domingo, 31 de outubro de 2021

De defuntiños e samaín




Teremos que acordarnos da serie de Mortiña de Barbara Cantini, traducida Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González González e publicadapor Hércules Edicións.

A serie dos Minimortos de Ledicia Costas, con ilustracións de Mar Villar e que xa vai pola 4ª entrega. Así se presentaba a 1ª: "Os Minimortos son unha cuadrilla de nenos moi diferentes a ti: son nenos de ultratumba. Agardan polos seus pais no Outro Barrio, un lugar de paso onde teñen liberdade para facer o que lles pete. Todo cambia o día que chega Catacrak, un cativo que quere regresar ao mundo dos vivos. Os Minimortos terán que empregar o seu enxeño para axudalo. Conseguirán que Catacrak regrese á vida?" e a 4ª "A noite do Samaín é a máis importante do ano. A Bruxa Xefa celebra na súa casa unha festa de disfraces e convida só a algúns afortunados. Todos os habitantes do Outro Barrio agardan nerviosos polo seu convite mentres deseñan disfraces terroríficos para a ocasión. Pero, que será o que lles dá medo aos Minimortos? Un vampiro? Un lobishome? Un problema de matemáticas? E o máis importante: recibirán a agardada invitación da Bruxa Xefa ou quedarán sen festa?"

Lembrar a Escarlatina, a cociñeira defunta "Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña". Ou a súa precuela, Esmeraldina, a pequena defunta: "O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena. A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade. Para iso contará coa axuda de Lady Horreur, unha peculiar araña francesa que se converterá na mellor mestra e amiga, e Nicotina, unha vaqueira que teima en levala ao seu novo fogar: o Alén Mundo. O Libro de Receitas da Tremenda acompaña esta historia de medo e humor macabro, converténdoa no petisco perfecto para degustar antes ou despois de ler Escarlatina, a cociñeira defunta."

Vampira de biblioteca "Esta non é unha historia calquera. É a miña historia. Preguntarás quen son eu. Chámome Eleonora, son unha vampira e dedícome a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vivo. Así que se es desas persoas que non cre na existencia de criaturas coma min, é mellor que non abras este libro, que o coloques nun andel e te esquezas de todo isto para sempre. Fin. Ou tamén podes atreverte a continuar. Mais para iso debes darme unha mostra de confianza e pasar unha proba. Atréveste?"

Os textos son as súas presentacións editoriais... 





Ningún comentario:

Publicar un comentario