Un novo título de... Carlos Labraña: Iceberg con ilustracións de Sara Romero aparece publicado por Galaxia na colección Árbore a partir de 8 anos.
Esta obra conseguiu o premio O Facho de Teatro Infantil 2025.
Unha hisotira chea de tenrura e humor, de referencias a clásicos como a illa onde se agacha o tesouro, o Titanic convertido en Tilanic, a hora do té convertida en hora da tila, piratas, icebergs... A nai osa leva á súa cría ás proximidades dun poblado inuit para que un home amigo se faga cargo dela mentras recupera forzas para a etapa de hibernación. O cambio climático dificulta ese rescate, cando o inuit tira do sedal no que prendeu un tiburón, crébase o bloque de xeo no que está o seu iglú e as correntes lévanos polo mar adiante. Os diferentes encontros cun grande cruceiro, unha illa furada, unha cría de balea que busca a súa nai, un pai e unha filla nunha praia do Caribe... vai fiando un relato cheo de humor e crítica. O medo aos iceberg por parte do capitán do cruceiro que non quere que lles pase o mesmo que ao Titanic, eses prexuízos que non teñen en conta nin siquera o que ven os seus propios ollos ou o sometemento a costumes que impiden resolver asuntos de urxencia como paralo todo pola hora da tila. O pirato que pasa fame, que se aproveita do traballo dos demais pero que teme que se quedan con algo do seu tesouro e está disposto a deixar a vida no intento. Personaxes bondadosos como a cría de balea que lles axuda sen pedir nada a cambio. A ilusión de ver no ceo a súa nai ou verse a si mesmo ao seu lado nas osas Maior e Menor, de identificar a Estrela Polar e con el o norte que é o seu fogar. Eses enganos que teñen maxia e deben manterse porque están cheos de poesía. E a crítica máis mordaz a ese nena mimada que só ve o seu embigo e quere o osiño a como dea lugar e ese pai egoísta que non é quen de idenditificarse co problema dos demais.
Así se presenta: "A aposta por unha aventura no Ártico sobre amizade, supervivencia e regreso ao fogar, con ilustracións de Sara Romero. A editorial Galaxia publica Iceberg, de Carlos Labraña, texto recoñecido co Premio O Facho de Teatro Infantil 2025. A obra sitúanos no Polo Norte, onde a escaseza de alimento obriga a Osa Nai a afastarse para procurar sustento, deixando a súa cría ao coidado dun humano amigo, Inuk. A inestabilidade do medio marca o punto de partida da historia: o bloque de xeo no que se atopa o iglú de Inuk é tan fino que acaba por escachar, e Osiño e Inuk comezan unha viaxe á deriva sobre un iceberg. Nese percorrido vivirán diversas aventuras e atoparán personaxes de distinta procedencia, mentres manteñen un único desexo: regresar ao seu fogar. Dirixida ao público infantil, Iceberg constrúe un relato de acción e descubrimento, acompañado polas ilustracións de Sara Romero que reforzan visualmente o universo xeado no que transcorre a trama."

Ningún comentario:
Publicar un comentario