As casas de escritores ou de artistas en xeral son lugares plenos de recursos.
Son espazos tan especiais que sempre lembrarei unha anécdota:
Unha vez... unha profesora de infantil contaba ao seu alumnado que ían visitar a Casa de Rosalía. Explicoulles como collerían o bus a unha hora, como logo se moverían en tren... e como a unha hora determinada comerían alí. Un pequeno ergueu a man e preguntou: E Rosalía sabe que imos tantos?
Pois si, a escritora ou o escritor non nos vai dar de comer, pero do resto vaise ocupar de todo.
Na Casa Museo Manuel María poderemos realizar visitas guiadas, incluso de maneira virtual.
Podemos realizar rutas pola contorna, un par delas deseñadas por Adela Leiro, ás que se pode acceder tamén na páxina; neste apartado, os textos relaciónanse cos lugares, coa músicas e as explicacións necesarias para entender determinados personaxes como Manuel de Paderna ou a Casa de Hortas.
Na páxina atoparemos a biografía, obra e fotobiografía; os textos e os lugares; os recursos de todo tipo (vídeos, audios, exposicións, unidades didácticas, propostas de actividades, obras de teatro...)
Nas visitas ás casas museo, sempre é ben pasar pola tenda. Un recordo, un agasallo que levar aos que quedaron na casa... será a mellor maneira, tamén, de educar en determinados valores culturais.
Nas visitas ás casas museo, sempre é ben pasar pola tenda. Un recordo, un agasallo que levar aos que quedaron na casa... será a mellor maneira, tamén, de educar en determinados valores culturais.
E sempre, antes de ir, visitar a páxina onde abrir boca, coas noticias (onde por exemplo nos decatamos que está dispoñibel para uso libre o texto de Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela), o diario da Casa, ou os textos que deben lerse por anticipado.
Esta é unha maneira exemplar de levar a casa dun escritor, por iso tamén, estamos de noraboa.
Grazas a quen tanto ben fixo!