martes, 19 de outubro de 2021

De poesía e tradución

Poemas bestas e outros bechos de Leire Bilbao traducido por Isaac Xubín e con ilustracións (a base de colaxes) de Maite Mutuberria.

Dísenos que Poemas bestas e outros bechos é o poemario irmán maior de Bechopoemas e outras bestas, galardoado co Premio Euskadi de Literatura 2017, o Premio Kirico 2019 ao Mellor Libro Infantil e Xuvenil, e o 3º Premio Nacional aos Libros Mellor Editados en 2019. Que os dous libros xuntos forman
unha proposta poética global na que esta segunda parte dá un paso máis, elevando o nivel de lectura.
Os protagonistas volven a ser criaturas que habitan na terra, na auga e no aire. A rima lúdica e o ritmo pegadizo das composicións invitan a ser recitadas e cantadas colectivamente, en familia ou nas aulas. Que destacan os versos pola súa musicalidade, as onomatopeas e os xogos de palabras a base de diálogos poéticos, concatenacións, acrósticos, repeticións e outros recursos literarios. Que a diversión e o sentido festivo da poesía están servidos nestas páxinas, que tamén presentan aspectos da vida cotiá con imaxinación, enxeño e sentido do humor. 

Que a adaptación sexa de Isaac Xubín ten moitos puntos ao seu favor, un verdadeiro poeta e señor de linguas e memoria.  Que a súa autora estea vinculada ao versolarismo dende moi nova e conte con premios e traducións a varias linguas é unha garantía...

Porque a autora xoga con todos os recursos dende a rima ata o xogo conceptual (e o encargo de coidar das linguas grandes e das pequenas), divide a parte central en Poemas voadores, Poemas acuáticos, Poemas reptantes e Poemas ruxidores atendendo aos animais que os protagonizan e o Fin ou peche coas formigas cargadas de letras.

Un poema de mostra. O seu título "Aves migratorias":

As aves emigran

dende o norte até o sur

nun ceo sen fronteiras.

As persoas emigran 

dende o sur até o norte 

sen ceo entre as fronteiras.

xoves, 14 de outubro de 2021

DOUS LIBROS GALEGOS na prestixiosa lista dos White ravens

 
Despois de varios anos nos que non aparecían recollidos os nosos libros... de novo, estamos na Internationale Jugendbibliothek de Munich.

O Listado dos White Raven é un dos listados máis recoñecidos do mundo, xunto coa Lista de Honra do IBBY, de aí a alegría que nos produce que a literatura infantil galega se vexa máis alá de Galicia e de España. Este libro, tal como se informa dende Kalandraka, xa recibira unha mención no XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e do Premio Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes 2021 del Banco del Libro de Venezuela.

Acaban de entrar o álbum ilustrado Ninguén coma min de Ignacio Chao e Eva Sánchez e tamén a novela  Santoamaro de Antonio M. Fraga, que xa obtivera o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

Desta novela, podemos escoitar algo no podcast seguinte de Radio Ateneo Podcast.

luns, 11 de outubro de 2021

Libros de lectura fácil e adaptada


A colección La mar de fácil está publicando en galego, é dicir, está traducindo ao galego parte do seu catálogo. Algunha que outra errata pon sombra a unha iniciativa que se agradece, sobre todo cando vén de fóra, para cubrir unha demanda que no país non damos resolto.

Atopamos Os pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán en adaptación de Claudia Sabater, ilustrado por Dani Soms e traducido por Alba Losada, na colección Ágora. Nesta mesma colección aparece Moito ruído e poucas noces de William Shakespeare e A idade da inocencia de Edith Wharton. 

Na colección Aktual contan con Cores prohibidas de María Peralta Vidaurreta, Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Sierra i Fabra e Trampa de lume de Nuria Martí.

sábado, 9 de outubro de 2021

Lectura fácil de textos administratvos

O Goberno Vasco estima que o 30% da poboación de Euskadi ten dificultades lectoras ou de comprensión da linguaxe administrativa. Por esta razón, pon en marcha un proxecto para garantir o dereito de toda a cidadanía a acceder de forma sinxela á información pública.
Trátase de ir complementando e substituíndo as complexas linguaxes especializadas (linguaxe administrativo, económico, xurídico, etc.) por outros máis comúns e sinxelos, con frases máis curtas e estruturas máis simples.
A adaptación iniciouse polo apartado das axudas económicas a familias con fillos e filla ao seu cargo porque é, precisamente, un dos apartados web que máis visitas recibe. A partir de agora, este servicio mostrará unha nueva pestana denominada “Ver Información en Lectura Fácil” na que se poderá ler a mesma información, pero dunha maneira máis clara e comprensible.
Unha iniciativa a ter en conta, se os gobernos queren contar con toda a cidadanía e traballar a favor da inclusión. 

xoves, 7 de outubro de 2021

Liesbet Slegers en Tambre

 

O colexio de Iago, un dos libros de Liesbet Slegers destinado a primeiras lecturas, igual que O gran libro dos dinasaurios de Iago, Iago e o corpo humano ou O gran libro dos números, formas e cores de Uxía.

Trátase de libros de coñecemento, libros que informan de diversos ámbitos relacionados coa miudanza coma o cole ou o seu corpo, acerca daquilo que precisan ir aprnedendo (formas, cores, números, tamaños, letras...) e tamén dos seus intereses (dinosaurios...). Obras moi necesarias nas nosas bibliotecas que sempre teñen falta de libro informativo en galego, obras ben realizadas tanto a nivel visual como textual, con infomación e, de vez en cando, inrrereacción co lector e lectora ao pedirlle que busque determinada figura, que repense ou que fale ao redor de algo relacionado co que se está tratando.  Estas colección de Uxía e Iago deben terse en conta.

Libros imprescindibles para calquera biblioteca: persoal, familiar, escolar, pública... Libros que normalizan a nosa lingua e o fan con moita dignidade. Grazas a Tambre, unha vez máis por ese esforzo dende fóra de Galicia.


luns, 4 de outubro de 2021

Unha nova colección de libros informativos: Crias de animais

Kalandraka acaba de publicar un par de títulos dunha nova colección de libros informativos. Trátase de Quen son? Crías de animais. Europa e Quen son? Crías de animais. África do Tándem Seceda nos textos e Ester García nas ilustracións.Por Europa o lobeto, o cisne branco, a cabuxa, o osiño, a marmota, a aguia real e a lontra. Po África o león, a xirafa, o gorila, o elefante, o hiopótamo, a avestruz e a cebra. Cada un dos animais comeza presentándose a modo de adiviña, para continuar achegando máis datos da súa especie e cunha curiosidade final a modo de pregunta e resposta. 

Así imos descubrindo cantidade de cosas de moito interese como que nun ovo dre avestruz caben 24 ovos de galiña, que as cebras teñen raias para confundir aos depredadores ou a diferenza entre o cisne macho e o cisne femia. Cada un dos libros remata cun texto no que se fala do continente e da necesidade de protexer a os animais en perigo de extinción en África ou os espazos naturais en Europa con ríos limpos e libres de contaminación. Polo tanto, libros de coñecemento que se centran nas crías dos animais con esa tenrura que sempre transmiten (e que tan ben representa a ilustradora) e con ese valor engadido da ecoloxía. 

Da presentaicón editorial: "As ilustracións están realizadas con grafito e suavemente coloreadas, as imaxes son realistas e de gran detallismo, fieis aos canons da ilustración científica, e destacan pola expresividade e pola tenrura dos protagonistas." 

Moi recomendables. Moito!