Hoxe toca Baía e a súa colección Meiga Moura. O resultado dun premio ou áis ben, unha colección que ten o apoio dun premio. Ao final de cada un dos libros podemos ver o listado de títulos: premios (O lume dos soños, Lóbez, Os globos de andar, Violeta Tamurana, Bandeiras negras, Miña querida Sherezade, Denébola a Roxa, As voces da auga, Auga e lume), finalistas (Un marciano neste mundo, O son da buguina, Unha cabana na lúa) e outros que chegan á editorial polos camiños acostumados. Aínda que na convocatoria non di nada acerca do xénero no que ten que estar escrita a obra, pasa o que acostuma: a maioría das obras e premios son de narrativa, hai algunha excepción, o libro de Carlos Labraña finalista do ano 2016, Tres mulleres do seu tempo de Heidi Kühn-Bode (onde temos a referencia a Brigantia, Xoana de Vega e María Casares), Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) de Roberto Salgueiro. E como primicia, o último premio convocado (correspondente ao 2022) foi conseguido por Ánxela Gracián e unha obra de teatro (a primeira vez que unha obra deste xénero resulta ganadora), o seu título é Donas de nós. Esta é a opinión do xurado: "A súa proposta de revisión e reescrita da mellor tradición literaria ao incorporar como protagonistas personaxes como o Mago Merlín, a Fada Morgana, o Príncipe Azul ou os Reis Provenzais, creando un artefacto dramático metaliteraturizado non exento de humor e ironía, onde se visitan e actualizan temas importantes do noso tempo e de todo tempo dando unha ollada claramente identificada e feminista. Tamén si, coa súa decisión quixo apostar pola escrita teatral como xénero idóneo para achegar os valores da creación literaria e como vehículo para convidar á mocidade a coñecer e recoñecer o mundo que nos rodea, as súas problemáticas e os seus retos e os camiños aínda por andar, así como unha ferramenta para o desenvolvemento persoal."
Ningún comentario:
Publicar un comentario