Amosando publicacións coa etiqueta María Brenn. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Brenn. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de novembro de 2025

Colección Merlín, un libro para máis de 9 anos

A miña amiga invisible de Eduardo Santiago con ilustracións de María Brenn está publicada na colección Merlín de Xerais.

Narrado en terceira persoa: unha nena de nove anos pasa a residir na aldea "seguindo unha arroutada ecoloxista" dos pais: el vaise dedicar ao cultivo da horta, ela continúa traballando de enfermeira na cidade, ela cambia de escola e polo tanto vai sufrir ese baño noutra realidade pero continuará sendo unha lectora voraz especialmente de libros de fadas. Realmente, cada membro da familia ten os seus gustos lectores, o pai colecciona libros de agricultura ecolóxica e a nai é entusiaste dos misterios psicolóxicos. Explícase, no prieiro capítulo que a pequena despois de oírlle falar de mundos paralelos e de verse nunha casa na fin do mundo pensa que o que hai máis alá xa non é deste mundo. Aí comeza a historia! Cando unha fadiña lle aparece no respaldo da butaca elle fala do veciño que se fai pasar por apicultor pero realmente o que fai é cazar criaturas fantásticas e pretende conseguir o seu po de fada para cumprir todos os desexos. A relación coa fada é complicada, por un lado ninguén debe enterarse da sua existencia, por outro lado discuten moito e Lali (que así se chama a fada) pretende dirixir todo o que ela fai. A discriminación, o acoso non ten unha razón de ser, nin o aspecto físico importa (pode ser por alta ou por baixa, por gorda ou por delgada... pero tamén polos trazos raciais, a cultura, as crenzas ou o sexo) nin tampouco a maneira de ser (por saber ou non saber, por lista ou ignorante, por intelixente ou non). Semella que na escola da nosa protagonista hai dúas clases de rapazada: as populares entre as que se atopan os agresivos e os marxinais. Entre estes últimos está Uxía considerada gorda, fea, gafuda e lista. Coa axuda do polvo se fada sae ilesa do ataque dos compañeiros que sofren desgrazas ao longo dunha semana e animada convida á súa nova amiga á casa onde lle conta a historia da fada... 

O encontro de dous mundos. A necesidade de que unha nena se enfronte á realidade soa, sen axuda de seres fantásticos ou amigas invisibles, unicamente confiando en si mesma. Un interrogante, estes bos alumnos e alumnas teñen que deixar de selo para que os acepten, que estratexias utilizar fronte á violencia, como axudar aos que verdadeiraente teñen problemas...?   

luns, 12 de maio de 2025

Varias novidades

Un ladrón no museo de Susana Peix e José Ignacio Valenzuela, ilustrado por  María Brenn e publicado por Cumio na colección + 8 (Características pensadas e deseñadas para facilitar a lectura a toda a rapazada).

Durante a visita ao museo paleontolóxico dun grupo de escolares, descobren que desapareceu un dos ósos do esqueleto o Tiranosauro Rex. Ninguén podería saír do museo até que desen co ladrón! Lucas e Leonora sabían que chegara o seu momento: tiñan que investigar para descubrir o autor do delito. Pero non ía ser tan sinxelo como pensaban ao atoparen a primeira pista... Cada unha delas semella conducilos cara un sospeitoso diferentes, pero cando unen todas as "pegadas" verán un pouco maís claro cara onde ir. Descubrirán finalmente quen roubou o óso do dinosauro?

Asunción e as constelacións de Alba Rozas e J.M. Dopazo, ilustrado por Iago Torres está publicado por Boadicea na colección Cartafol de Ciencia Ficción. Multilingua.  "A estación espacial Asunción dá voltas arredor da Terra para observar as constelacións. Na súa viaxe irá percorrendo o hemisferio norte para descubrir animais, cazadores, dragóns e mesmo unha parella de namorados. Queres saber como son as constelacións? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas." En tres idiomas, con pequenos textos xogando coa rima. 

Explican que esta colección infantil procura descubrirlle ao público lector máis cativo a natureza que o arrodea, a través de elementos do xénero, desde unha perspectiva didáctica e plurilingüe. Os álbums contan coas ilustracións de Iago Torres e os textos, elaborados para fomentar o gusto pola lectura, van acompañados das traducións ao portugués e ao inglés.

 

 Aventura no Ártico de Susana Peix e Francesc Bailon ilustrado por Mar Villar está traducido por Iolanda Mato e publicado por Cumio na colección +8

"Tulok e Sila saíron na súa zorra dispostos a encontrar os tuniit, unha tribo de xigantes que, segundo as historias do avó Malik, viviran no Ártico había moitos anos. Ninguén os vira nunca, aínda que encontraran algunhas pisadas enormes gravadas na neve do deserto de xeo. Unha tormenta de neve, un alude inesperado e un encontro sorprendente levaranos a vivir unha aventura inesquecíbel. Atoparán a tribo prehistórica?" Os avós contando historias, dous irmáns inuit, unha zorra cos cans, un deserto de xeo, unha lenda sobre como se crea a brétema, figura de marfil do corno dunha morsa, un amuleto que protexe dos espíritos, explorador que constrúe o coitelo que precisa cos excrementos xiados, a maneira de enviarlles mensaxes aos antepasados a través das auroras boreais... son Historia ou lenda os tuniit?serían tan parvos como os queren facer ver os inuit? 

domingo, 15 de setembro de 2024

Narrativa con protagoista xitana

Como escorrentar un lobo de Antonio M. Fraga está publicado en Cuarto de inverno con ilustracións de María Brenn.

Preséntase así: "Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara. 

Como escorrentar un lobo é unha aventura chea de misterios co arrecendo das lendas contadas baixo a luz dunha candea."

No medio do horror hai que facerlle fronte ao medo, pode ser aos nazis ou aos lobos, sempre está aí. E como di Nuncia: o medo pode axudarnos a sobrevivir, pero non podemos deixarlle que nos trabe, haino que irar aos ollos coma se fose un lobo que quixeses escorrentar, porque lle podes ter medo a algo que está no medio da xente ou ao que está no máis profundo do bosque. Diso vai a historia, de fuxir do medo aos fascistas contando unha historia que nos sitúa ante o misterio, os pobos descoñecidos, as nenaspaxaro, os lobishomes que poden comernos, os meigos que poden transformarnos en árbores e o poder da amizade, a solidariedade entre as vellas e as nenas, o amor polo outro e a necesidade de atopar a alguén que nos axude a levar a soidade. Dúas nenas que se axudan, uns pais aos que perden os seus intereses, o perigo de quedar sós no medio do bosque, unha vella disposta a sacrificarse para axudar. Seres que teñen parte vexetal ou animal. Unha historia na que o mundo xitano sae ao encontro.    

luns, 15 de maio de 2023

Nai dos desterrados. Cómic ao servizo de Amnistía Internacional

 




Nai dos desterrados 5

Nove historias, un par delas cunha única imaxe coma "O abrazo I" e "O abrazo II" de María Brenn: primeira e última viñeta - cartel. Unha muller cociñando cun bebé no colo e con tres máis agarrados e ela (pola roupa, polas pernas...) e un can que tamén quere subir por ela. Outra muller, que é a mesma, nun hospital agarrando dunha man a un enfermo e da outra a outro, non sei se suda ou chora, todos levan mascariñas e ela ten conta deles contra a morte. Esas imaxes de María Brenn ben valen unha novela gráfica e o mellor é que conteñen, como a poesía, toda unha historia, unha emoción, un discurso. Vendo o resto das historias semella que os homes andan na elipse e o escuro, mentres as mulleres van máis ao concreto, quizás a súa banda deseñada sexa a que merecemos nesta actualidade na que precisamos que as cousas estean claras. A cuberta de Cráneo cunha médica dándolle a man a un medio home medio cadáver, tamén é evidente, certo pero nunca tan fermosamente certa como as de María. Román Cuadrado métenos nunha historia de "capacitismo". Mariña Rey trae a inmigración de maneira limpa. Adri Sierra a vellez nun gueto, tamén branco sobre negro. "Diatriba trans" de Greta Debelius cunha disquisición e Isra Valvar cunha plana que hai que mirar moi detidamente... e así varios máis, todos centrados nos coidados. E van 5 volumes de Nai dos desterrados, que por riba pon "Prohibida su venta, ejemplar gratuíto", agardemos que se trate dunha broma, igual que a lingua na que está escrita a frase. 

Antes estiveron outros, asinados por David Fajardo, Faks; Israel López, Xela G. Caballo, Cristina López e Luis Sendón, sempre centrados no dereitos humanos. E tres anteriores, das que recollemos imaxes. 


martes, 28 de marzo de 2023

Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia

 

Despois daquel premio Estornela de Teatro para a Infancia que convocaba a Fundación Neira Vilas, aparece agora convocado pola mesma fundación este premio que quere homenaxear a Anisia Miranda, a outra cara da Fundación, a escritora infantil que sempre camiñou ao lado de Neira Vilas.

O Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia recaeu na primeira convocatoria na obra Travesía Unicornio de María Canosa, que aparece sen ilustracións, con só a cuberta de María Brenn, publicada por Embora.

Un neno e un unicornio que non quere ter corno, unha xenia que aparece cando prenden unha lámpada. A xenia está disposta a cumprirlle os desexos pero eles non se poñen dacordo, que se o unicornio non quere ter corno, que se o neno quere que o unicornio o teña, que se desconfían de que unha xenia sexa tanto coma un xenio, que se a xenia é xenial mentres o xenio ten mal xenio... unha disparatada sucesión de diálogos, unha complicidade que nos mantén o sorriso, pero sobre todo, o dereito a que cada un ou cada unha sexa quen quere e como quere, a que xenias e xenios cumpran os desexos e poder ser unicornio ou balea ou bolboreta porque non hai cousas de nenos nin de nenas, porque todos somos iguais en dereitos e capacidades!