Amosando publicacións coa etiqueta Eduardo Santiago. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eduardo Santiago. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de novembro de 2025

Colección Merlín, un libro para máis de 9 anos

A miña amiga invisible de Eduardo Santiago con ilustracións de María Brenn está publicada na colección Merlín de Xerais.

Narrado en terceira persoa: unha nena de nove anos pasa a residir na aldea "seguindo unha arroutada ecoloxista" dos pais: el vaise dedicar ao cultivo da horta, ela continúa traballando de enfermeira na cidade, ela cambia de escola e polo tanto vai sufrir ese baño noutra realidade pero continuará sendo unha lectora voraz especialmente de libros de fadas. Realmente, cada membro da familia ten os seus gustos lectores, o pai colecciona libros de agricultura ecolóxica e a nai é entusiaste dos misterios psicolóxicos. Explícase, no prieiro capítulo que a pequena despois de oírlle falar de mundos paralelos e de verse nunha casa na fin do mundo pensa que o que hai máis alá xa non é deste mundo. Aí comeza a historia! Cando unha fadiña lle aparece no respaldo da butaca elle fala do veciño que se fai pasar por apicultor pero realmente o que fai é cazar criaturas fantásticas e pretende conseguir o seu po de fada para cumprir todos os desexos. A relación coa fada é complicada, por un lado ninguén debe enterarse da sua existencia, por outro lado discuten moito e Lali (que así se chama a fada) pretende dirixir todo o que ela fai. A discriminación, o acoso non ten unha razón de ser, nin o aspecto físico importa (pode ser por alta ou por baixa, por gorda ou por delgada... pero tamén polos trazos raciais, a cultura, as crenzas ou o sexo) nin tampouco a maneira de ser (por saber ou non saber, por lista ou ignorante, por intelixente ou non). Semella que na escola da nosa protagonista hai dúas clases de rapazada: as populares entre as que se atopan os agresivos e os marxinais. Entre estes últimos está Uxía considerada gorda, fea, gafuda e lista. Coa axuda do polvo se fada sae ilesa do ataque dos compañeiros que sofren desgrazas ao longo dunha semana e animada convida á súa nova amiga á casa onde lle conta a historia da fada... 

O encontro de dous mundos. A necesidade de que unha nena se enfronte á realidade soa, sen axuda de seres fantásticos ou amigas invisibles, unicamente confiando en si mesma. Un interrogante, estes bos alumnos e alumnas teñen que deixar de selo para que os acepten, que estratexias utilizar fronte á violencia, como axudar aos que verdadeiraente teñen problemas...?   

venres, 25 de abril de 2025

A nena do pixama estrelado

A nena do pixama estrelado de Eduardo Santiago está ilustrado por Eli García e publicado por Xerais na colección Merlín e no tramo de máis de once anos. 

Da presentación editorial: "Unha historia de superación sobre as mudanzas familiares e a axuda da amizade, a imaxinación e o amor." Da sinopse: "Cando espertou, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas. Calquera outra, na súa situación, asustaríase, mais a nena do pixama estrelado non se asustou, non gritou, non se puxo nerviosa, non chorou. Só pensou en cal podía ser o motivo de que as súas pernas non se movesen. No seu décimo aniversario regaláranlle cousas moi valiosas economicamente e tamén un pixama azul poboado de estrelas. Por algunha misteriosa razón, aquel pixama foi o agasallo que máis ilusión lle fixo e, talvez, un dos motivos polos que agora non poida mover as pernas. Hai outros motivos, claro que si, e a nena do pixama estrelado está disposta a descubrilos todos." 

Xa sei, o primeiro no que pensamos é no neno con pixama de raias, ese pixama que podía parecerse ao uniforma que colocaban aos presos nos campos de concentración nazis. Pero non, un pixama de estrelas é algo do que non quere desfacerse a nena, el é coma un amuleto, un obxecto marabilloso que ten o significado do agasallo que os pais lle fixeron no derradeiro aniversario no que estaban xuntos e ela compartíaos na mesma casa. As cousas cambiaron. Certo e resulta difícil adaptarse, a quen non? Esta é unha dificultade á que teñen que enfrontarse os fillos nestas xeracións e o fan con todo a súa capacidade de adaptación, pero ás veces algo falla.

"Cando espertou, o dinosaurio aínda estaba ali" escribiu Monterroso nese microrrelato que é a síntese do xénero. Neste caso "Cando espertou, aquela mañá, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas". Aínda podía ser peor, como lle pasou ao personaxe de Kafka que  "Cando Gregorio Smasa espertou unha noite dun sono intranquilo, encontrouse na súa cama convertido nun monstruoso insecto"  A nosa nena perdeu as forzas e non se pode mover, tirada na cama observa o teito. Xa a noite anterior non era quen de cortar a carne, algo se anunciaba. Un videoxogo, Los Sims, pode ter a clave

A referencia a outras historias como a Raíña das Neves ou Alicia. A curación por amor. A necesidade dunha irmá, dunha amiga coa que compartir o agasallo que máis importa, non o que máis custa. Unha pequena historia chea de auténtica emoción.