O Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado do ano 2026 (e xa van 19!) recaeu en Noite de lúa de Guia Risari e Paolo Domeniconi.
Na entrada uns versos de García Lorca (porque a lúa sempre nos remite a el): "Cando sae a Lúa, / o mar cobre a terra / e o corazón séntese / illa no infinito." do poema "La luna asoma" do Canciones de luna.
No ano do eclipse, cando os corazóns se estremeceron ante a escuridade momentánea do día feito noite, cando a luz asombrou cunhas cores e movementos nunca vistos, cando a natureza respondeu co silencio e a algarabía e, como na primeira vez ante o milagre do universo, a humanidade se sentiu unha mota de polvo no espazo sideral... Nese instante máxico que permanece na caixa do peito para relembralo, veu a nós Noite de lúa. Porque a noite non é igual sen a lúa e porque nela vemos a xeografía misteriosa pola que o astronauta paseou para demostrar que eramos poderosos (ou mellor, para garantir que somos animais investigadores).
Unha ave da noite recíbenos e a historia comeza porque un home (con can) vive nun val perto do mar, nunha casa de pedra e ten unha pequena camioneta. El, dende sempre, está atento ao ceo, especialmente na noite, cando pode observar a lúa nas diferentes fases. Fálalle, chámaa; ela semella non escoitalo ata que unha noite baixa ao seu xardín. Alí é recibida sobre unha manta cuberta de flores. O home cántalla unha desas vellas cancións que falan dela dende sempre, cóllea nas mans e lévaa para compartila coa xente do pobo... E, partir de aí, teredes que ler e, sobre todo, mirar. Unhas cores que comezan coas gardas dun azul noite, a luz establecendo as horas do día, iluminando as imaxes cunha mestría impresionante, os fondos que nos falan, igual que o fan as gafas de Paulo que nos impiden verlle a cor dos ollos. O texto escaso e poético. Cóntasenos a historia de alguén sensible que atende ao ceo e quere compartir a beleza do mundo cos demais, porque a fermosura fainos mellores. Alguén que non lastima o que toca senón que con delizadeza o devolve ao seu lugar. Alguén que ensina á seguinte xeración que hai que coidar o planeta para poder seguir tendo relación coa lúa, abaixo ou arriba, baixando ela ou subindo a nena.
Por riba, ese home, Paulo, semella o noso Castelao. Porque el tiña esas gafas que lle impedían ver moi ben e aínda así pintou para nós o bo e o malo e, tendeunos o seu quefacer para que aprenderamos e puideramos continuar. Niso estamos. mentres unha man humilde, como a de Paulo, lle pon unha planta de crisantemos na tumba en novembro, igual que a todos os mortos.
É o can quen o esperta cando a lúa baixa. Os animais sempre máis receptivos á natureza.
Lembremos que o libro sae nas linguas peninsulares e o italiano. Así mesmo, non esquezamos que esta autora xa tiña publicado en galego Aquiles o puntiño e máis O tranvía chamado Flor.

Ningún comentario:
Publicar un comentario