sábado, 30 de maio de 2026

Unha tradución dende Petos

A colección Petos de Triqueta editora presenta Puntiño e Borrón de Anna Taraska, ilustrado por Daria Solk traducido por Víctor Mascato.

Da presentación editorial: "A nena Puntiño vive nun caderno con liñas. De maior gustaríalle converterse no punto do «i», pero de momento o que máis lle gusta é xogar, rubir polas liñas superiores e quedar con Borrón, o seu novo amigo que apareceu un bo día pola páxina do seu caderno. Cando Borrón desaparece sen deixar rastro, a Puntiño vénselle o mundo enriba. Onde se perdería o seu querido amigo? Para atopalo deberá emprender unha gran viaxe por outros cadernos: un libro de solfexo, outro caderno infantil e mesmo polos apuntes dunha poeta. Será quen de atopalo?" 

De todo se pode facer un conto, para demostralo este libro. Unhas ilustracións realmente interesantes, imaxinativas, cun estilo propio e unha historia creada cuns personaxes estraños, tanto que case case nos resulta surreal por un lado, pero polo outro, temos un relato como moitos outros de dous de dous pequerrechos que se fan amigos e cando un deles desaparece a outra vaino buscar dando as voltas que sexan necesarias. Polo camiño atopa outros personaxes que lle van axudar nesa busca y todo remata ben.

Un Punto, un Borrón, unha Raia, as xemelgas Comiñas, o Corrector, Cadernos de diferentes cursos, cadernos de música con pentagramas ou de solfexo, cadernos de raias ou de cadradiños ou en branco, cadernos de distintas cores, Vector, os Interrogantes, o señor X, o señor Bemol, o señor Sostido, Rima, Clave de Fa, o A maiúsculo, o señor B, a señora D... que personaxes! Non é doado faceflos actuar con coherencia pero aí está a historia.

xoves, 28 de maio de 2026

Un novo título de... Carlos Labraña

Un novo título de... Carlos Labraña: Iceberg con ilustracións de Sara Romero aparece publicado por Galaxia na colección Árbore a partir de 8 anos. 

Esta obra conseguiu o premio O Facho de Teatro Infantil 2025.

Unha hisotira chea de tenrura e humor, de referencias a clásicos como a illa onde se agacha o tesouro, o Titanic convertido en Tilanic, a hora do té convertida en hora da tila, piratas, icebergs... A nai osa leva á súa cría ás proximidades dun poblado inuit para que un home amigo se faga cargo dela mentras recupera forzas para a etapa de hibernación. O cambio climático dificulta ese rescate, cando o inuit tira do sedal no que prendeu un tiburón, crébase o bloque de xeo no que está o seu iglú e as correntes lévanos polo mar adiante. Os diferentes encontros cun grande cruceiro, unha illa furada, unha cría de balea que busca a súa nai, un pai e unha filla nunha praia do Caribe...  vai fiando un relato cheo de humor e crítica. O medo aos iceberg por parte do capitán do cruceiro que non quere que lles pase o mesmo que ao Titanic, eses prexuízos que non teñen en conta nin siquera o que ven os seus propios ollos ou o sometemento a costumes que impiden resolver asuntos de urxencia como paralo todo pola hora da tila. O pirato que pasa fame, que se aproveita do traballo dos demais pero que teme que se quedan con algo do seu tesouro e está disposto a deixar a vida no intento. Personaxes bondadosos como a cría de balea que lles axuda sen pedir nada a cambio. A ilusión de ver no ceo a súa nai ou verse a si mesmo ao seu lado nas osas Maior e Menor, de identificar a Estrela Polar e con el o norte que é o seu fogar. Eses enganos que teñen maxia e deben manterse porque están cheos de poesía. E a crítica máis mordaz a ese nena mimada que só ve o seu embigo e quere o osiño a como dea lugar e ese pai egoísta que non é quen de idenditificarse co problema dos demais.

Así se presenta: "A aposta por unha aventura no Ártico sobre amizade, supervivencia e regreso ao fogar, con ilustracións de Sara Romero. A editorial Galaxia publica Iceberg, de Carlos Labraña, texto recoñecido co Premio O Facho de Teatro Infantil 2025. A obra sitúanos no Polo Norte, onde a escaseza de alimento obriga a Osa Nai a afastarse para procurar sustento, deixando a súa cría ao coidado dun humano amigo, Inuk. A inestabilidade do medio marca o punto de partida da historia: o bloque de xeo no que se atopa o iglú de Inuk é tan fino que acaba por escachar, e Osiño e Inuk comezan unha viaxe á deriva sobre un iceberg. Nese percorrido vivirán diversas aventuras e atoparán personaxes de distinta procedencia, mentres manteñen un único desexo: regresar ao seu fogar. Dirixida ao público infantil, Iceberg constrúe un relato de acción e descubrimento, acompañado polas ilustracións de Sara Romero que reforzan visualmente o universo xeado no que transcorre a trama."

martes, 26 de maio de 2026

Un libro (máis) das Letras de Begoña Caamaño

 

Begoña Caamaño de Icía Varela e Xosé Manual Varela con Nerea Gómez nas ilustracións está publicado por Embora. Formato cadrado, pastas duras, moita ilustración e textos extensos que van alalizando a dcisión da RAG, as característica de Begoña Caamaño que a distinguen ea fan mercedora desta homenaxe, a biografía pasando pola infancia, a formación académica, o percorrido pola radio e o xornalismo en prensa escrita, as viaxes, a análise das obras das que parte (A Odisea, o mundo grego na lieratura galega, Circe ou o pracer do azul, Espazos e personaxes de Circe, A Materia de Bretaña, A Materia de Bretaña na literatura galega, Morgana en Esmelle, Espazos e personaxes de Morgana en Esmelle)o prólogo de Begoña Caamaño para Rosalía pequeniña de Uxía Senlleas músicas de Begoñ e as a Caamaño, as diferentes homenaxes e as persoas e organizacións que levaron  o premio Begoña Caamaño á Ácción Cultural pola Igualdade de Xénero. Un libro máis para as Letras, cada un no seu estilo, este deténdose moito nos libros nos que se fundamenta a obra da autora das Letras 2016.

domingo, 24 de maio de 2026

A festa dos animais

A festa dos animais de Marcos Farina está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.

Así se presenta: "Un acartonado ideal para xogar aos contrarios no que os animais acompañan as nenas e os nenos nas súas tarefas cotiás." Dirixido a crianzas a partir de dous anos. Cores luminosas, imaxes sinxelas (pero nunca simples) nunha estética moi persoal na que aparecen criaturas de diferentes etnias coas que poder identificarse. Animais protagonistas con nenos e nenas que os acompañan facendo máis evidente aquilo que o caracteriza. Observemos algunha das páxinas: A tartaruga é lenta, a criatura vai sentada sobre o caparazón bostezando e as flores non se moven. O cabalo galopa rápido, os rapaces que o montan móvense e vanse agarrando para non caer ao pasar por un campo no que as flores van inclinándose ao seu paso. 

Así o presentan, tamén: "Hai todo tipo de criaturas no mundo: rápidas ou lentas, que pasan o día durmindo ou esperto, que xogan ou traballan, que viven soas ou en compañía, que fan un desastre ou van en cola, que sempreson tranquilos ou facilmente alterables. Todos diferentes, todos igual e dispostos a celebrar unha gran festa de animais. Monos, ósos, curuxas, preguiceiros... Vinte especies diferentes nun libro sinxelo e divertido que axudará aos máis pequenos a adquirir vocabulario e a nomear o mundo que os rodea. Un álbum de tapa dura cunha deliciosa estética vintage do ilustrador arxentino Marcos Farina."

Deste autor son tamén outros libros para ensinarnos cores nun xardín; a diversidade falando de ti, eu e todos...

venres, 22 de maio de 2026

Onde caben dous... ou Onde caben catro


Onde caben dous caben tres de Cristina Oleby e Xiana Teimoy está publicado por Jaguar na colección Miau.

Da presentación editorial: "Raposo está a esperar a unha amiga para celebrar unha velada romántica. Pero van chegando varios amigos que non queren cear sós. Así, Mapache, Lebre, Sapo e Curuxa únense a esta improvisada cea na que pode haber sorpresas. Cristina Oleby e Xiana Teimoy convídanche a unha cea romántica con Raposo e os seus amigos do bosque, haberá comida para todos? Ou haberá cambio de menú? Descúbreo neste divertidísimo álbum ilustrado". 

Raposo agarda coa mesa posta pola amiga coa que vai compartir cea romántica. Mentres agarda, van aparecendo diferentes animais do bosque que van cear sós, e Raposo convídaos a compartir mesa porque onde caben dous caben tres. A repetición e acumulación son pautas importantes no que se conta ou le para estas idades ("Non me digas! No me gustaría nada que ceases só. Cea connosco! Onde caben dous caben tres"). Unha sorpresa final para aqueles e aquelas que son quen de observar detidamente as ilustracións e comprender as frases que poden ter máis dun sentido; isto amplia o significado do relato.  

xoves, 21 de maio de 2026

Libro xogo

Druxas e dragóns de Ledicia Costas e Luismi Pérez é un libro xogo con ilustracións de Bea Bregores publicado por Triqueta Verde na colección Baba Iagá.

Así se presenta: "Un libro que non só se le… tamén se xoga!

Neste volume, o primeiro da colección, quen le convértese en protagonista absoluto da aventura. A partir da súa ficha persoal de personaxe, poderá decidir se seguir o Camiño da Espada ou o Camiño da Maxia, escoller obxectos, anotar puntos de vida e intelixencia e lanzarse á acción.

Cada páxina é unha decisión: brandir a espada e combater con dados contra terribles criaturas ou aventurarse ou pronunciar arriscados conxuros que poden saír ben… ou moi mal. Ti decides o rumbo da viaxe, ti elixes os perigos que afrontarás e ti deseñas a túa propia historia.

Con mecánicas claras e accesibles, BRUXAS E DRAGÓNS propón unha experiencia narrativa e lúdica única, pensada para nenos e nenas. Unha porta de entrada perfecta ao universo dos libro-xogos, chea da emoción das grandes aventuras fantásticas e narrada cun estilo fresco e actual."

Comeza cun mapa de Trisol onde se sitúa o pantano, a Porta,  a cidade Cervo, as Montañas dos Espellos, a Cidade dos Dous Ceos, a aldea do Crepúsculo, o bosque da Noite Eterna, a tenda de Roxelia/o. A continuación aparece a Ficha de personaxe na que cada un escolle o seu coa habilidade, puntos de vida, intelixencia, obxectos e descrición cun debuxo. Continúa con Advertencia (para non enganar a ninguén), Onde comeza todo con varios capítulos numerados do 1 ao 9 pero antes despois de cada un deles xa se puideron escoller diferentes camiños ata que nese punto has de e3scoller entre o cam iño da maxia ou da espada e actuar en consecuencia seguindos as instrucións que che dirixen a unha páxina ou outra. Aoi remate avísannos de que continuará en próximas entregas. Uns apéndices preséntannos conxuros, a lista de trofeos e a medida do propio resultado.

Un produto co que non contabamos en galego, que agora aparece para completar o noso catálogo. Veña, a xogar! 

martes, 19 de maio de 2026

Outro libro das Letras

 

A Compostela de Begoña Caamaño está escrito por Encarna Otero e ilustrado por Pascake Lee cun agasallo magnífico de Miguelanxo Prado que achega a "casiña branca na mariña entre loureiros" para homenaxe á autora das Letras e o seu cantar preferido.

Dedicado ás Morganas (Uxía Senlle, Ana Romaní e Goretti Sanmartín) que achegaron anacos de vida aos textos que acompañan os espazos.

Unha breve biografía que nos remite ao Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega, a proposta da autora para as Letras 2026 destacando a constante implicación coas causas sociais, culturais e políticas; atenta lectora da realidade, viaxeira á procura do encontro co outro e reescritora da tradición e os seus mitos. O percorrido: Parque de Bonaval pola radio (aí estivo a primeira antena de emisión), Casa das Crechas (contedor de cultura e veciñanza que ela apoiou), Rúa de San pedro (coas pegadas de cidadanía , comercio de proximidade...), O Dezaseis (casa de xantares de proximidade, cociña tradicional e amizade), aeroporto Rosalía de Castro (as viaxes que igual que nos libros a transformándoa facéndoa máis sabia e máis humilde), o río Sarela (nas cercanías reuniu as amigas para celebrar os 25 anos de Uxía na música), pazo de Fondevila (que foi biblioteca onde documentarse e escribir), parque da Alameda (aquí, na Feira do Libro, presentou Morgana en Esmelle, nos agradecementos pode lerse "Ao meu señor don Álvaro Cunqueiro, de quen aprendín que os mitos están vivos e temos o dereito de facelos nosos"), Rúa do Olvido (coa lembranza da Casa Encantada), a praza de Cervantes (coas reivindicacións e a libraría Couceiro), Facultade de Ciencias de Comunicación (a Asociación de Mulleres na Comunicación), Praza 8 de marzo (co feminismo no comezo de cada manifestación), Pazo de Bendaña (homenaxe "Begoñísima" no primeirto cabodano), Teatro Principal (onde se desenvolve a segunda parte da xornada de homenaxe e onde se presentou O libro das amigas), Hotel Costa Vella (onde se presenta o premio Begoña Caamaño para recoñecer persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven a igualdade de xénero), Parque Begoña Caamaño (en Fontiñas) e Auditorio de Galicia (onde se desenvolve o acto de recoñecemento como filla adoptiva da cidade).

Os textos que acompañan o percorrido introducen o espazo con retallos descritivos e históricos para centrarse, posteriormente, na relación ao autora.

Da presentación editorial:  "Begoña Caamaño —xornalista de profesión e escritora de vocación, como ela mesma confesou— fixo máis rico o territorio de Compostela cun camiño de pegadas, un ronsel feito de traballo, de loitas, de amizades, de cul- tura e relatos, de xustiza, de músicas, de sorrisos e luz». Con estas palabras, a historiadora Encarna Otero achégase, nesta terceira entrega da serie "Mulleres en Compostela", á personalidade de Begoña Caamaño —autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026—, a propósito daqueles espazos de Santiago nos que se desenvolveu a súa vida, ilustrados pola sobresaínte acuarelista taiwanesa Pascale Lee. Encarna Otero segue a ofrecer sucintas biografías de mulleres «que traballaron e viviron iluminando a contorna de Compostela; mulleres que coidaron, amaron e fixeron andainas de sosego e de loitas. Elas crearon novos territorios e, por esas andainas que elas abriron, circulan hoxe miles e miles de mulleres novas que pisan terreos xa consolidados»."

luns, 18 de maio de 2026

Un novo título de... María Canosa

Un novo título de... María Canosa: Dipnoi, está publicado na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Así se presenta: "Sabela, Manu, Claudia, Fabio e Lois conforman un grupo en que a amizade convive coa sospeita, os prexuízos e o que nunca se di en voz alta. Sen pretendelo, Manu destaca por diferente. Coida o seu aspecto con esmero, fala pouco do seu pasado e non sempre encaixa nos moldes. Algúns admírano. Outros desconfían. Nin sequera quen o defende se atreve a preguntarlle o que todos calan. Mentres tanto, no territorio paralelo e anónimo da Rede, Dipnoi e LadyFolerpa manteñen unha relación intensa e profunda. Agochados tras a pantalla si son capaces de abrir a alma. O que non sospeitan é que, ao outro lado, se agocha alguén moito máis próximo do que imaxinan. Unha historia sobre o que se cala, o medo á tenrura e ao diferente; sobre o valor de ser un mesmo e das palabras que nos salvan, ou nos poden salvar." 

Dipnoi ten un significado propio na novela, pero tamén son dipnois unha especie de peixes. 

Unha entrevista á autora pode aclarar algo máis o contido da narración. As grandes contradicións de poder ser máis sinceros cando partimos da mentira dunha identidade diferente ou de como podemos asumir teoricamente o visto nos demais pero nos resulta moi difícil recoñecer en nós mesmos, de confusións tan complexas como que un mozo pode sentirse traizoado por un amigo cando o descobre homosexual (sen terlle informado, como se todos os homes puidesen atraelo, como se todo o mundo fose definindo con declaracións a súa homosexualidade ou heterosexualidade, como se as relacións de amizade e de parella fosen as mesmas...). 

Capítulos co título do personaxe no que se centra a narración mesturados con outros nos que se recollen as intervencións na rede baixo identidades ficticias, iconas e conversas directas nas redes ou de whp. A historia dun grupo de amigos que se reúnen no parque antes de ir de copas no fin de semana. A percepción de saberse unidos, as dúbidas de ata onde chega esa amizade, ata onde se poden sentir apoiados ou fican sós ao dispor do mundo. A inmigración coa carga de soidade que conleva ao moverse sen toda a familia, deixando atrás moitas veces os membros que eran a súa referencia. A personalidade de cada adolescente que os vai levando por un camiño, ás veces sen retorno. Esas decisións de Manu na vestimenta e no pelo que algúns non lle perdoan, eses sinais que fan saltar polo aire o grupo de colegas que van mostran os seus prexuízos, as filias e fobias de cada un deles, as dúbidas da adolescencia, 

O relato mantén a indefinición da tendencia sexual dos personaxes e iso é algo ao seu favor, porque o importante non é o que atrae a cada un deles senón o dereito á liberdade que nos debe acompañar sempre. Esas escenas finais coa violencia atravesándoas, violencias que viñan anunciadas por determinados xestos e complicidades nos capítulos anteriores, levan a historia ata unha situación dramática que se fai máis forte cando isto sucede nun lugar afastado da patria, do paraíso ao que fuxiron para atopar o inesperado.    

Co dedo posto na actualidade pois o nó lembra sucedidos non tan afastados, a autora sitúanos ante o problema da soidade e das preguntas, dos verdadeiros problemas e da adolescencia sempre problemática: esa etapa de desacougo, de emocións fortes, da intensidade da amizade... que nos enfronta ás grandes preguntas. Pero tamén nos coloca fronte á responsabilidade de cada un de nós ante a sociedade, da importancia do que dicimos ou facemos, de poñer o noso gran de area na construción dun mundo mellor, de como non é posible a imparcialidade e como esa se asimila a unha determinada postura.  

O tempos son difíciles e as respostas han de ser claras. Cando no vida real, un rapaz de catorce anos dirixe unha banda neonazi que sae de caza nunha comunidade autónoma como Asturias, todas as alarmas saltan polo aire. Igual que nos fan saltar o número de suicidios xuvenís (case infantís). Por iso é tan necesario ler novelas como esta de María Canosa e facernos preguntas acerca do mundo que estamos creando, das contradicións entre o que dicimos e pensamos, do respecto a todas as opcións máis alá de pequenos grupos e comunidades escolares, da necesidade de dar pasos seguros para que a rapazada poda entender o sentido ético e político das sociedades democráticas que non o son para permitir que alguén as rache senón para que todo o mundo ocupe o seu lugar de maneira responsable. 

mércores, 13 de maio de 2026

Ganador do XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

 

A obra ganadora do XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole é Principio de superposición de Fran Fernández Davila. Está publicada por Xerais na colección Fóra de Xogo.

Preséntase así: "Narrativa e poesía nunha lectura que explora a fraxilidade adolescente." 

Esta é a súa sinopse: "Sofía López Fiz desaparece. Para atopar a verdade detrás da súa ausencia, deberás escoitar as múltiples voces que a definen: a da súa nai, a das súas compañeiras de clase, a dos profesores e, sobre todo, a da propia Sofía a través dos poemas do seu caderno. Principio de superposición é unha novela polifónica e trepidante. Unha crónica sobre o acoso escolar, a identidade, as amizades que salvan e que traizoan e os silencios que agochan as feridas máis fondas. Fran Fernández Davila mestura narrativa e poesía nunha lectura que explora a fraxilidade adolescente e nos enfronta a unha pregunta estarrecedora: canto coñecemos de verdade a quen temos a carón de nós?"  

Uns personaxes (dos que descoñecemos a identidade) entrevistan a diferentes alumnos e alumnas, profesores e profesoras, director, orientadora, familias... do IES no que estudaba a alumna que desapareceu. Son as voces destes personaxes as que lemos en cada capítulo. Alternanse con elas uns textos en cursiva que seica pertencen a un poemario do autor que foi premiado no Certame de Poesía Caldaloba.

Unha vez máis o instituto (cos diferentes elementos actuantes: profesorado de diferentes fasquía, responsable da orientación, alumnado desprotexido ante a lei da selva...), o acoso, as redes sociais, a diversidade sexual, as familias desestruturadas e os fillos pagando o prezo da desatención... todo o que coñecemos e ao que non sabemos, podemos ou queremos poñer solución. Un peso excesivo (ao meu parecer) da relixión (nais moi relixiosas e presenza protagonista do crego) que non semella refletir o mundo actual pero é posible que eu teña unha percepción equivocada. Unha historia que non se aclara, que queda como moitas outras reais sen resolver, ou suficientemente escura como para dar que falar. 

O escritor é enxeñeiro e autor de múltiples libros e premios. Na galipedia contase que comezou a escribir no ano 2016 asistindo a diversos obradoiros de formación con Clara do Roxo, Antón Riveiro Coello, Suso de Toro, José Monteagudo, Antonio García Teijeiro, Silvia Penas, Estíbaliz Espinosa, Baldo Ramos e Míriam Ferradáns entre outras. Un dos últimos premios, aínda non publicado, é IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, 2025, O Muro. Case medio cento de premios dende aquela, algo que nos fai pensar...

Este é a súa primeira obra considerada xuvenil, anteriormente publicou O bosque do duque. ‘s-Hertogenbosch en Galaxia. 

martes, 12 de maio de 2026

Traducións (II)


Veñen de lonxe (descubre a migración das aves) de Laufer está publicado por Cumio.

Da presentación editorial:"A natureza vén visitarnos a calquera parte, mesmo á cidade. Mentres estamos ocupados coas nosas tarefas diarias, garzas, cirrios ou estorniños sucan os nosos ceos. Quizais poidamos velos se levantamos por un momento a vista, mentres a brisa cálida acariña a nosa pel na primavera ou co frescor que fai que as follas se volvan alaranxadas e caian arroladas polo vento no outono. Observar aves de paso é unha invitación á poesía ao alcance de calquera mirada." 

En primeira persoa, con ilustracións básicas en liñas e cor pero moi colorista e atraínte. Parte deo día no que comezou a fixarse nas aves (especialmente nas migratorias) e a distinguilas. Ao tempo descobre "o marabilloso que é deixarse atopar polas cousas pequenas que ocorren ao noso redor, ás veces sen darnos conta" porque a rutina e o ritmo rápido das cidades fai que todo semelle igual cando non o é: paxaros que pasan, flores que se abren. A importancia das aves mantendo o equilibrio: dispersando sementes, controlando pragas de insectos ou polinizando plantas. E vai pasando por moitas delas e aquelas características que nos sorprenden: anduriñas (toda unha vida sen tocar chan), cirrios (durmir coa metade do cerebro), bubela (con cheiro para defenderse do perigo), cigoña branca (abandonando a migración debido ao cambio climático), avión (cos seus niños de barro), garza bioeira (sobre mamíferos grandes alimentándose dos seus parásitos), carrán ártico (coa migración máis longa), estorniño (pintando coreografías no aire), aguia calzada, gaivota chorona, flamengo rosado (coa cor da alimentación), garza real, miñato real...

Ao final unha táboa para resumir as súas caraterísticas principais e superpoderes e pequenos capítulos con información sobre o que nos conta un paxaro no ceo, como manter o equilibrio, que é a orientación magnética, a ornitoloxía e aos ornitólogos, desmentindo mitos, sobre as nosas migracións, soñamos con voar, a atracción das aves ao unir o ceo e a terra.

Para rematar, o listado das fontes e notas de campo. 

Unha descrición que se basa no que nos ten máis interese seguida do relato das vivencias da aurtoría relacionada con cada un deles.

Da presentación editorial: "A natureza vén visitarnos a calquera parte, mesmo á cidade. Mentres estamos ocupados coas nosas tarefas diarias, garzas, cirrios ou estorniños sucan os nosos ceos. Quizais poidamos velos se levantamos por un momento a vista, mentres a brisa cálida acariña a nosa pel na primavera ou co frescor que fai que as follas se volvan alaranxadas e caian arroladas polo vento no outono. Observar aves de paso é unha invitación á poesía ao alcance de calquera mirada." 

sábado, 9 de maio de 2026

Xogos e xoguetes en galego

 

Unha pequena empresa de xogos para crianzas e rapazada en galego. Unha pica en Flandes!!

Uns xogos que non deben faltar nas bibliotecas escolares e ludotecas, nas casas e nos centros socioculturais. Tamén podemos xogar en galego e é grazas a estas iniciativas que poñen en pé persoas individuais que miran polo común. 

Brazolinda é o seu nome. Na súa páxina atopamos os xogos organizados por idades (+ de un ano, + de tres, + de cinto e + de oito), por número de xogadores (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10 ou ilomitado) por categorías (Matemáticas, Expresión oral, Agudeza visual , Iniciación, Ciencias, Cultura e Xogos cooperativos). Atoparemos moito máis do que precisamos e faremos posible que continúen creando e ofrecendo os seus produtos. Un paso na normalización da nosa lingua, esa que andamos celebrando este mes. 

Nunca deixaremos de darlles as grazas.

Adiante! 

xoves, 7 de maio de 2026

Un novo libro de Antela editorial


Lis e o Bosque das Sombras de Clara Artiaga está publicado por Antela editorial.  Entre o álbum, o cómic e narración, un produto que innova e non deixa indiferente. Unha nena, unha voz interior que critica coma Pepito Grillo non permitíndolle que se conforme co que logra pero alguén lle mostrará que o camiño consiste en non esquecer os soños. 

Preséntase así: "Lis quere ser cabaleira, afouta coma a das lendas. Acompañada do seu amigo Bigotes, internarase no Bosque das Sombras en busca de aventuras. Mais a realidade pode ser máis complexa e difícil do que ela imaxinaba. Conseguirá vencer todos os perigos?" 

Porque a lenda fala dunha cabaleira valente que protexeu o reino do mal ao longo de centos de anos, pero desapareceu un día sen deixar rastro. Lis quere ser coma ela, unha cabaleira andante, tal como contan os xograres que pasan pola vila. Ela prepárase, sempre acompañada polo seu amigo e fiel escudeiro Bigotes. Con el intérnase no Bosque das Sombras, ese lugar do que non volvía ninguén. Alí atópase na casa da bruxa que engana aos nenos coas ricas tortas e os converte en ananiños; ela tanpouco se salva, pero o anel da bruxa racha cando o ratiño lle morde o dedo e todo desaparece... Semella que o que logrou non foi un bo final así que continúan a aventura, agora con Lis montada no rato Bigotes e atopan un novo desafío no sotobosque por onde agora se moven debido ao tamaño da pequena. Alí, as flores choran porque unha avelaíña bruxa, nai das flores non as deixa medrar e só se mira no espello. Ofrécese a volver a Lis ao seu tamaño e poder saír do bosque se lle trae luz de lúa. Lis recolle as bágoas das flores e baixo a luz da lúa entrégallas á Dama Avelaíña. Daquela vaille pedir o desexo que lle prometeu no trato que fixeron, terá que deixar que as flores medren e florezan cando queiran e terá que escoitalas. De novo, todo acaba no cabreo da nai que berra e berra. Unha voz na cabeciña de Lis vaina acusando de non conseguir realizar fazañas... Tócalle seguir e seguir tentándoo sen conseguir calar esa voz acusadora nin sentirse satisfeita, ata que unha noite esperta escoitando á Cabaleira das Lendas. Que pasará?

Unhas imaxes moi atractivas e acaídas a queles tempos de cabaleiras/os e bruxas, de bosques enmeigados e aventuras míticas. Nalgún momento, semella que a elipse resulta algo difícil, ou se non é a elipse é a pouco información sobre determinados pasos, pero todo se amaña para quen le con gusto e atención, que é do que se trata.  

mércores, 6 de maio de 2026

PATAS ARRIBA

Patas arriba de Anna Derenne, traducido por Xosé Ballesteros, está publicado por Kalandraka. Trátase dun "divertido libro-xogo que convida a lectores e lectoras a pasar á acción para axudar aos desconcertados habitantes da sabana e libralos dun final non desexado". Un libro interactivo? Un libro que acaban de crear os lectores e lectoras? Un libro sobre o que se pode tomar decisións que van máis alá de por onde comezar a ler. Así se presenta en Dideco: "Un día tranquilo na sabana. Todo o mundo está no seu lugar salvo o elefante, que se acerca trotando, daquela o chan retumba cos seus pasos. Enseguida se dá conta do desastre: todo está PATAS ARRIBA. Agora é o momento das crianzas, as verdadeiras protagonistas deste álbum, aos que lles tocará sacudir unha e outra vez o libro ata que todo volva ao seu sitio. Se o sacuden demasiado forte, a paisaxe porase patas arriba. Se non o sacuden suficientemente, algunhas cousas seguirán desorganizadas. Sacudir arriba e abaixo, á dereita e á esquerda. Pero... Quen se agacha detrás do arbusto? Un cazador? Sigamos sacudiendo ata facelo desaparecer! 

Una paleta de cores vivos, figuras de contornos definidos sobre fondos planos e personaxes con expresións divertidas caracterizan plásticamente esta obra de Anne Derenne que nos lembra a algunhas producións de animación. Un orixinal libro-xogo cheo de humor que convida a lectores y lectoras a pasar á acción para axudar aos desconcertados habitantes da sabana de libralos dun final non desexado. Feliz aventura!"

O poder de quen le faise evidente nesta obra, porque ti, lector, lectora, tes a capacidade de facela avanzar cada un lado ou outro, de ordenar ou desordenar o mundo, de colocar cada cousa n o seu sitio ou deixala dunha maneira absurda, pero tamén de descubrir quen se quere aproveitar da ocasión para cazar algún deses animais que andan medio mareados pasando dun lugar a outro. O principoio da historia fálanos desa inxenuidade do elefante que se move con toda a alegría que lle é propia (como elefante en garaxe, diríamos) e descontrola o mundo. Cada plana dános a ocasión de ver que animal está fóra de lugar e cal deles xa está onde corresponde, un a un teremos que revisalos para descubrir que é o que debemos facer, ir comentándoo e ir tratando de situalo na paz primixenia é o que corresponde a partir de agora, pero non é tan doado, non, as nosas mans tamén poden ser moi brutas e os movementos non ser os axeitados pero ademais, a autora introduce un novo elemento que debemos descubir para evitar unha hecatombre de verdade, cando o fagamos, cando toda a fauna o mire, avergonzarase e marchará por unha esquina, esa mesma esquina da que está colgado na garda final da obra. 

Dende o mesmo título escrito seguindo o significado ata a plana colocada ao revés do sentido, todo se converte nun xogo total. O xogo do abaneo...

Escrito, todo el, en letras maiúsculas. 

luns, 4 de maio de 2026

Un novo libro para as Letras de Begoña Caamaño


A nena que perdeu un zapato na lama de Ramón Nicolás con ilustracións de Carlos Gallego está publicado por Galaxia.

Preséntase así: Begoña Caamaño no Calvario vigués 1964-1976. Este é un libro pouco ortodoxo, talvez como era a propia Begoña Caamaño, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026. Éo, porque nestas páxinas aparece a voz de Morgana, que nos revela os anos da infancia da escritora que tanto influíron nela, período de formación onde o barrio do Calvario ocupa un lugar primordial a través da súa historia, das súas xentes e dos acontecementos máis importantes que deixaron pegada nas súas rúas.
Un libro onde se mestura a memoria, a biografía, a historia e a ficción, que se brinda como unha oportunidade para reconstruír, e reivindicar, os primeiros anos de Begoña Caamaño. Se como Rilke afirmaba que na infancia está a patria das persoas, aquí desvélanse as claves da protagonista das Letras Galegas 2026, navegando por ese ronsel de talento e amor que deixou nas persoas que tratou." 

Contar a historia dunha nena e dun barrio. Demostrar o amor pola literatura galega, pola autora á que se lle dedican as Letras, pola cidade de Vigo e o barrio que comparten.

Unhas dedicatorias seguidas dun par de citas da escritora acerca da cidade e a narración porque "A maxia de contar reside niso: en crear a ilusión capaz de facernos sentir como certo aquilo que sabemos irreal". A voz de Morgana recréase na presentación para ir debullando en pequenos capítulos nos que se fala da nena curiosa e amante das palabras que vai descubrindo o barrio de Lavadores, os traballos da avoa, o Calvario que se percorre facendo recados, a escola con mestras ben especiais (a nai de Ferrín, María Xosé Queizán, Carme Paneo), as cancións, os camiños de lama no que se pode perder un zapato sobre todo cando che gusta xogar e es atrevida, o amor pola literatura nos libros e nas películas, as marcas do silencio ante a represión do franquismo, as mareas negras, as mobilizacións obreiras, a solidariedade, os edificios singulares, o cine enchendo a infancia de historias, os tranvías, as novas, visitar Peinador e Rande, as marcas do pasado literario no barrio como esa fábrica de papel La Cristina no que se imprimiron os Cantares gallegos, a súa vivenda cortada e á vista por un novo vial... O autor remata cunha petición de roteiro polo Vigo das escritoras e ata sinala a posibilidade dunha rotonda co seu nome e a escultura precisa. 

Un relato con alma, situado nunha atmosfera case máxica na que o pasado e o presente se tocan coa punta dos dedos. 

domingo, 3 de maio de 2026

Letras Galegas 2026, un novo libro


O transgredir das ondas de Paula Carballeira está publicado por Galaxia na colección Costa Oeste, que se presenta así: "Nesta obra dramática, Paula Carballeira percorre a vida e obra de Begoña Caamaño a partir dun podcast titulado “O transgredir das ondas”, onde a xornalista Xoana Barreiro recolle diferentes testemuñas e voces para reconstruír a faceta máis insubmisa e desobediente de Begoña Caamaño, a do sorriso calmo, a da voz nas ondas, a da escrita e a protesta necesaria."

Xoana é unha xornalista que está espertando á consciencia comprometida, afillada de África ten escoitado falar moito de Begoña e está dando os pasos necesarios para cambiar o rumbo da Historia, como fixeron elas. Parte do escepticismo porque "é filla destes tempos que non deixan moito lugar á esperanza" Porque transgredir procede do que fai o mar cando o mar avanza sobre o litoral, superando os límites que a terra impón. O podcast vese interrumpido por ruídos a modo de pantasmas que cortan a voz ou a distorsionan

A autora tamén introduce as músicas que poden soar no podcast ou cando se precise. 

Biografía no formato teatral e de podcast, unha revindicación da loita social da escritora pero tamén da amizade e da alegría. Recóllese como formou parte de Mulleres Nacionalistas Galegas, Mulheres Transgredindo... No Foro Social Mundial declarou "Si, outro mundo é posíbel... mais construído coa igualdade entre mulleres e homes" Protestas ante o desaloxo da Casa Encantada. Palabras de África falando de Martinho (a quen homenaxean) "As persoas que luitan até o fim nunca son derrotadas. Nen a morte pode vencer quem tanto amou". O xogo do impostor que consiste en non dicir unha palabra (prohibida, clave) que pode afundir unha carreira, estragarche a vida: Defende a Galega, Marea negra do Prestige, Emerxencia lingüística, SOS Sanidade Pública, Defensa do Ensino Público. Remata "Nun escenario, diante do público, o que se di, o que se fai, acontece realmente, sen barreiras. Facemos parte dun presente colectivo. Aínda que marchemos, permanece prendida a luz, a luz pantasma."

"A do eterno sorriso, a da voz na radio, a da escrita necesaria, a da roupa lila, a insubmisa, a desobediente, a transgresora" A leal, en palabras dos compañeiros da radio. 

A min gustoume o feito de que introduzan a unha compañeira que desapareceu hai pouco tempo, África, no desenvolvemento da historia e que o fixera dándolle o valor que correspondía, o seu papel. Tamén me gusta o relato da entrada de Etxaniz na súa vida, o relato da "toma de Bruxelas" cando atopa un borracho case morrendo ao que non atenden ("Sinto rabia e medra en min o noxo por esta Europa deshumanizada"). Igual non me gustou tanto que dea a sensación de que en determinadas épocas a xente protestaba por todo como se fixese festa...

Comeza cunha declaración: o que fas cando morre unha amiga é lembrala para manter a memoria. A continuación as catro lembranzas dos encontros significativos de Paula con Begoña ("Estando con Bego borróuseme esa sensación de abandono que te asalta cando estás soa, lonxe, un chisco perdida, coma se de súpeto o mundo enteiro esquecese a túa existencia" (...) "de vontade de estar nunha illa, rodeadas de mar, para poder ter a cabeza nas nubes e, en canto collésemos folgos, volver poñer os pés na terra" (...) "Acontece o mesmo con algunhas persoas. Vives sen elas ata que as atopas e, cando o fas, semella que antes te faltaban"

Di Begoña "Eran tempos en que criamos que estabamos a construír unha radio para un país" 

sábado, 2 de maio de 2026

Un novo libro sobre Begoña Caamaño

Begoñísima, un novo libro sobre Begoña Caamaño da man de Andrea Nunes Brións. Está ilustrado por Agustina Shuan e publicado por Cuarto de inverno.

Así se presenta: "Este libro non é só un conto sobre a vida e a obra da autora Begoña Caamaño, referente feminista, defensora da lingua, dos dereitos humanos e da xustiza. É tamén unha homenaxe a todas as persoas que se organizan, que soñan xuntas, que transforman o mundo desde o coidado e a rebeldía."

Begoñísima lémbranos que a maxia máis poderosa é a que nace do colectivo. E se esa fose a maxia que necesitamos para cambiar o mundo? 

Un álbum ilustrado. Nas gardas: unha cidade. Nas súas ventanas: homes e mulleres escoitando a radio. Ilustracións moi vistosas de cores fortes e vivos, liñas mínimas, esquemáticas que se estenden polas páxinas. Nun texto moi claro váisenos contando a historia de Begoña, a súa relación coa radio, co feminismo e coas loitas sociais, para rematar falando das súas obras: Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. Únese isto ao mito das bruxas, considerándoa unha delas desde a primeira páxina á final. Unha bruxa que voou cara á lúa cando non puido seguir pelexando co cancro e que alí permanece e pode escoitar a voz de que a chame: Begoñísima (tres veces).

Unha biografía. Unha historia que se complementa con texto de non ficción, que engaden información ao que aparece na biografía (Mª Xosé Queizán, regueifa, asemblea, Ana Romaní, sororidade,  Mulleres Nacionalistas Galegas, , Marcha MUndial das Mulleres, Rede Feminista Galega, Mulleres Transgredindo, Violencia machista, Uxía Senlle, Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle).    

venres, 1 de maio de 2026

Bestiario das alturas


Bestiario das alturas. A incrible historia dos escalatorres de Inacio e Iván Suárez é unha banda deseñada publicxada por Alvarellos e o Consorcio de Santiago.

Da presentación editorial: "Hoxe semellan seres de ficción, pero existiron realmente. Son os coñecidos como Escalatorres. Personaxes míticos que, antes da guerra civil, ascendían, sen protección ningunha, ata a cima dos edificios máis emblemáticos de Galicia e do noroeste da península. Bestiario das alturas (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago) é o título dunha novela gráfica escrita por Inacio e ilustrada por Iván Suárez, que concibida para todos os públicos, recupera as extraordinarias existencias destes artistas circenses.

Como o granadino Puertollano, que coroou en 1909 a compostelá Torre Berenguela; o Barquerito, Manuel Escudero, quen vestido de toureiro gabeaba pola torre da Peregrina en Pontevedra, ou o portugués Antonio Sousa e a súa muller, alcumados Os Morcegos, pois escalaban cos ollos vendados a concatedral de Vigo… Este volume percorre ata quince biografías realmente incribles.

A partir destes feitos reais, a ficción sitúase en 1965. Grazas ao daquela alcalde de Pontevedra, Xosé Filgueira Valverde, o escritor Álvaro Cunqueiro coñece ao escalatorres Barquerito. Nun paseo pola cidade do Lérez irán xurdindo, na conversa, os máis famosos gabeadores da nosa historia.

Esta novela gráfica pretende ser tamén unha reflexión sobre o medo e como enfrontarse a el. «Os chinos din que o medo sempre está de costas, que se estivese de fronte non habería ninguén vivo, todos teriamos morrido xa de medo», afirmaba Álvaro Cunqueiro".

Unha afección, un medio de traballo, o circo, a posta en perigo da vida, a maneira de enfrontarse ao medo... de todo podemos atopar nesta obra na que se recollen as vidas de diferentes personaxes que se dedicaron a isto en Galicia. A voz dos intelectuais Cunqueiro e Filgueira Valverde animándoos a contar as experiencias, a tradición, a fabulación e o imaxinacio nas palabras de Cunqueiro e unha Galicia que forma parte do noso pasado. Sobre todo iso, a imaxe marabillosa dun home escalando unha torre, tal como aparece na cuberta, chegando ao cumio da Berenguela.

Todo se pode converter nun oficio, nun ir máis alá, na experiencia de correr un risco diante dun público que se emociona. Se hai quen escala cumios de montañas, no silencio da natureza, Se hai quen escala cumios de montañas no máis absoluto silencio, tamén pode haber quen ascenda ás torres máis alta con público que o ovacione.

Algo do que non tiñamos moito coñecemento e que Alvarellos nos trae ás mans, por medio de banda deseñada e a fabulación dos vellos mestres.