Amosando publicacións coa etiqueta Pere Tobaruela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pere Tobaruela. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de xullo de 2025

Series en Xerais

Continuamos con series, por un lado estaos ante Heartstopper volume 4. Cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman e traducida por Nee Barros utilizando a linguaxe inclusiva cos finais en "es". Da sinopse: "O Charlie nunca pensou que el tamén lle puidese gustar ao Nick, mais agora son mozos oficialmente. O Charlie comeza a sentirse preparado para dicirlle esa palabra: quérote. O Nick sente o mesmo, mais anda con moitas cousas na cabeza: entre elas, saír do armario co seu pai e a posibilidade de que o Charlie teña un trastorno da conduta alimentaria. A medida que o verán dá paso ao outono e un novo curso comeza, o Charlie e o Nick están a piques de aprender moito sobre o significado do amor. Este é o cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman."

Fronte a todas as historias de amores heterosexuais ben contadas esta entre un mozo homosexual e outro bisexual, unha relación moi ben levada a relatada coa problemática da saída do armario, a declaración de amor e outras dificultades que sempre aparecen. As diferentes personalidades de mozos/as e persoas adultas, os prexuízos, as relacións familiares está presentadas cun grao de autenticidade que nos atrae.

A outra serie é Formigas Misión Samaín de Andrés Meixide e Pere Tobaruela publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Unha estarrecedora aventura da brigada especial das Formigas na noite de Samaín. FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En «Misión Samaín» as FORMIG4S entran no Alén tras os pasos dun enigmático escaravello branco. Alí atópanse coa Santa Compaña e outros personaxes estraños. Nesta estarrecedora aventura no universo das tebras, o doutor Paumao pon a proba de novo a brigada especial. Cal será o desenlace? As FORMIG4S serán quen de volver ao mundo real?" 

Unha nova aventura da brigada que unha e outra vez deben enfrontarse ao inimigo perpetuo e saír ben paradas. 

mércores, 9 de outubro de 2024

A nova novela xuvenil dun autor, Pere Tobaruela

A nova novela xuvenil de Pere Tobaruela, sempre é agardada porque el nunca escribe en van. Un autor querido de noso porque chegado de fóra sempre escribe en galego, porque defende a lingua e o país sempre que lle é posible e escribe moi ben. 

Na cerna da selva está publicada en Costa Oeste de Galaxia

Preséntase así: "Xiao, un rapaz de dezaseis anos, escribe un traballo sobre xabarís co que gaña un premio convocado polo Zoolóxico de Barcelona: unha estadía de cinco semanas en Ruanda en compaña de Dian Fossey, investigadora famosa polos seus traballos de protección e divulgación dos gorilas de montaña. Unha oportunidade única que permitirá que viva en primeira persoa o encontro entre dúas civilizacións, a moderna Europa fronte á descoñecida África, un mundo primitivo, cheo de segredos ancestrais, lendas e coñecementos máxicos. E neste mundo, na cerna da selva, unhas circunstancias alleas a el levarán a Xiao a descubrir cal é a esencia do medo, como se forxa a maldade e a que cheira a morte, vivencias límite que afrontará con Nzigui, un pigmeo co que forxará unha forte amizade."

Traer á nosa literatura xuvenil a Dian Fossey é un acerto, traela da man de Joseph Conrad e o seu O corazón da tinieblas son palabras maiores e con esas cartas xoga Tobaruela. Polo medio a denuncia do colonialismo europeo, a situación extrema das tribos africanas, as perigosas mafias con todas as redes de poder, o ben fronte ao mal e este vencendo case sempre dende que o mundo é mundo.

mércores, 31 de xaneiro de 2024

Seguimos con Merlín cómics e as novas entregas de Formig4s

Seguimos con Merlín cómics e as novas entregas de Formig4s.

A entrega número 7 de Formig4s leva o título de Misión Entroido. Da man de Pere Tobaruela e Andrés Meixide, unha publicación chea de vitalidade e dinamismo na que se xoga co deseño e as tipografías para facer máis ameno e divertido o libro. 

Así se presenta: "FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En «Misión Entroido» as FORMIG4S enfróntanse ao doutor Paumao durante estas populares festas. Que tramará o malévolo científico? A brigada especial será capaz de poñer freo aos seus plans? Entroido, tempo de diversión e de aventuras da man das FORMIG4S entre máscaras e disfraces por Galicia adiante."E, con eles, aprendemos as máscaras do entroido galego.

Os vagalumes de Marí de Alba Míguez e Damián Gómez forma parte da colección Merlín cómics destinada á infancia para cubrir ese baleiro que ata hai pouco tempo se facía inmenso. Na actualidade, están aparecendo series (Marcopola, Lendas do recreo, Animalia...) e bandas deseñadas dunha soa entrega (O caderno de rama, Nerea. A invasión dos trastos...)

Sinopse: "Marí é unha nena de dez anos que vive feliz ata que o seu pai ten que embarcar por motivos de traballo. Cando o barco está a piques de regresar, o faro da vila estrágase. Marí nunca imaxinaría que o conto que lle contaba o pai sobre monstros e vagalumes poida ter algo que ver coa posibilidade de que o faro volva iluminarse antes de que o seu pai chegue a porto." 


xoves, 2 de febreiro de 2023

Falamos dunha colección

Continuamos falando dunha colección: Meiga Moira de Baía. O seguinte que queríamos comentar é a presenza de autores e autoras (especialmente autoras) no seu catálogo.

Chama a atención algo que é normal en todas as colección e editoriais, pois xa é común falar de "esta é a miña editora" ou é "unha autora da casa". E así atopamos autoras con varias obras como Conchi Regueiro (algunha delas finalista do premio -Un marciano neste mundo e outros libres como O tesouro das ánimas, A herdanza do marqués, A cerna do segredo ), María Solar (cunha intervención na que xungue libro de ficción e coñecemento en O tempo do revés e Boa sorte), Andrea Maceiras (con dous premios e unha publicación a maiores), Ánxela Gracián con dous premios (ex aequo o primeiro, As voces da auga con Pere Tobaruela e o segundo pleno: Donas de nós), Pere Tobaruela (co premio ex aequo Auga e lume e o libro Catro pedras vellas), Natalia Carou (A Cova da Moura, O alento nas costas), Xabier A. Barreiro Liz (A cova dos mouros, A pantasma telefónica)... 

Certamente, case poderiamos falar de que hai unha temática e maneira de facer na que coinciden varios, pero penso que o mellor son as sorpresas. A última entrega, de María Antonia Quesada, é a primeira incursión desta escritora en galego e semella que buscou a colección que mellor lle ía á historia (mosteiro de Caaveiro, liberais perseguidos por Fernando VII, unha casa en Redes...) pero semella un pouco apertada a letra, como se tivesen que diminuír a tipografía polo tamaño da obra.