Zodiakids 1 e 2 de Ledicia Costas, ilustrados por Paula Cheshire están publicados en Xerais. Uns libros con narración, ilustración e cómic. Superheroes en serie, agora con representantes do horóscopo, as súas casas e signos.
En O poder das estrelas entramos na historia, coa presentación dos personaxes: Estela (que é a voz narradora e acaba de cumprir 10 anos), Leo, Santiago, Ariel, o Mestre das estrelas e o antagonista: Ras (o que matou unha estrela, se fixo dono da escuridade e agora busca a morte de toda a luz). Unha marca, un animal ou zooiko ao que teñen que adestrar. En Lúa de sangue continuamos, neste caso vivindo o eclipse.
Estela ten un irmán pequeno que é o rei dos chistes. Viven en Altoceo. Ela leva a marca do Ofiúco, o signo perdido, o deus da medicina, por iso é tan importante. Pertence á Casa do Lume con Leo, Aries e Saxitario.
Así se presentan: "Na véspera do seu décimo aniversario, Estela descobre que o seu sinal de nacemento non era unha simple marca na pel con forma de serpe, senón un zooiko: unha criatura de luz que salta fóra do seu corpo e desata un poder que aínda non sabe controlar. Mentres intenta entender que lle sucede, atopa un observatorio máxico no subsolo da biblioteca que resulta ser a base de operacións dos Zodiakids: gardiáns do zodíaco que se preparan para unha batalla cósmica. Alí Estela coñece a Leo, Ariel e Santiago, liderados polo Mestre das Estrelas, pero tamén un segredo que ninguén lle quere contar. O seu signo é Ofiúco, o número trece, o máis poderoso... e o máis perigoso."
"Mentres a vila de Altoceo se prepara para a eclipse máis espectacular do ano, algo vai escurecer o ceo moito máis ca a sombra da Terra sobre a Lúa. Ras, o Señor da Noite, ten un plan: darlle vida a Sirius, o can da constelación, para que esperte o seu amo. E o seu amo é Orión, o cazador xigante que leva séculos durmido no ceo cun rancor enorme gardado dentro. Os Zodiakids nunca se enfrontaron a nada semellante. Mover constelacións significa abrir ocos no universo, e ninguén sabe que pode aparecer tras eles. Estela, Leo, Ariel e Santiago terán que unir forzas coas outras casas do zodíaco antes de que a Lúa se tinga de vermello. Porque cando iso ocorra, xa será tarde para calquera plan."


Ningún comentario:
Publicar un comentario