Amosando publicacións coa etiqueta Edicións Xerais de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edicións Xerais de Galicia. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de novembro de 2025

Colección Merlín, un libro para máis de 9 anos

A miña amiga invisible de Eduardo Santiago con ilustracións de María Brenn está publicada na colección Merlín de Xerais.

Narrado en terceira persoa: unha nena de nove anos pasa a residir na aldea "seguindo unha arroutada ecoloxista" dos pais: el vaise dedicar ao cultivo da horta, ela continúa traballando de enfermeira na cidade, ela cambia de escola e polo tanto vai sufrir ese baño noutra realidade pero continuará sendo unha lectora voraz especialmente de libros de fadas. Realmente, cada membro da familia ten os seus gustos lectores, o pai colecciona libros de agricultura ecolóxica e a nai é entusiaste dos misterios psicolóxicos. Explícase, no prieiro capítulo que a pequena despois de oírlle falar de mundos paralelos e de verse nunha casa na fin do mundo pensa que o que hai máis alá xa non é deste mundo. Aí comeza a historia! Cando unha fadiña lle aparece no respaldo da butaca elle fala do veciño que se fai pasar por apicultor pero realmente o que fai é cazar criaturas fantásticas e pretende conseguir o seu po de fada para cumprir todos os desexos. A relación coa fada é complicada, por un lado ninguén debe enterarse da sua existencia, por outro lado discuten moito e Lali (que así se chama a fada) pretende dirixir todo o que ela fai. A discriminación, o acoso non ten unha razón de ser, nin o aspecto físico importa (pode ser por alta ou por baixa, por gorda ou por delgada... pero tamén polos trazos raciais, a cultura, as crenzas ou o sexo) nin tampouco a maneira de ser (por saber ou non saber, por lista ou ignorante, por intelixente ou non). Semella que na escola da nosa protagonista hai dúas clases de rapazada: as populares entre as que se atopan os agresivos e os marxinais. Entre estes últimos está Uxía considerada gorda, fea, gafuda e lista. Coa axuda do polvo se fada sae ilesa do ataque dos compañeiros que sofren desgrazas ao longo dunha semana e animada convida á súa nova amiga á casa onde lle conta a historia da fada... 

O encontro de dous mundos. A necesidade de que unha nena se enfronte á realidade soa, sen axuda de seres fantásticos ou amigas invisibles, unicamente confiando en si mesma. Un interrogante, estes bos alumnos e alumnas teñen que deixar de selo para que os acepten, que estratexias utilizar fronte á violencia, como axudar aos que verdadeiraente teñen problemas...?   

mércores, 23 de xullo de 2025

Series en Xerais

Continuamos con series, por un lado estaos ante Heartstopper volume 4. Cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman e traducida por Nee Barros utilizando a linguaxe inclusiva cos finais en "es". Da sinopse: "O Charlie nunca pensou que el tamén lle puidese gustar ao Nick, mais agora son mozos oficialmente. O Charlie comeza a sentirse preparado para dicirlle esa palabra: quérote. O Nick sente o mesmo, mais anda con moitas cousas na cabeza: entre elas, saír do armario co seu pai e a posibilidade de que o Charlie teña un trastorno da conduta alimentaria. A medida que o verán dá paso ao outono e un novo curso comeza, o Charlie e o Nick están a piques de aprender moito sobre o significado do amor. Este é o cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman."

Fronte a todas as historias de amores heterosexuais ben contadas esta entre un mozo homosexual e outro bisexual, unha relación moi ben levada a relatada coa problemática da saída do armario, a declaración de amor e outras dificultades que sempre aparecen. As diferentes personalidades de mozos/as e persoas adultas, os prexuízos, as relacións familiares está presentadas cun grao de autenticidade que nos atrae.

A outra serie é Formigas Misión Samaín de Andrés Meixide e Pere Tobaruela publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Unha estarrecedora aventura da brigada especial das Formigas na noite de Samaín. FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En «Misión Samaín» as FORMIG4S entran no Alén tras os pasos dun enigmático escaravello branco. Alí atópanse coa Santa Compaña e outros personaxes estraños. Nesta estarrecedora aventura no universo das tebras, o doutor Paumao pon a proba de novo a brigada especial. Cal será o desenlace? As FORMIG4S serán quen de volver ao mundo real?" 

Unha nova aventura da brigada que unha e outra vez deben enfrontarse ao inimigo perpetuo e saír ben paradas. 

mércores, 5 de xuño de 2024

A última obra de Ledicia Costas, un álbum

Sete dentes de león de Ledicia Costas e David Sierra é un álbum publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Esta historia sucedeu cando o mundo era gris. A vella tivo sete soños durante sete noites e naceron sete dentes de león que acenderon o mundo."

Un novo mito da creación do mundo, a aparición das cores e a explicación do nome do arco da vella.  Plantas que nacen de soños e soños que provocan nacementos. Nubes que podes pescarse e gardarse.

Un libro para ler e ver, para mirar paseniño e paseniño, observando cada imaxe e cada detalle. Unhas ilustracións que poden lembrar as de artistas do Leste dunha determinada época e que colocan a historia nun mundo propio