xoves, 30 de xuño de 2022

Dous libros ben distintos... a pesar das pastas duras

Un mundo sen luz de Kike Gómez con ilustracións de Antonio Seijas. Imaxinade que se esfumou a luz, que secan as flores e vivimos na penumbra porque se apagou o sol. Que problema! Como se fai, daquela, para secar a roupa e para todo o demais que precisamos o sol? Buscando solucións, cada un dá a súa (o científico, o relixioso, o ecoloxista... ata que o neno -non sei se sería o mesmo de "O emperador está nú"- pensa que pode ser que se lle fundira a lámpada). E mentres todos pensan que dixo unha bobada, mentres din que sería imposible chegar a el para cambiarlla... o neno faino porque emprega a súa imaxinación, igual que o autor. As ilustracións de Seijas, limitando as cores ao negro, un azul ben especial, un chisco de vermello e o amarelo final de sol e luz xogan tamén coa imaxinación a toda velocidade e ese corazón que se coloca no firmamento entre as estrelas.  

Que teñen que ver as vacas co cambio climático? de Marian Martínez Izquierdo e Luísa Martínez Lorenzo. Traducido ao galego por Charo Baleirón Lorenzo e publicado por Hércules edicións. Así se presenta: "Neste libro explícase como funciona o Planeta e por que os arrotos e os peidos das vacas contribúen ao cambio climático. Vai ser un libro catastrofista deses nos que todo o que coñecemos vai desaparecer, imos morrer chamuscados e non hai solución? Ben, falamos das consecuencias do fenómeno pero tamén damos instrucións sobre como activar o SUPERPODER para frear o cambio climático. E quen ten ese SUPERPODER? Pois todas as persoas que consumimos”.

Non nos vai defraudar, unha edición ben coidada, ilustracións clariñas para facernos unha idea de todo o que se conta, explicacións ao caso e aí o está: un libro informativo, dos necesarios, dos que explican ata as declaracións dos ministros, ata as recomendacións das organizacións internacionais. Entenderémolo todo, todiño!

venres, 24 de xuño de 2022

Libros para as máis pequenas

Unha cor propia de Leo Lionni,traducido por Xosé Manuel González e publicado por Kalandraka na colección Tras os montes. Con aguadas sobre fondo branco vaise presentando a historia. Fálase dos animais e as as súas cores, porque cada un deles ten unha cor propia, menos os camaleóns que a mudan segundo onde estean... aí comeza a historia deste animal que busca ter a súa cor (coma todos). Colócase sobre unha folla e é verde, pero a folla seca e queda amarela e vermella, incluso negra nas noites, e con ela o camaleón, pero un bo día descobre que pode xuntarse con outro camaleón e así veranse semellantes e felices.

Chuvisca de Fernando Pérez Hernando, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka. O que conta:

Pola tarde, mamá paxaro regresa á árbore onde vive cos catro fillos, cada un na súa póla, de arriba abaixo; cada un deles só fala coa vogal do seu nome (Rut coa u, Lilí coa i, Thor coa o, René coa e). Cando empeza a chover van baixando e xuntándose, falando desa maneira tan especial que se fará comprensible de todo cando se xuntan coa nai que engade a máis común das vogais: a "a". Un libro tenro, que xoga coas imaxes e as palabras, coa chuvia, coa árbore a as súas alturas, coas letras... e permitirá que as crianzas practiquen a fala con só unha vogal e as demais adiviñen, ou permitirá facer o xogo da nai e os paxariños para que os demais adiviñen cal é a frase que se vai dicindo. O dito: un libro para gozar e abrirse ao xogo.

mércores, 22 de xuño de 2022

Para todas as criaturas que adoran os dinosaurios e as vellas eras

Catro plumas de dinosauro de Rosa Aneiros tráenos a lembranza do Triásico e o Cretáceo, pasando polo Xurásico... aqueles tempos nos que os dinosauros poboaron a Terra.

Que terán eles, os dinosauros, para exercer tanta atracción sobre as crianzas? Igual é o medo, un medo controlado; igual a beleza deses estraños animais, o seu tamaño, saber que non podemos atopalos... o que nos fai sentirnos fascinados por ese mundo tan salvaxe e afastado. 

Rosa Aneiros, monta unha novela na que eles son os absolutos protagonistas. Semella que é unha historia compartida con Roque e Mariña, ao longo do tempo de confinamento; semella que foron quen de traelos ata a casa e telos como compañía naqueles tempos en común nos que ata deron cun abracadabra que abría portas ou esconxuraba cun vendaval de humor. O bo facer da autora, ese léxico e maneira de contar que trata ás crianzas como un lectorado intelixente e competente, agasállanos cun novo imaxinario que camiña polas fragas do Eume, polo mosteiro de Caaveiro e por eses túneles que nos levan a outros tempos nos que vos veremos asombrados entre animais que xa non existen. Personaxes como Xoel que sabe o que non se conta de dinosauros, a súa coidadora Mamachelo (que lle mete un espello en vez da lupa na mochila) e a nai desta:  Monegunda (a muller máis vella e sabia do mundo que lle conta que nas fragas hai unha porta secreta cara ao pasado), a profa que conta unha e outra vez as vinte e unha criaturas), o compañeiro Carlos que comeza coma un acosador e remata de amigo, Matilde (a amazona de quezalcoatlus que os irá rescatar cando cae na conta de que non están) ou Diana (a amante do mundo exipcio á que entre todos e todas van liberar de malos tratos). Aí está o mundo, próximo e alleo, a rapazada que vai cambiando o significado do frikismo e se vai mostrando cada un dende os seus intereses e maneiras de ser. Aí os están, nunha viaxe polo tempo dos dinosauros, mentres medran e camiñan polas fragas de sempre.  

Un libro para todos os amantes das vellas eras e animais extinguidos.   

As imaxes son de Xulia Pisón a quen coñecemos polas bandas deseñadas relacionadas con ciencias: Microalgas. O mundo oculto e Microalgas. O mar de Ardora. A edición é de Xerais na colección Merlín.

domingo, 19 de xuño de 2022

Libros e cancións

Un día con papá de Fina Casalderrey e Víctor Castro, ilustrado por Paula Andrade. Un libro dedicado a todo o profesorado de infantil e primaria de Galicia. Trátase de poemas, cancións. O pai vén do mar e a nena quere cantar e bailar con el, así percorren os camiños e son felices; a avoa anda perto. Así se presenta: "Dez historias sobre unha xornada de lecer dun mariñeiro e a súa filla que abren camiño a outras dez cancións que aparecen no CD que se achega. Tamén a outras tantas animacións con karaoke dunha canle específica de Youtube." Publicado por Embora.

xoves, 16 de xuño de 2022

Un poema feito libro e canción

Ana e a lúa lueira de Toño Núñez con ilustracións de Noemí López e música de Fernando Gómez Jácome.

Así se presenta: "Na beira do mar. No canto da praia. Nunha casiña branca. Unha nena vivía. A nena tiña medo. Porque un ogro. Comela quería. Mais… a nena tiña una amiga. Que no alto vivía. Era a lúa lueira. Que de nai ela facía. Porque a nena mariñeira. A pobre, nai ela non tiña."

Unha historia triste e lírica, un poema que se fai libro cun par de cuartetas en cada plana. Enmarcadas polas magníficas imaxes de Noemí, co seu estilo propio, cheo de curvas coma os nosos castros, cunhas cores que se dilúen como ela sabe, cunhas casas que semellan de chocolate a piques de caer, con lúas que sorrín e o afecto que tenta suplir o que falta. Esas árbores redondas, eses pelos cara adiante, a gran diferenza entre os adultos e os pequenos case xigantes e ananos. As sombras malignas que espreitan detrás da noite, que converten o día en escuridade...   

A historia condúcenos a outra sobre abusos, Monstro de ollos vermellos, porque de novo hai un adulto que espreita a nena orfa de nai mentres o pai vai ao mar. Vai ser a lúa, vixiante, quen salve a nena cegando coa súa luz ao ogro. Chamémoslle anxo da garda, adulto titor ou tribo coidadora, o bo é que alguén coide das crianzas e as libre de todo mal, evite esas malas experiencias que van provocar medos a eses seres que son confiados por natureza. En cada plana, á esquerda, nunha estrofa o percorrido da historia, á dereita, en maiúsculas outra estrofa co poema que se canta e di:

Lúa de azucre, / lúa de sal, / lúa de río, lúa de mar. / Nena cativa / que anda a soñar / coa cara en flor / da súa mamá. (...) Esta é a parte que se converte en canción tal como aparece no pentagrama co que finaliza o libro. 

Unha obra a ter en conta, por múltiples razóns.

luns, 13 de xuño de 2022

De Cuarto de inverno

Cuarto de inverno, a editora, agasállanos con libros por veces inesperados. Así me resultou a min o de Dorotea Bárcena e agora o das irmás Pura e Dora Vázquez. A mestra corremundos de Arancha Nogueira con ilustracións de Ana Varela pon na boca de Dora a historia de súa irmá Pura que é tamén a súa. Dúas mestras, dúas irmás de Ourense, dúas escritoras en galego no franquismo, dúas pioneiras da literatura infantil. O libro fala deses tempos, da amizade tan grande entre elas, do traballo conxunto, dos éxitos e os durísimos traballos nunha época na que todos eran atrancos. Ese percorrido pola memoria da vida prodúcese ao tempo que dan un paseo pola súa cidade, collidas de ganchete. Unha tenrura polos afectos que contén pero tamén pola maneira de contar, case a modo de conversa entre elas.

Desmontando o corpo, construíndo a ciencia. As xemelgas Fernández de la Vega. Unha obra de Andrea Barreira Freije publicada por Baía edicións. Asi se presenta: "Este libro que tes nas mans fará que, capa a capa, descubras como funciona o teu corpo. Guiarante as xemelgas Elisa e Jimena Fernández de la Vega, as primeiras doutoras que estudaron na Universidade de Santiago sen ocultar que eran mulleres. Estas contribuíron a debuxar o mapa do noso corpo. Atréveste a seguir os seus pasos?" 

De novo dúas irmás, neste caso xemelgas. De novo dúas mulleres adiantadas ao seu tempo (estas son as primeiras que estudan na universidade de Santiago sen ocultar que eran mulleres, médicas e doutoras, investigadoras). De paso que se conta a súa historia vaise introducindo o estudo do corpo humano e isto faise a modo de instrucións, dirixindo a observación do lectorado, a súa reflexión. Dous tipos de letra para dous textos diferentes que se entremesturan. As ilustracións de Aynara Pereiro contribúen á comprensión pero tamén a esa combinación de ficción e exposición, de pintura e escrita.

venres, 10 de xuño de 2022

Varios álbumes

Ao meu lado mil animais podes ser de Ana Meilán e Desirée Acevedo. Un libro, de tapas e páxinas duras, publicado por Entrenubesycuentos. Imaxinamos unha nai, un pai, e unha criatura que pode ser un moniño (subido ás súas costas), un canguro (que se esconde case dentro dela), un bufo (cando non dorme de noite), un preguiceiro (que boquexa), un cadeliño (agatuñando pola súa perna), un caracol (babándoo), un koala (suxeito ás súas cadeiras), un león (ruxindo), unha eiruga (seguindo os seus pasos), unha bolboreta (voando sobre a persoa adulta), unha mofeta (cando cheira), un gatiño (cando pasea fachendoso), unha hiena (con risa nerviosa), un crocodilo (que chora cando fica só)... e remata "ao meu lado, mil animais podes ser... pero o que máis me gusta é que sexas o meu pequeno bebé". Na contracapa pregunta "E ti, que animal queres ser?" Un libro moi recomendable.

 

No faiado de Cristina Corral con ilustracións de Leandro Lamas, publicado por Edicións Embora. Explícase: "Este libro naceu hai moito nun hospital, curiosamente no mesmo que eu nacín, mentres coidaba a convalecencia do home que eu máis quererei na miña vida, meu pai. Non sei se casual ou causalmente, este libro ve a luz no mesmo ano no que el nos deixou" As ilustracións de Lamas, coas cores e as figuras recoñecibles, acompañan un libro de pequenos poemas nos que cada cuarteta presenta palabras cunha presenza moi explícita dunha determinada letra que vai noutra cor, así percorremos o abecedario, do a ao z, pois todas elas andan polo faiado porque nel "Cada unha das estrofas do poemario describe obxectos nos que as letras do abecedario son protagonistas ."  

martes, 7 de xuño de 2022

Un novo libro de Kalandraka: A nota

A nota de Pilar Serrano e Daniel Montero, publicada por Kalandraka con tradución de Manuela Rodríguez... é un libro especial, un volume que se abre en abano e conta unha bonita historia do dereito e do revés, incluso cunha presentación de personaxes polo outro lado ( o de dentro).

Poucas palabras, para un relato que percorre o espazo a través dunha nota cun bo desexo.

Dan ganas de poñerse a facer algo parecido, de encher o mundo de notas que alegren a vida das xentes.

A súa presentación en tv

domingo, 5 de xuño de 2022

Dous libros para primeiras lecturas

Xa non son malo de Paula Merlán e Blanca Millán, publicado por Antela.

Lobo feroz xa é adulto, quedan lonxe os tempos de enganar avoas... Portarse mal trae problemas. Agora vive con Ourizo Rufo. Eles vixían que non haxa incendios, limpan os bosques e reciclan o lixo. O Lobo está namorado de Lobiña Sorrisos, pero esta tenlle medo porque de pequeno non a trataba ben. A pesar de tentar convencela do cambio con flores, cancións... a loba non se fia, ata que un día un raio cae na árbores ds esquíos, estas caen ao río, o lobo tenta salvalos e para iso corre o risco de morrer afogado, menos mal que a Loba o salva. Dende aquela viven xuntos os dous lobos e o ourizo, coidando o bosque.

Fronteiras de papel de Alba De Evan e Xabier Domínguez, ilustrado por David Lorenzo. A nena, conta na escola a súa aventura dende a terra onde vivía ata Utopía, onde vive agora. A historia dunha inmigrante africana contada en primeira persoa e cunha certa poética.

xoves, 2 de xuño de 2022

Un libro relacionado coas emocións?

O tema das emocións, nos libros infantís, preocúpame. Faino porque parto de que a maioría deles tratan diso, das emocións que se senten, case sempre, en primeira persoa por parte da rapazada. Por iso desconfío, e moito dos libros, feitos a propósito, con este obxectivo. Pasa en moitos casos, con variadas temáticas, pero neste é demasiado evidente e teñen un "olor" especial.

Esta pequena reflexión (que non quere afondar en cuestións que poderían cavar en máis inimigos que os que unha ten pola idade e o sentido común) vén a conto polo libro Luuume! de Andrea Freire e Laura Miranda, publicado por Antela editorial, pero que non separaría doutros famosísimo como aquel das cores que foi éxito total. Un misto, fillo dunha pinza e un tapón, ponse furioso cando algo vai contra os seus desexos inmediatos: erguerse para ir á escola, facer o traballo tal como fan os demais, deitarse á hora que corresponde... Daquela berra: "Non quero!, Non quero e non quero!". Co non na boca e a cólera prendéndoo, só se apaga cando lle sopran con todas as forzas. Todos se fartan e pouco a pouco o misto vaise apagando, facéndose máis pequeno e sentíndose máis só. Todos lle explican que a rabia debe controlarse para que o lume non se apodere del, pensa en como o axudan os demais apagándoo e comeza a soprar el cando sente que chega a calor vaise esvaecendo, relaxándoselle o corpo. Daquela, todos lle queren máis, porque el mesmo se apaga.