De Helena Villar, un libro na colección Árbore, a partir de oito anos. A fuga de Guillermo tráenos unha historia orixinal e moi ben contada.
Imaxinade o personaxe dunha historia que está nun libro e o libro na biblioteca dunha residencia de tempo libre. Un personaxe, que semella un paxe, porque estaba na historia "Guillermo o pelador de mazás", pero colle medo cando ve un rato que vai morder o libro así que fai un esforzo e sae, salta ao chan e xa é un neno que comeza a moverse polo local, que descobre o comedor e se pon á cola do autoservizo e alí ten un certo problema cunha camareira que pensa que lle toma o pelo cando el lle di a verdade: que seus pais seguen no libro, que el lle ten medo ao rato que anda pola biblioteca, que non está nunha habitación senón que vén do conto... Pero todo se amaña cando descobre a unha señora maior que está soa e tranquila almorzando, sen présa, e se fan amigos; unha relación que nace dunha maneira tan pura e tenra que merecería ser certa. Ela enténdeo, acompáñao, amáñalle a roupa para que non chame a atención e decide que o mellor que poden facer é ser neto e avoa. Que felicidade e que ben contada está esta historia, como se fora o resultado dunha relación así de limpa e respectuosa.
As ilustracións de Luz Beloso traen a maxia dese mundo que está nun tris de ser creado para que a vida funcione mellor, un pouco máis feliz aínda que a tristeza non desapareza de todo.