non quere ter corno, que se o neno quere que o unicornio o teña, que se desconfían de que unha xenia sexa tanto coma un xenio, que se a xenia é xenial mentres o xenio ten mal xenio... unha disparatada sucesión de diálogos, unha complicidade que nos mantén o sorriso, pero sobre todo, o dereito a que cada un ou cada unha sexa quen quere e como quere, a que xenias e xenios cumpran os desexos e poder ser unicornio ou balea ou bolboreta porque non hai cousas de nenos nin de nenas, porque todos somos iguais en dereitos e capacidades!

martes, 21 de marzo de 2023

DÍA DA POESÍA... Premio Arume de poesía para a infancia

O premio Arume reaparecu en 2021, convocado pola Fundación Neira Vilas e GALIX e patrocinado por Deleite (ese leite que alimenta a nosa cultura, a nosa lingua, o noso país). 

Entregouse ex aequo a Violeta Parapluie e ouras historias de xente pouco corriente e A flor da letra. O primeiro deles é un poemario canalla que bebe nas fontes do escatolóxico, o politicmaente incorrecto e a provocación. Unha mademoiselle que viste elegantemente e camiña cun paraugas vese convertida nunha moza gótica cando lle cae un raio e a partir de aí vai camiñar cun pararraios, o rapaz Martiño tan temesiño que pensa que os veciños son fantasmas porque ve moitas sábanas colgadas cando está nun hotel, Guillerme que descobre que adora comer vermes despois de ter tragado un nunha castaña, Carmiña é unha rapaza a quen meten en auga moit quente para quitarlle a tiña e encolle tanto que a partir daquela lévana como a un chihuahua con correa, Andrea empeñada en facerse serea para o que merca un peixe ben grande e contrata un cirurxián e unha costureira pero non sabía nadar, Tara e Mara as irmás siamesas que compartían o corpo pero discuten tanto que lles cortan unha das cabezas e a que queda chamarase TaMara, Mariana Porcallana lava os dentes entres caga... e un sin fin de personaxes inesperados. Ao final, queda un espazo para que a lectora ou lector escriba o seu. Da autoría de Ramón D. Veiga está ilustrado por Iván R.

O outro poemario é A flor da letra. Estampa de lectura, con percusión, para nenas e nenos de Manuel López Rodríguez ilustrado por Nuria Díaz. Un monllo de poemas plenos de ritmo e repeticións que pretende ser unha homenaxe a outros poetas (Xela Arias, Lois Pereiro, Luz -non sabemos cal delas porque non achega os datos suficientes para recoñecela agás cando o nome é case irrepetible-, Uxío, Rosalía, Eusebio Lorenzo Baleirón, Xohana Torres, Celso, Pura Vázquez, Dora Vázquez, Manuel Antonio, María, Luís...  e un xogo de canto e baile.  Unha pena non telo traballado un pouco máis e que ademais do ritmo puidera ser unha porta de entrada á poesía de cada un deles.

Ambos libros son publicados por Embora.