Amosando publicacións coa etiqueta oqueleo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta oqueleo. Amosar todas as publicacións

xoves, 1 de outubro de 2026

Que cabe nun calcetín. Teatro da comedia da arte

Que cabe nun calcetín de Paula Carballeira está ilustrado por Iria Fafián e publicado en oqueleo. Trátase dunha obra de teatro situada no mundo da comedia da arte, cos sus personaxes, que define á perfección: Colombina (rapaza intelixente), Arlequín (rapaz áxil e alegre), Polichinela (mozo laretas e enredante), Capitán (señor que vai de valente), Pantalone (vello que só vive para os cartos) e a Befana (bruxa que reparte comida e agasallos). 

A Befana é un personaxe típico do Nadal italiano, parece ser que vén de cando os Reis Magos se perder no camiño a Belén e lle piden axuda a unha vella que os agasallou con doces pero non quixo ir con eles, logo, arrepentida saiu a buscalos e polo camiño ía deixando agasallos en cada casa.  

Da presentación editorial: "Que cabe nun calcetín? Todo o que poidas imaxinar! A comezos de xaneiro, a bruxa Befana enche os calcetíns de Italia con comida, agasallos e lambonadas. Por iso Colombina, unha rapaza moi astuta, argalla un plan para atrapar a Befana e non volver pasar fame. Non conta con que Arlequín, áxil coma un gato, o laretas Polichinela, o Capitán fanfarrón e o avarento Pantalone tamén van querer capturar a bruxa. Pero... non é tan doado apresar alguén que leva a maxia nos zapatos." 

Na editorial dise que o libro contén maxia, humor, imaxinación e fantasía. Engadidas a eses personaxes, que se repiten en toda a comedia da arte, con personalidades ben radicais e provocando a fidelización ao tempo que a hilaridade, adiantándose á trama... As obras de Paula teñen tamén unhas características propias que nacen desa creatividade única na que os xogos de palabras, as frases curtas, o inesperado e a rapidez da trama lle achegan un ledo dinamismo e un ritmo rápido. 

martes, 15 de setembro de 2026

Un autor que se estrea

Axencia máxica de vetectives é a primeira obra de J. Santoro Gallego e está ilustrada por Ignacio Hernández. Publícao oqueleo.

Así se presenta:"Preguntácheste algunha vez que lle pasa a unha serea cando se arrefría? Ou a un vampiro se ten unha carie? Ou… a unha elfa se rompe un óso ao caer dunha árbore despois de que a súa nai botase toooooda a tarde dicíndolle que non xogue nas alturas?

Pode que no teu mundo non ocorran estas cousas, pero no Val da Fantasía existe unha axencia máxica, dirixida por unha marabillosa veterinaria, medio detective, chamada Vega Vet. Por ela pasan toda clase de seres fantásticos con problemas do máis disparatado."

Contado en primeira persoa pola protagonista, Bega Vet, que vive no Val da Fantasía onde trasnos, dragóns, bruxas, fantasmas, unicornios, elfos, fadas, sereas, vampiros... conviven felizmente cos humanos e son atendidos (cvando teñen problemas) na Fabulosa clínica para animais fantásticos e axencia de monstros superxeitosos (no seu nome completo). Os asuntos son tan especiais que aparecen capítulos titulados O fantasma visible (como invisibilizalo?). O primeiro caso ao que se enfronta esta nena e o seu axudante Bruno Ventuno vai requerir moito empeño de investigación conpaseo pola  pizzería e o seu baño, a visita á profesora Elinor que lles axuda a atravesar espellos e a análise no laboratorio da axencia (teñen de todo!) onde descubren que o fantasma tomara uns nutrientes bos para a vista e a partir dese momento todos o ven a el, así que toca tomar uns comprimidos antivitamínicos (que tamén llos dá directamente ela (pois ademais de médica é farmacéutica). O vampiro con dor de cairos é o segundo caso que se lles presenta: un vampiro neno con tanto dor de moas que fala co ceta e a súa nai que se transforman en morcegos sempre que queren. O pequeno de douscentos anos (unha nimiedade para un vampiro) que usa chupete e decidiu facerse vexetariano... de aí virá o problema, duns pasteis que lle prepara un amigo nun laboratorio; neste caso van axudar as tías vampiras e xemelgas do pequeno, e todo resolto cuns novos amigos. O terceiro caso é o do pedante mago Rybka que perde a súa maxia porque a vara que herdou ten un problema... haberá que ler o libro para averigualo! pero xa vedes que cantidade de problemas pode resolver a Axencia Máxica de Vetectives.   

O peor é a que a tal Vegavet existe e é unha clínica veterinaria. 

domingo, 6 de setembro de 2026

Paula Carballeira en oqueleo

A última novela de Paula Carballeira aparece en oqueleo. Arquivo de voces en casas abandonadas.

Preséntase así: "Cando Navia desaparece, a irmá pequena, Xere, descobre unhas gravacións que demostran o contacto que a maior mantivo co «Outro Mundo». A través deses arquivos, a nena afondará nos sucesos que rodean a inquietante Casa do Alto." 

A irmá pequena (Exeria ou Xere) conta e a maior (Navia) grava. Ela escoita voces, ve pantasmas, vive un pouco aquí e outro pouco alá, viste daquela maneira (de negro e roupa moi ancha), anda triste... A pequena observa e cando desaparece vaina buscar porque ela sabe algo. Como se pode vivir vendo o que ninguén ve, esocitando o que ninguén escoita...? Como se pode resistir tanta dor cando a única alternativa semella ser a psicoloxía e a farmacia?  Coñecemos casos de desaparecidos, de carteis con fotos de persoas ás que se busca, sabemos que non todas aparecen, sabemos que non somos quen de comprender todo o que existe e o misterio visítanos,

Neste caso, Paula, atopa o ton para introducirnos nunha historia na que os espazos en branco, as elipses  e o silencio crean o espazo do misterio, do que non está na nosa capacidade entender e a dúbida de se hai máis mundos que os que habitamos e como funcionan. Unha de pantasmas para ler coa mesma sensación de cando asistes a unha película de medo. "Encher os ocos da historia", di Navia "porque é incrible a nosa capacidade para fabular, para crear ficcións que se volven máis reais canto máis se contan" e porque esas historias poden beber da tradición coma a do Porviso do que fala Sonia que se nos pousa no peito e nos rouba os soños ou as lendas urbanas acerca dos aparecidos que se negan a marchan mentres non se descobre o que hai detrás da súa morte. 

mércores, 26 de agosto de 2026

Terceiras partes: o Lobo Ramón e as pantasmas


Lobo Ramón volven as pantasmas forma parte da serie de María Canosa (Lobo Ramón) da que xa lemos a primeira entrega que tiña ese títuilo (Lobo Ramón) e a segunda Lobo Ramón: a vida é unha festa!

Preséntase así: "Esta aventura arrinca unha noite no bosque, cando, tras reparar nunhas luces estrañas, o lobo Ramón pensa se non terán unha orixe sobrenatural. Logo, ao que relata o que viu, as súas amizades tómano a chacota, mais as aparicións non cesan. Decidido a resolver o misterio, crea a Sociedade do Oso Invisible, amais de sacar tempo para ir ao ximnasio e aprender a tocar o xilófono."  

Porque tal como se dicía na primeira aventura: "Ramón é un lobo diferente dos demais, tanto nos gustos da comida coma nos de vestir. Por iso ás veces se sente só. Esta situación anímao a achegarse aos veciños, pero eles téñenlle medo por ser un lobo. Isto tráelle moitos problemas. Será Ramón quen de facer novos amigos?" E na segunda: "Ramón é o lobo máis singular do universo. Non só ten amigos no monte, tamén na vila. Coa súa motocicleta percorre os camiños e as estradas, descubrindo lugares novos e vivindo unha morea de aventuras. Tamén é dono dun negocio. Este lobo ata é quen de chegar á Lúa!"

Nesta aventura aparece o medo porque na noite espértano uns ruídos, un cheiro especial e unhas luces. Vai ter que investigar e vaino facer disfrazado de detective coa axuda da súa costureira particular (Leonor a lavandeira) e de todos os seus amigos como Pancho (o raposo médico, o cociñeiro Dosindo, o corvo Lucas ou o neno Tomé. Todos eles queren convencelo de que as pantasmas non existen máis que nas historias inventadas, pero non o conseguen ata que dá coa causa de todos eses síntomas. Unha volta ao pasado... nin máis nin menos!

Polo medio vaise adestrar no ximnasio do xabarín coa roupa axeitada (claro está! pois nada vai fastidiar a súa coquetería), vai ler moitos libros, escoitar falar da Santa Compaña, crear a Sociedade do Oso Invisible, aprender a tocar o xilófono, alimentarse moi ben e descubrir cal é o fío dourado da amizade, ese que che acompaña nas cuitas e do que poderás tirar nos momentos de gran apuro para salvarte. O tempo en compañía sempre é bo e calquera desculpa serve para compartir tempo. Porque no bosque hai de todo: cafeterías, repartidores, axencia de detectives, médicos e costureiras, rapazas que fan música... e lobos que veñen para lembrar que Ramón ou Moncho ten familia, agora é el quen debe decidir onde e como quere vivir. O lobo Ramón é tan habelencioso e querido que a Escola Municipal de Música convídao a participar no concerto anual como artista convidado. Si, a el quéreno todos, animais e humanos, por que será?  

Varios dos títulos dos capítulos traerannos reminiscencias e colocarannos fronte a lembranzas. Probemos con  O fío dourado, A Sociedade do Oso Invisible, Luces no cemiterio vello, O fío invisible... 

Unha novela infantil escrita sen concesións, coa mellor linguaxe e esa dose de bondade. 


 

venres, 23 de agosto de 2024

Novela xuvenil coa Coruña como orixe

Ningunha estrela levará o meu nome de Antonio Manuel Fraga aparece en oqueleo de Obradoiro.

Así se presenta: "Rodri parece abocado a pasar só as vacacións de Nadal. Seu irmán Robinson cancelou a visita anual desde Mallorca e súa nai deberá traballar varios días fóra da cidade. Entón, o seu amigo Mario proponlle un disparatado plan.

Mario é un compañeiro da clase obsesionado cos pasteis de merengue, a música de Frank Ocean e o videoxogo Serenity´s Edge. Os dous rapaces son moi diferentes entre si, mais comparten o feito de ser uns marxinados no instituto.

Cando marchan xuntos da cidade, comezan unha viaxe chea de aventuras a través de estacións de tren, estradas xeadas e cidades descoñecidas nas que Rodri descubrirá o valor da amizade.

Ningunha estrela levará o meu nome é unha homenaxe aos heroes e ás heroínas que viven entre nós."

Rodri vaille contando a alguén o relato da súa vida, tardaremos en saber quen é o receptor desas palabras que lemos nós, pero todo chega e tamén ese momento. Nun continuo flash back de ida e volta o mozo vai desamalloando a historia: a súa (unha vida entre a nai e o irmán que lembran Brasil e ao pai),  a da escola no grupo dos marxinais que semellan recollidos dun inventario de pezas raras entre as que destaca Mario cunha chea de cualidades e a viaxe dende A Coruña ás Baleares, chea de dificultades pero tamén estraños encontros. 

Unha voz persoal mantén a nosa atención mentres retumba esa frase que sitúa a quen a di no anonimato dos non vencedores, a pesar de que as estrelas son moitas e non sabemos cal é definitivamente o criterio para nomealas. Sentirse fracasado, saberse distinto, atopar un amigo disposto a facelo todo por ti ou polo que sexa, un ser especial que entende o que che pasa e pode embarcar nos xogos que lle propoñas. O mundo do cómic e os videoxogos, da rapazada á que todo lle vai resultar menos doado e das viaxes que non só se fan pola xeografía. Ata onde é mellor desconfiar como fai Rodri ou ser inocente como Mario? A valentía de defender ao amigo, o positivismo de dicir algo agradable a quen nunca recibiu un afago, a intelixencia natural, esa capacidade para entenderse cos bebés, a xenerosidade ampla e gratuíta... fan do rapaz xitano un personaxe moi atraínte. 

domingo, 5 de maio de 2024

Novela para lectorado experto ou moi bo lector autónomo

Varias obras:

Un choque inesperado de María Reimóndez, cunha fermosa dedicatoria "Este foi tamén o derradeiro libro meu que leu a miña mai María José Meilán e sen ela a escrita será máis solitaria. Por iso conto con vós máis que nunca para acompañala!" Unha cidade, Lugo, catro rapazas: Ada (unha xenia da computación e a informática), Xela (unha lingüísta sen parangón), Lily (unha mestra da enxeñería), Mercy (un prodixio deportivo); así as define a autora nas primeiras páxinas, pero son moito máis ca iso, unha é cega, outra leva unhas pernas protésicas... pero ademais a súa procedencia tamén é dispar (étnia xitana, árabe, chinesa...), persoas non normativas, disidentes sexuais e mundos dos que fuxir, cheos de eucaliptos e incendios, con robots e control absoluto, sen animais... 

Un tempo futuro (despois da Gran Pandemia), no que a cidade está entregada ao turismo (servir a outros), controlada pola intelixencia artificial ou por seres que a controlan e son do peor. Dise que só o centro de día e o tanatario están pensados para os que viven na cidade, o demais está dirixido aos que veñen de visita e, polo tanto, van de paso e sen preocuparse do que deixan. Unha análise que semella feita para Compostela, para todas esas tendas de recordos barateiros que fan desaparecer o tecido comercial que existía ata hai pouco tempo. Grandez monopolios dominan o mercado. O que está claro é que esas catro mozotas, e as dúas nenas que viven na natureza, poden virar o rumbo dese mundo que semella inamovible. A novela ten esa virtude de tratar turismo masificado e desaparición doutras economías, o sistema de decisión familiar na escola ("que as familias con cartos, brancas, de clase media, votaban e por suposto escollían unha e outra vez que as xitanas coma Mercy non estiveses nas súas clases", refugallo, gueto argumentando que esas medidas se tomaban para darlles máis espazo de aprendizaxe axustada), as barreiras que lle dificultan a vida ás persoas non normativas,a  relación entre as linguas e o poder, as discriminacións que só semellan percibir as persoas discriminadas...   Como sempre, a autora dá xogo para o tratamento de todas as diversidades, da ética e a política, da lingua e o humano... As ilustracións son de Julia Lago, no seu estilo propio.

Tres segundos na zona de Xabier López. Unha novela de BALONCESTO subtitúlana. E diso vai, dun rapaz que coma seu pai é afeccionado a ese deporte, que xoga e non o fai mal, pero que unha e outra vez é castigado por quedar máis de tres minutos na zona sendo pivote.... de como súa irmá tenta axudalo tocando unha bocina para avisarlle pero como isto non vale cando hai moito ruído e... ao final atopan outra solución. 

Así se presenta: "Roberto non é o primeiro da casa en xogar ao baloncesto, pero si quen máis problemas ten cos «tres segundos na zona». Conseguirá a súa adestradora que os árbitros nos llos volvan pitar? Será a súa irmá quen dea cunha solución? Logrará o ADAB CLUB facer un bo campionato a pesar de todo? Dende o frío inverno de 1891, cando James Naismith inventou o noso deporte favorito, non se viu nada igual. Ou si?"

As ilustracións son de Michel Casado

Igual poucas noces, pero moito deporte.

venres, 1 de decembro de 2023

Dous libros de Carlos López

Dous libros de Carlos López, o Chinto de Pinto&Chinto:

O frac do pingüín (e outros contos de animais) e Contos que caben nunha man. 

O primeiro deles, O frac do pingüín (e outros contos de animais), está ilustrado por Christian Inaraja e publicado en Tambre, na colección Ala Delta. En cada mini conto vai dando razón do animal, por que é así, a que se deben as súas caraterísticas... sempre dende un punto de vista humorístico, non debemos esquecer que o autor forma parte do dúo Pinto & Chinto de humor gráfico. Así se presenta: "Como conseguiu a súa luz o vagalume? Por que a cebra ten raias? ¿Cal é a razón de que voe o peixe voador? En que momento empezou o can a enterrar os ósos? Como se orixinou a crista do galo? De que maneira logrou o caracol a súa casa? Se tes curiosidade, abre este libro cheo de animais, entra nel (con tino de non pisar os bechos máis pequenos) e axiña o descubrirás."

Especializado nos formatos pequenos, os seus contos infantís buscan sorprender e conseguir o sorriso co mínimo de palabras

O segundo dos libros, Contos que caben nunha man, está  ilustrado por Uxía Pin, publicado en oqueleo na colección +6 e podemos ler un adianto no seguinte enlace. Dise:"Estes contos son tan pequenos que caben nunha man. Unha man que di coa man adeus ao aburrimento e ola ao humor, que te leva da man a un mundo de sorpresas. Unha man que cos cotenos chama á túa portsa e che entrega este libro que agora tes na túa man." Un puñado de historias, con diversión a mans cheas e tamén soños de primeira man.

domingo, 26 de marzo de 2023

Lobo Ramón, 2ª parte

Sempre nos levamos unha alegría cando un libro se converte en serie e polo tanto vai fidelizando ao lectorado. Sucede agora con Lobo Ramón que aparece co subtítulo: a vida é unha festa!

Continúa a historia dese lobo amigo que viaxa en motocicleta á vila para visitar ao fillo do libreiro e ler novas historias. Dese lobo que, de paso que vai... fai recados para as amizades e cando lle din de pagarlle négase en redondo, considera que, aos amigos, non se lles pode cobrar. De feito, entre todos van ter que inventar un negocio para que Ramón non se arruíne con tanto gasto en carburante. Vai ser repartidor de empanadas de bacalao con pasas.

Ramón viaxa á praia co paxariño Fito, este voando vaille marcando o camiño que el segue en moto. Mirando a unha nena emociónase: é tan bonito xogar coas olas... Mirar a posta de sol, colocarse manguitos para flotar na auga. Facerlle un agasallo á lúa: unha empanada, pero que difícil facerlla chegar. Ir á festa, gozar de cada lambetada que merca, de ir na noria ou xogar na cama elástica; rescatar ao corvo Lucas cando cae nun pozo. Con el aprenderemos para que serven as pompas de xabón, sobre todo se son xigantescas. E así enterámonos que, con este libro, a autora suma medio cento de obras publicadas. Un bo número! E un verdadeiro luxo.