xoves, 28 de decembro de 2017

Máis traducións de clásicos da literatura infantil universal

Un clásico dos imáns Grimm revisitado por Tomi Ungerer baixo o título de Allumette. A cerilleira, A nena dos mistos, nunha versión traducida por Sandra e Óscar Senra Gómez e publicada por Kalandraka. Cando semella que a nena vai morrer de frío e fame, pide o desexo de comer e do ceo empezan a caer cousas, a cumprirse todos os seus desexos... e ela reparte porque hai para máis; e chegan máis cousas que a xente vai doando e máis persoas que lle axudan a repartir, as cousas vanse distribuíndo por todo o mundo nunha rede de solidariedade. A tristeza máis absoluta que sempre sentimos ao ler ese conto, transfórmase nunha esperanza, porque as cousas poden cambiar e o realidade pode ser un lugar mellor.
Ernesto e Celestina perderon a Simeón de Gabrielle Vincent, traducido por Tamara Andrés. É a tenrura dos vellos contos que se fixeron eternos porque as emocións están aí e non nos programas montados por determinadas fundacións e seguidos a ollos pechos por quen non coñece a literatura infantil máis que como pasatempo. Ernesto, o oso, convida a Clementina unha ratiña, a ir pasear baixo a neve. Ela leva a Simeón, un boneco pingüín, que perde na neve. É moi tarde para volver a buscalo, e cando regresa o oso xa está desfeito e non se pode aproveitar. A pesar dos seus esforzos por mercarlle outros bonecos que llo fagan esquecer, a rata chora e bótao de menos ata que Ernesto decide que entre os dous van a construír un novo Simeón... daquela a alegría é inmensa ata o punto de facer festa para que os amigos poidan ser agasallados cos outros bonecos e compartir a noite; cando marchan, Ernesto e Celestina lavan a louza, máis amigos que nunca, felices!    
Graza, unha vez máis, por non permitir que se perdan estas xoias.
 



martes, 26 de decembro de 2017

Coleccións de mulleres galegas



Lela edicións pon a disposición do público unha colección de biografías de mulleres galegas que busca facelas visibles a través duns libriños de pequeno formato pero de gran importancia.
O primeiro deles titúlase Un Ronsel de Ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, que se presenta desta maneira: "Mª de los Ángeles Alvariño (Serantes, Ferrol 1916-San Diego 2005) foi unha científica galega de recoñecemento internacional. Os seus traballos tiveron especial relevancia e aplicación na oceanografía e na bioloxía mariña. Descubriu 22 especies novas de organismos mariños, participou en diversas expedicións científicas e escribiu case un cento de artigos sobre diferentes materias relacionadas co mundo oceánico que a apaixoaba. Nas súas palabras, hai que: "levar aos nenos e nenas á magnífica catedral natural, con paseos polo campo, praia e forestas..." 
Da mesma autoría (de Enrique Mauricio os textos e de Carlos Taboada as ilustracións) é a entrega Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de Ernestina Otero. Unha mestra, que foi directora da escola de Maxisterio, unha muller da Institución Libre de Ensinanza, compañeira e amiga de Castelao e participante nas Misión Pedagóxicas que houbo de sufrir o horror da guerra e a posterior noite da posguerra ata recobrar de novo o seu traballo. Defensora das mulleres e dunha educación de calidade para todos e todas. Destes autores é tamén Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, na que dunha maneira moi atinada se enfrontan á vida e obra desta artista surrealista que superou con fartura as fronteiras e foi unha gran defensora da liberdade das mulleres; a súa arte nas mellores coleccións do mundo e os seus feitos no Madrid da Residencia de Estudiantes na época da República fálanos cunha compañeira da xeración do 27 que abandeira o movemento das sen sombreiro. 
Unha historia de amor. Pequena biografía de Mª Victoria Moreno, está escrita por Joanna Lorenzo Montero e ilustrada por Tania Solla. A biografía da autora homenaxeada nas Letras Galegas do 2018 fálanos dunha muller solidaria que cando traballa na ONCE coñece ao home co que se casa, a apertura con outros amigos da libraría Xuntanza, dos seus cans (Alma e Nico, que coñeciamos polas súas obras), de Teresita (o seu coche) ou de como coñece ao seu segundo compañeiro Pedro (un cubano que se namora dela a través do libro Leonardo e os fontaneiros), coñecemos todo o que sabe de idiomas e da existencia da súa novela en castelán Donde el aire no era brisa que traducirá ao galego o seu amigo Xavier Senín ou que foi homenaxeada no Salón do Libro de Pontevedra.   
Todos estes libros teñen o mesmo formato pero tamén coinciden na distribución e esquema xeral (citas nas capas intereriores, unhas veces de outros autores sobre elas e outra veces da autoría destas mulleres, unha biografía sintética e ao final unha serie de actividades, así como un glosario -en moitos deles- ao que acompañan tamén as actividades respectivas).   
Un empeño que se agradece. Unha necesidade que se está a cubrir. Iluminar a vida das mulleres que ata agora permaneceron ocultas. Ofrecer modelos nosque mirarse ás novas xeracións de rapazas. Devolver o ugar que corresponde a esa metade da humanidade que é imprescindible mostrar.
Grazas!



luns, 25 de decembro de 2017

Tonecho de Xaquín Marín

 
















Dos tempos de Golfiño, aquela revista de banda deseñada para a infancia, son as tiras de Tonecho.
Agora, Galaxia decide reunilas para crear un libro, prologado por Fausto no que podemos ler os pensamentos daquel rapaz que Xaquín Marín creou despois do Gaspariño. Así o define na presentación editorial: " unha voz cargada de retranca, inxenua, mais de profunda sabedoría, e moita crítica".
Para un lectorado para o que falta banda deseñada, pero tamén para un lectorado que precisa indagar no humor que nos é propio.
Lembramos a Fiz, da creación de Kiko da Silva e a este Tonecho, que unha e outra vez facía metacreación ao dirixirse ao autor ou á revista, que se distanciaba e xogaba con ese realidade. A eso se lle chamou sempre respectar ao lector, dirixirse á súa intelixencia. Por iso, hai que movelo pa ver como funciona, ata que punto fai pensar e rir. Humor gráfico.

sábado, 23 de decembro de 2017

Kalandraka e as súas edicións de Tras os Montes



Sempre agradecemos a Kalandraka ese esforzo por traernos aqueles libros aos que non tiñamos acceso en galego e que forman parte xa do acervo universal de literatura infantil e xuvenil. Neste caso, tócanos darlles a benvida a algúns deles da autoría de Maurice Sendak:
Miguel. Conto exemplar en cinco capítulos e un prólogo. Un conto rimado protagonizado por un neno ao que "tanto lle dá" e "tanto lle ten" ata que o límite o leva a ser comido por un león. Menos mal que cando chegan o pais e lle preguntan el responde coma a neno e só o teñen que sacar da súa barriga. Unha moralexa coa alegría de volver a casa montados no león ao que convidan a pasar uns días con eles.
Sopa de polo con arroz. Libro dos meses. Cada mes un poema que remata co título porque esa sopa dá para todo o que se queira relacionado co mes no que se sitúa. Miguel, o neno que protagonizaba o conto anterior, continúa acompañándonos neste, e tamén  fará no seguinte (aínda que sexa con outro nome): O un era Xoán. Un libro para contar. Xoán está tranquilo na casa pero un a un van entrando os demais (e ímolos contando) ata que se cabrea e os bota fóra, así que irán saíndose e contando do revés, cara atrás, ata quedar de novo só: o un co libro para ler tranquilo. Os caimáns van de paseo. Un alfabeto; de novo, coa alegría e a falta de seriedade de Sendak imos avanzando co abecedario "Do A ao Z, un simpático alfabeto cunha familia de crocodilos que pasean, xogan, cociñan e fan moitas máis ousas... Rimas e humor para gozar das letras" (dise na presentación editorial).
Libros de pequeno tamaño, como pequenas xoias, para familiarizar á rapazada cos número, coas letras, cos meses, coas boas costumes, coas rimas e o gusto polo xogo poético tanto nas palabras como nas imaxes... Todos eles adaptados por Ballesteros.


luns, 11 de decembro de 2017

Ubik, a biblioteca de creación de Tabakalera cumpre un ano revisar

Recollemos esta nova para ir vendo cara a onde se dirixen as bibliotecas...
Nos seus espazos danse cita persoas que utilizan os ordenadores para buscar información en Internet e YouTube, xente que ve películas, constrúe videojuegos, edita imaxes e son co ordenador, encaderna libros, monta robots, toca instrumentos musicais, debuxa con acuarelas... Hai usuarios de toda idade e condición que van “traballar, xogar, curiosear e aprender”, como un señor que axuda a arranxar paraugas no obradoiro de reparación HorKonpon, un chaval xovencísimo chamado Lucas ao que apodan “o pequeno Spielberg” polo seu innato talento audiovisual ou Laura San Juan, unha muller que quere pintar xirasois. “É  incríbel a gran cantidade de cousas que poden suceder ao mesmo tempo en Ubik”, afirmou a responsable dun equipo no que é clave o papel dos mediadores ou especialistas que axudan aos usuarios a darlle saúda á súa creatividade.
No ano que leva funcionando, recibiu máis de 181.000 visitantes, o que supón unha media de 15.000 mensuais. 
Despois da presentación que fxeron nas Xornadas de Biblioteas Escolares... temos pendente unha visita, ou non?

martes, 5 de decembro de 2017

VIII Xornadas de Bibliotecas escolares de Galicia

 
Un ano máis, as bibliotecas escolares de Galicia acaban de xuntar máis de mil profesores e profesoras a tarde o venres e todo o día do sábado 2 de decembre para formarse. Algo que di moito deste tipo de docentesque normalmente traballan máis horas ds que lle corresponden na biblioteca do seu centro, pero que ademais acuden a seguir informándose no seu tepo libre do fin de semana.
Unha boa maneira de comezar o mes!
Este ano, recollían o lema do cartel
"Aprender a pensar na biblioteca escolar" para centrar a temática no campo da filosofía. Unha materia que perde horario pero semella recuperar algo de presencia a través da biblioteca escolar. Un esforzo que ha de agradecerse porque as bibliotecas atentas ás necesidades máis urxentes, ilumina ese campo imprescindible da educación e a vida. Expertos de primeiro nivel e experiencias de calidade encheron eses dous días nos que ademais de permanecer nas salas de conferencias  o profesorado aproveita para contactar entre si e promover as microrredes que lles axudarán a levaa cabo as actividades e plans que poñen en marcha.
"As mellores da súa clase", como foron definidas hai uns meses, despois de analizar os esultados da estatística do Ministerio continúan na vangarda. Así que, só nos queda seguilas, para demostrar que hai campos nos que Galicia é unha potencia!! 

domingo, 3 de decembro de 2017

"Declaración de Barcelona" ou cando as feiras sirven para algo máis que vender revisar


O Grupo Iberoamericano de Editores que agrupa asociacións e cámaras do libro de España e países latinoamericanos asinou un acordo na Feira Internacional do Libro LIBER, co nome de "Declaración de Barcelona" e co obxectivo de fomentar a lectura e o libro.
Este documento presentarase á próxima Cumbre Iberoamericana de Xefes de Estado e de Goberno" co obxectivo de que os estados poñan en marcha un plan de acción para fortalecer a lectura e o libro. 
No horizonte o deseño e execución de plans permanentes de fomento da lectura con orzamentos serios.

venres, 1 de decembro de 2017

Marilar Aleixandre gana o premio Raíña Lupa

Marilar Aleixandre gana o premio Raíña Lupa, converténdose na primeira autora premiada.
O fillo do Minotauro foi seleccionada entre as 48 obras presentadas. 
O xurado destaca a calidade da novela que conta con varios niveis de lectura. Unha novela de aventuras que xira arredor dunha organización clandestina que tenta salvar as obras de arte que forman parte do patrimonio de Sicilia. Unha relectura moi actual dos mitos clásicos que sitúa a novela en dous momentos históricos dispares.
A expedición do Pacífico desta autora, acadara tamén por primeira vez para unha obra de litratura infantil o Premio da Crítica á creación literaria en galego.
Ademais, tamén declarou como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación.
Nas edicións anteriores gañaron o premio Raíña Lupa: Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz.