xoves, 30 de maio de 2019

Teatro, puro teatro

A obra Somos os monstros de Paula Carballeira resultou ganadora do X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018. Aparece, agora, publicada por Xerais e AGADIC cunhas ilustracións realmente interesantes de Ignacio Hernández. Unhas imaxes que poden lembrar en algún momento a Jacobo Fernández pero que acadan calidade e ese atrevemento que xa se lle vira noutros libros como Quen dá a quenda? ou Debaixo dun parasol.  Comeza polas gardas, con eses confiados meniños perdidos (de noite) por un bosque (ai, Hansel e Gretel!) que poden compartir cos monstros (eses nos que Max se convertía).
O texto de Paula é áxil, cun ritmo rápido. Unha serie de recursos que provocan a risa e esa sorpresa que nos mantén nun estado de vixilia permanente.
Cinco personaxes individuais (Neno, Nena, Monstro Grande -femininino-, Monstro Pequeno -masculino- e Pai) e un colectivo (Xente).
Unha cita de Mary Shelley "... vivía baixo o constante terror de que o monstro que creara cometese unha nova maldade", pero estes monstros son máis ben de mentira, ela é a monstra grande e el o monstro pequeno. O bosque tampouco é o que era, está queimado e así non hai maneira de esconderse (agacharse na miña terra pequena). Hai "verdades" que sobresaen: aínda nas peores circunstancias os nenos divírtense, os monstros son poderosos porque non teñen nada... Malentendidos, relatividade en carto a como cada un ve ao outro (-Es un verdadeiro monstro! - E ti unha verdadeira nena!), relación entre os humannos e os monstros... Todo iso cos fíos do teatro desta autora que nunca nos defrauda.
"Unha historia divertida e profunda sobre o medo ao descoñecido", segundo se di na presentación editorial.


domingo, 26 de maio de 2019

Sobre literatura infantil



  Club de lectura no IES Agra de Raíces
A literatura infantil boa é tamén a mellor literatura para adultos.
Para Eliacer Cansino, escritor sevillano de obras infantís e autor galardoado por medio dunha das educións da Feira, a clave para conseguir ese oco nas librerías e captar o interese dos lectores reside en "non presupoñer que existe un mercado editorial ao que hai que dar unha resposta concreta" pois iso conduce ao uso de " clichés e simplificacións" e en última instancia acaba provocando "unha falsificación da literatura". Pola contra, "o escritor debe guiarse por aquilo que lle suxire a súa vida interior e a súa necesidade de expresión" e a partir de aí deixar que "sexan os lectores quen descubra e aproben o seu traballo".
Pola súa banda, o chileno Luís Sepúlveda, autor de contos "para todas as idades" como Un vello que lía novelas de amor e que regresou agora ás librerías con Historia dun can chamado Leal opina que "o que fascina tanto a mozos como a maiores" son "historias cativadoras" que teñan detrás "grandes valores como o sentido do respecto, o compromiso que se contrae coa palabra dada, a necesidade de protección do máis débil, un afán de xustiza... Eses son os pousos que deixa a literatura e tras os cales ninguén pode permanecer impasible".
Cómpre lembrar aos adultos que "literatura infantil é aquela que tamén interesa aos nenos. Quere dicirse que, primeiro, ha de importar a todos. E, só dun modo particular, aos alevíns da tribo", tal e como Antonio Rodríguez Almodóvar definía no pregón inaugural. Neste sentido, Sepúlveda confesa que é "tremendamente difícil" escribir unha obra que sexa interesante para todos os públicos. Pero, contrariamente ao que podería parecer, o chileno non ve a complexidade nos lectores máis veteranos, senón nos que teñen poucos anos, pois "son máis esixentes. Gústanlles as historias directas, sen ambigüidades, pero que utilicen unha linguaxe moi poética. En combinar ambos os elementos, aí está o verdadeiro desafío", sentencia o autor. 
Apúntase, o secreto para que os mozos e mmozas lean máis, mellor e con pracer : unha boa mediación dos pais e todo tipo de mediadores. Non hai outra!

Os avós como mediadores de lectura

"A literatura é unha arte sen adxectivos", diría María Teresa Andruetto. Tamén Ángeles Caso bota unha man para dicir que un país que non respecta a cultura, o pensamiento e a creación, estará condenado sempre á pobreza y á escravitud e mental.
Para falar dela cada día atopamos varias posibilidades na rede. Blogueiros, youtubers, booktubers ou bookstagrammers. As reseñas un pouco máis seria, ademais de atopalas en papel, tamén as podes ler nun blog, pero se non buscas algo máis visual podes atender a un booktuber (ao que lle chega unha webcam e un canal en YouTube para comentar o que pensan sobre libros e facelo compartíndoas nas redes, igual que outros o fan sobre vidoxogos ou maquillaxe) ou a un bookstagrammers (que o fai a través de Istagram)


sábado, 25 de maio de 2019

Poesía para a mocedade


Soneto no alfabeto de Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado na colección Costa Oeste de Galaxia.
Vinte e dous poemas de esixencia ao someterse á estrutura do soneto e cada un deles encabezado e con repetición da grafía correspondente, repetindo a fonética do son da A á Z. Así aparece recollido no decálogo que fai de pórtico ao libro.
De esixencia era tamén aquel libro de poemas destinado á infancia que tanta atención merece Palabras brancas de Elvira Riveiro, no que a única vogal que aparecía era a A.
Cando a poesía se mete nun corpiño.
Soneto no alfabeto é o segundo libro de poesía para a infancia de Xoán Carlos Domínguez, anteriormente publicara Versos para conversar con ilustracións de Pablo Rosendo. Dividíao en varios apartados que levaban o título de Amizades, Voces, Brinquedos, A lúa e a nena., Soños..
Nel podemos atopar declaracións como as seguintes: "A través da lectura dos nosos escritores aprendín que a cultura galega é un lume poderoso  que, usando a nosa lingua, ten que avivar cada un/ha de nños" ou "Dende pequeno fun sabendo aue a poesía serve para expresar o mundo con musicalidade e precisión"

martes, 21 de maio de 2019

Un par de álbumes


Piano á fuga de Filippa & Compañía, publicado por Hércules edicións e traducido por Anu Pitkanen,  está escrito por Juha Virta (unha amante da música),  ilustrado pola finlandesa Marika Maijala.
Filippa & Compañía ou Filippa e os seus amigos, atopan un piano que cae dun camión en marcha e costa abaixo vai da no patio da súa casa. Filippa quere tocalo e así llo di ao gato e ao asno, pero o primeiro métese dentro a durmir e o segundo decide usalo como mesa auxiliar no seu bar. Ela enfádase e vaise coa harmónica no peto. Non lonxe de alí a orquestra, que debe comezar o seu concerto atópase cun problema: fáltalle o instrumento ao pianista e un calcetín ao director, en vista de que non poden comezar o pianista vai dar unha volta e atópase con Filippa que toca unha melodía coa harmónica, póñense a falar... e xa sabedes o que pasou, incluso aparece o calcetín!
publicado por Galaxia. Un álbum ilustrado, un conto rimado que relata a historia dunha nena capaz de introducir toda a fantasía no medio dunha cidade que semella o Gothan de Batman.

luns, 20 de maio de 2019

MULLERES DE CONTO. Salón do Libro de Pontevedra



Aí ven abril, cos días D do libro e do libro infantil. Aí chega...
Dende o 2 ata o 29 de abril Pontevedra convértese nun gran salón do libro.
Mulleres de conto é o seu título, porque vai de cotos e mulleres. Mulleres que escriben e ilustran, mulleres que editan e deseñan libros,  mulleres que os venden e nolo achegan nas bibliotecas, mulleres que nos falan de libros e nolos contan... pero sobre todo, mulleres mediadoras entre os libros e a rapazada.
O cartel de Ana Villegas, ganador do concurso fala de todas esas mulleres.
Aquí o programa!

domingo, 19 de maio de 2019

Constelacións literarias II. Mulleres aventureiras



A expedición do Pacifico podería ser o prototipo dun tipo de libros no que as rapazas asumen roles aventureiros.
A protagonista, Emilia, é unha nena de doce anos que vai como polisón e disfrazada na expedición científica que pretende explorar o Pacífico a finais do século XIX. Forman parte do contido desta novela as ideas feministas, a paixón polo coñecemento e a polémica entre o darwinismo e o creacionismo (tal como se cita na presentación editorial). A autora parte dun feito real, a expedición, e introduce nela unha adolescente para novelala con liberdade e defender os valores que lle son propios.
Contidos claves: 
Unha muller que racha os estereotipos de pasividade ou conformismo.
Viaxa de polisón nun barco, igual que sucede coa rapaza de As flores radiactivas de AFP ou Denébola A Roxa de Héctor Cajaraville.
A rapazas e o interese pola ciencia: A evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly. Da súa presentación editorial: "Observar o mundo con curiosidade non era o que se agardaba dunha señorita de boas maneiras. Mais a Calpurnia interésanlle as teorías científicas de Darwin máis que conformarse coas limitacións dun destino predeterminado. No verán de 1899, a protagonista desta historia aprenderá a ser naturalista".
 

Un novo libro de Mª Victoria Moreno: "O amor e as palabtras"

O amor e as palabras saca á luz unha serie de relatos da autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas.
A edición corre a cargo de Xavier Senín que elabora o liminar presentando cada un dos contos e enmarcándoo nas edicións anteriores de ser o caso, como "Querida avoa" que aparecera anteriormente no volume colectivo Leria, "SOS" en Contos de hogano, "Pan con chocolate" en Relatos para un tempo novo e Dixo o corvo..., "O encontro" en Un libro, a maior aventura, "O grumete" en Libros de charlatáns, grumetes, botas e fendas Outros como "o libros das saudades e os degoiros" formaron parte da Ruta Rosalía que organizaba Caixa Galicia cando aínda non se perdera de todo e "O amor e as palabras" que nunca saíra á luz .. . 
Trátase de textos curtos que afondan na temática da autora: as relacións entre mulleres: avoa a neta por exemplo, a comprensión dos pequenos fallos, problemas ou defectos que nos humanizan, a drogadicción e a facilidade para caer nela, o mundo dos bibliotecarios e a lectura (dos mediadores que posibilitan que os libros cheguen á man da rapazada), a discriminación a outras etnias como a xitana, unha historia de amor entre rapaces, a introdución de palabras nesa lingua, a espera dun namorado e a desilusión (que a outro nivel lembra a do pai de Migueliño), a maxia e o misterio que nos poden lembrar outros relatos de AFP ou Fina Casalderrey, das palabras e como nos suxiren diferentes sentimentos e mundos, do sexo e o amor (tamén entre os cans)...

Amor por catro

Así se chama o último libro de Helena Villar publicado na colección Costa Oeste da editorial Galaxia.
Amor por catro, catro relatos que xiran arredor do eixe do amor. 
Un mozo marroquí, ao que a familia busca unha moza sen ter en conta os seus sentimentos. O amor é un paxaro rebelde que sae do ovo antes de que ninguén o agarde, por iso chegan tarde as nais e a avoa que pretenden unilos. Fermoso conto, moi ben ambientado, no que se recollen problemáticas propias do país e da idade moza, na voz dun narrador externo.
Outro situado no camiño de Santiago, onde unha adolescente coñece a un rapaz francés ao que lle poñerá o nome de Galahad por descubrilo xustamente no santuario do Cebreiro. A adolescencia é unha idade de tenteo, un día queres volver á casa e ao seguinte es feliz onde te atopes. Polo medio os versos de Ramón Cabanillas e todo na voz da rapaza que protagoniza a historia.
O terceiro está escrito en forma de diario. Unha rapaza vaino escribindo ao longo dos días de vacacións do Nadal nos que a familia entra e sae, as visitas dos tíos e da avoa, a pelexa inútil para saír a noite de ano vello, a introdución dunha óptica feminista na distribución do traballo doméstico e a relación co rapaz que lle gusta e nos deixa sen aclarar se el realmente está interesado nela ou unicamente nos seus apuntamentos. 
O último, cun narrador omnisciente, fálanos dunha rapaciña preocupada pola fuxida do irmán coa moza. A nena actúa para resolver o problema e nese empeño vai atopar a un vello disposto a solucionalo e crear unha relación de amizade e case familiar. A rapaza ademais de inocente é moi boa e xenerosa, igual que o vello que se interesa por ela e a súa historia ata tratar de resolver algo, tamén, a propia soidade. 
De cada unha das historias chama a atención a bondade e o entendemento entre os mozos e os adultos, o amor a certa distancia e a presenza das mulleres nuns papeis realmente poderosos. A impresión semella parella ao título O único que queda é o amor onde máis que amor eu atopaba lectura e libros, e neste caso atopo algo que me gusta tamén moito: a convivencia harmónica entre diferentes xeracións, co primeiro amor polo medio. 

martes, 14 de maio de 2019

De traducións (I)




O primeiro libro ao que me quero referir é Berta Mir detective. O caso do falso accidente
Un libro de Jordi Sierra i Fabra, escrito entre setembro e outubro de 2009. Realmente impresiona a capacidade de traballo e produción deste autor... A obra, traducida por Xesús Domínguez Dono está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.
Unha moza atópase, de repente, co pai case vexetal a raíz dun accidente que non parece tal, se non un intento de asasinato. Lévanos este comezo a Conta saldada de Suso de Toro, eses momentos nos que os fillos se ven abocados a perseguir as pegadas que deixaron os pais para indagar acerca das causas que provocaron esa situación. Neste caso, a protagonista unha rapaza lista que deixa os estudos e se dedica a ensaiar cun grupo de música (onde nin sequera é imprescindible) vaise enfrontar, coa única presenza da avoa, ao problema e tentará resolver ese enigma. De paso, igual vai abrindo, tamén, unha luz ao seu futuro. É posible que Marta Mir comece a súa carreira como detective privado seguindo a estela do pai e outros casos pode estar a agardarnos. É de resaltar o tratamento do personaxe da avoa.
Outro libro é Un puñado de estrelas de Rafik Schami (un escritor sirio que vive en Europa) publicado por Sushi books e cunha tradución de moita calidade da man de Moisés Barcia. Trátase dun diario no que o rapaz protagonista vai relatando o seu paso á madurez, esa maneira de atravesar a fronteira ao tempo que o país sofre golpes de estado continuos. A falta de liberdade de expresión e a situación económica da familia impídenlle estudar xornalismo que é o que máis desexa, pero conseguirá sacar un periódico clandestino que terá repercusión a nivel internacional. A amizade, o primeiro amor, a relación coa familia, especialmente co tío avó co que mantén unha amizade moi profunda mostraranse contextualizadas nunha cidade na que conviven moitas culturas, linguas, etnias e relixións. Así llo demostra o tolo cando lle fala dun arco iris de todas as cores da que algúns só ven unha cor ou cando o agasalla cun texto en diferentes linguas que o obrigan a ir dun grego a un italiano, dun español a un kurdo e a un asirio. para así coñecer cantos pobos conviven en Damasco... a historia dun paxaro multicolor que vive nun palacio de Oriente cun pesado anel de pedras preciosas no pescozo, un paxaro que ha de ferirse para poder ser libre e levará para sempre a dor da cicatriz no pescozo lembrándolle o valor da liberdade.  Da boca de Salim, o tío, sairán as maiores ensinanzas: "Quen esquece unha inxustiza comete unha segunda", "Os débiles deste mundo inventaron a amizade. Os poderosos non a necesitan"... E chega un momento no que a rapaz medra e tamén el razoa desa maneira xusta na que toca defender, por exemplo,  que hai que acabar coa pobreza e non perseguir aos pobres. Unha novela para ler e pensar, para sentir e reflexionar; unha boa novela!   

luns, 13 de maio de 2019

De traducións (II)

A avoa gánster de David Walliams, con ilustracións de Tony Ross, traducido por Moisés Barcia e publicado en Sushi books.
O autor, un humorista británico, conta xa con outro superventas tamén traducido ao galego O rapaz do vestido. 
Nun e outro caso, estamos ante un escritor que acude aos sentimentos máis básicos e situacións máis inocentes, nesta obra, preséntanos a Ben, un rapaz de once anos que ha de quedar coa avoa cada noite de venres mentres seus pais ven programas e espectáculos de bailes de salón. Non se sinte querido por eses pais incapaces de pensar nel ou de respectar o seu desexo de ser fontaneiro, non lle gusta a avoa: unha vella que cheira ao repolo que un día e outro lle dá de comer, que bota peidos (non se sabe se querendo ou sen querer) e coa que unicamente xoga ao Scrabble. Todo cambiará cando descobre que a avoa non sempre foi vella e é unha ladroa de xoias. Con ela planificará o roubo das xoias da coroa na Torre de Londres... e vivirá experiencias que ha de lembrar toda a vida, pero ademais descubrirá o afecto e a dor da perda. 
E porque todo remata sendo feliz cando cambias a mirada... o final valerá a pena.
En O rapaz do vestido atoparemos outra historia con elementos comúns a esta: ese rapaz,  Dennis, vive nunha casa aburrida, nunha rúa aburrida, nunha cidade aburrida, e non ten grandes aspiracións. Pero o que si ten son soños, e cando comeza a seguilos, as cousas non volverán ser iguais. Desa maneira será ,libre de ler as revistas de moda, vestir a roupa que deseña e cose a súa amiga e recibir a solidariedade dos compañeiros e profesora.

domingo, 12 de maio de 2019

Libros de museo, libros de obra




O Museo de Belas Artes d´A Coruña conta con catro obras dirixidas a lectorado infantoxuvenil baseadas en catro obras do Museo, con textos de escritores galegos recoñecidos e ilustracións de Xosé Cobas. Unhas ilustracións moi acaídas, un ilustrador que é pintor, que ten un estilo moi pictórico  e que gozamos vendo as súas imaxes, pero que realmente, neste caso non eran necesarias. Semella unha soberbia poñer máis imaxes ás que xa están aí, no cadro do que se fala. Sucedeu igual cando se publicara a obra de teatro de Avilés de Taramancos Tres capitáns de tempos idos, o autor xa ilustrara a peza e colocar ao seu lado as de Manolo Uhía era un acto de xenerosidade por parte do editor, pero non era preciso. Nun e noutro caso, as imaxes que achegan os ilustradores son magníficas, nunca se lle poderá poñer ningunha problema, é engadir beleza á que xa estaba aí, pero non eran imprescindibles. É unha opinión persoal, só iso.
Botella ao mar, baseado na obra de Seoane, está escrito por Marilar Aleixandre que homenaxea a este polifacético galego e ao seu tempo, por medio dunha botella que vai dun ao outro lado do Atlántico levando e traendo cores e herbas.
Mariña surrealista, está escrito por Yolanda Castaño nun formato especial xogando coa poesía e o que aparece no cadro, narrando unha historia na que participan todos os elementos da pintura.
A pequena guardiana de Tomás Muñoz serve de inspiración a Fina Casalderrey para crear a historia de Alba Rico, unha nena filla de moura, que será gardiá dun bosque.
Suso de Toro vaise á mitoloxía clásica arredor de Chega un baixel de Rubens. Remítenos á historia do Minotauro e a súa irmá Ariadna, o pai Minos e a nai Parsifae, o arquitecto e o seu fillo Ícaro. Unha narración que vai soa, coma un río.

martes, 7 de maio de 2019

Libros para peques

 
O ladrón de voces de María Canosa, ilustrado por Noemí López e publicado por Embora.
A importancia das voces e o poder da imaxinación. Un neno adora as nubes, sempre anda a miralas e ver figuras. Unha nena soña coas estrelas... cada un ten os seus gustos, pero ambos miran o ceo.
Un día amanecen sen voz, tampouco a eñen os demais rapaces da escola... menos mal que a mestra está disposta a acompañalos ata descubrir quen as poido roubar. Foi o vento que as levou, pero como farán para recuparalas? Non é doado mais pódese facer sermpe que se lle poña atención e imaxinación.

luns, 6 de maio de 2019

Documentación de interese

                                                                                                                                                           Imaxe extraída da páxina da FGSR
Un documento da FGSR acerca das novas destrezas para as persoas mediadoras da lectura que aparece, para descarga, na súa páxina.
Unha vez máis temos que agradecer o acompañamento e guía que esta Fundación realiza ao longo do tempo.

domingo, 5 de maio de 2019

Libros para pequenos e pequenas



Macedonia de versos. Concha Blanco aos versos e Nidia Nokonoko nas ilustracións. Na edición: Aira das Letras
Poesía infantil co tema das froitas... Un pracer, ir descubrindo a riqueza froiteira mediante versos e unhas ilustracións evocadoras e moi divertidas... Amais de lírico é informativo xa que permite que as crianzas aprendan os nomes das froitas en galego. Poemas sobre unha froita determinada ou sobre un conxunto
Conta con caderno de actividades para o seu aproveitamento didáctico e unhas ilustracións realmente moi boas. Un libro recomendable!
Música e memoria. Tres xeracións. avós, pais e netos: unha nena e o seu irmán. Un segredo. Un repaso pola música do século XX e unha mirada á memoria histórica, aos anos da guerra e a posguerra, da Ditadura e a actualidade, na que seguen a pesar as cargas do pasado. O mellor da historia, como sucede nestes casos, o entendemento entre avós e netos, esa necesidade de saltar a primeira xeración para vincularse coa historia familiar a través dos obxectos que sempre están nun faiado e nos van levando paso a paso polos tempos e as lembranzas. Un bo percorrido por figuras musicais que aínda están entre nós e podemos aproveitar para coñecelos, porque están vivos, aínda que non saian no Luar.

sábado, 4 de maio de 2019

Lecturas para os días escuros, para o inverno, para todo o ano...

 
Un enlace a todas esas recomendacións lectoras das Bibliotecas Escolares de Galicia que enchen páxinas e se distribúen por todo o país. UNHA POTENSSSSIA traballando a favor da lectura, da solidariedade bibliotecaria, da información para toda a cidadanís, para apoio a toda a rapazada galega... para que as familias as teñan en conta cando van a mercar agasallos (en Nadal, no Entroido, pola Candeloria ou nas vacacións de Semana Santa). Son libros escollidos seleccións fóra de todo interese comercial ou espúreo. Profesionais lendo para recomendar, que máis se pode pedir? 

venres, 3 de maio de 2019

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de Lectura de centros de ensino de Secundaria


Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
Anagnórese
Os nenos da varíola
Os máis lidos, e, en galego.
Non sabe o profesorado coordinador destes clubs o que se lles agradece que colaboren nesa elección de títulos!
É unha maneira de falar... pois ben saben e sabemos do seu compromiso coa lingua e coa defensa dun idioma e unha industria cultural que é responsabilidade nosa, dos galegos e galegas.
Grazas, a profesorado e alumnado, a familias e outras persoas participantes nestes clubs.
















xoves, 2 de maio de 2019

Banda deseñada para ler e mirar, para documentarse e falar.


A tumba de Breogán de Abel Alvis e Esteban Tolj, publicada por Demo editorial.
Unha boa publicación de banda deseñada que imita un vello libro de pastas duras e lombo do coiro. Debuxo de boa calidade e ao servizo dunha interesante historia.
A presentación editorial explícao moi ben:
“No ano 1870 realízanse varias reformas na Torre de Hércules. Durante eses labores atópanse unhas vellas táboas de madeira escritas polo arquitecto do faro. Isto revelará un segredo ancestral relacionado co lendario líder castrexo Breogán e coa antiga cidade de Brigantia. O poeta Eduardo Pondal e o intrépido bandoleiro Antón Dedo d´Ouro coincidirán nesta perigosa aventura, enfrontándose a un sinistro grupo de carlistas e membros da igrexa que agochan algo en relación co descubrimento. Conseguirán Pondal e Antón desentrañar o misterio da tumba de Breogán?

A Coruña, a torre de Hércules lembrando a Ith e o pai, Breogán.
Pondal, Murguía e Pardo Bazán formando parte da historia.
O carlismo, representado por uns curas dispostos a todo por conseguir o tesouro para a causa ou para si mesmos.  
Un bandoleiro, traendo todo o romanticismo, colgado do pano que leva á cabeza.

mércores, 1 de maio de 2019

México e Daniel Goldin. Non hai descanso




Hai uns meses o novo goberno mexicano sorprendíanos coa destitución / dimisión de Daniel Goldin como director da Biblioteca Vasconcelos. Así o explica Juan Villoro: "O seu prestixio rebasou o marco da la lingua española de forma que o autor e inglés Anthony Brown lle dedicou un dos seus libros. Despois de traballar no Fondo de Cultura Económica, de crear  a mítica "A la orilla del viento", Goldin dirixiu en editorial Océano unha colección sobre a cultura da letra. Volveu a ser pionero e convenceu aos autores para escribir libros que non tiñan pensado facer. No prólogo a Una infancia en el país de los libros, a antropóloga da lectura Michèle Petit confesa que a súa autobiografía como lectora foi unha idea de Daniel Goldin" pois  creou proxectos nacionais como Red de Animació a la Lectura e a colección Espacios, tamén o fixo co selo Océano Travesía dedicado á LIX dentro da editorial Océano, formou parte da Encuesta Nacional de Lectura do Goberno Mexicano, fundou o selo Abnracadabra dentro de ediciones Serres... O seu papel na formación de lectores e lectoras é recoñecido a nivel internacional, pero iso non impide que en calquera momento alguén rache esa carreira por razóns inconfesables e deixe orfo ese campo. Grandes referentes que poden perderse por unha decisión política se non hai unha sociedade civil que o impida, que busque outras maneiras de darlle apoio á seu labor
Máis información tamén no seguinte enlace.