A miña voz de José Fragoso está traducido por Laura Sousa, publicado por Narval, conta cun prólogo de Manuela Carmena (daquela, alcaldesa de Madrid). Di a xuíza que "A voz é iso que nos acompaña desde o mesmo momento en que chegamos á vida e que nos identifica dunha maneira única, á vez que nos dá un poder extraordinario. A voz alimenta a nosa linguaxe. Permítenos a comunicación (...), cantar e ser nós mesmos os nosos propios instrumentos musicais. O noso canto é exclusivo. Nós cantamos palabras".
Unha nena vai falando da súa voz dende o nacemento ata que consegue dominala, explica todo o que pode facer coa voz: di que pode nomear todo coa túa voz, que cada unha de nós temos unha voz diferente e moitas cousas que dicir, que sexas neno ou nena, veñas de onde veñas e sexas quen sexas todas as nosas voces valen o mesmo; tamén fala dos que naceron sen voz e como podemos entendernos con eles (de feito, as últimas gardas mostran o abecedario en signos). Non hai historia, hai reivindicación da voz propia, hai deterse na voz iso do que non se fala e ten tanta importancia e asegura respecto a ela o que nunca debemos esquecer: temos voz propia, o nosa voz somos nós e debemos mantela auténtica.
O peido máis grande do mundo de Rafael Ordóñez con ilustracións de Laure du Faï, está traducido por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho. Sabemos o gusto pola escatoloxía e todo o que poda semellan prohibido, por iso, este libro pode ter o seu público. Imaxes planas como de gravado primitivo ou colaxe. Todo comeza co impresionante peido dun hipopótamo que crea unha burbulla no río, despois del anímánse a botar o aire outros coma o elefante ou a xirafa, daquela vendo a variedade de peidos o mono decidiu facer un concurso de música de vento (así lle chamou, en plan broma) e o crocodilo preséntase como xurado. Expanden a noticia pola selva, preséntanse moitos concursantes e cadaquén mostra a súa maneira particular de peidear ata que a gacela se asusta ao ver como a miraba o leopardo e bota unha cagadiña en vez dun peido, o gorila bota un tan pequerrecho que semella de moniño, a parella de leóns discute porque el quere que o bote ela e ela dille que o faga el... o crocodilo está a punto de declarar quen é o vencedor cando se escoita o máis grande de todos, de quen é? a que non o adiviñades? pero dámosvos unha pista, o mono sentenciou "Peido de roedor , peido vencedor"