luns, 25 de outubro de 2021

Varios

Viches iso?Un singular percorrido pola vida das aves invisibles é un libro de gran tamaño con textos e ilustracións de José Arcas. Unha aposta decidida na colección Lanterna de Aristóteles. A modo de cadrno de campo, o autor vai percorrendo a costa, a cidade e a aldea buscando as aves que se poden atopar en cada lugar. O produto de máis de trinta anos de observación que se presenta con datos científicos e factura artística. O autor busca espertar no lectorado a curiosidade que lle faga ver ese mundo de paxaros que ás veces nos pasa desapercibido.

O derradeiro conto de As mil e unha noites de Santi Baró, ilustrado por Mercè López en blanco e negro demostrando que dende a sinxeleza se acada a calidade. Publicado por Tambre. 

Unha escola, un curso (6º), un grupiño de rapaces e rapazas, unha historia. Un día, aparece un lobo na clase e diríxese a atacar, xustamente, ao líder do grupo que está amparando á nena árabe que acaba de chegar á vila co pai médico. Detrás dese acontecemento, hai unha historia de lobishome?, un conto dos que as nais lles contan aos fillos pola noite?, unha rabia inmensa que pode transformarte? De todo iso trata, da derradeira historia de Sherezade que nunca se escribe, do relato necesario para todo tempo e de como os soños poden arranxar as desfeitas dos días, da amizade que coida e das nais que continúan co oficio de contadoras. Unha magnífica volta ao mito que non nos vai deixar indiferentes. 

O segredo dos zapatos de Fernando Cabeza Quilmes é un libro de relatos que vai chamando a atención sobre costumes que poden molestar o medio ambiente, o nome río, os acordeóns que emborca o mar ou os nomes máis axeitados para os animais (por que non falar de elegantes en vez de elefantes, de leas en vez de leóns, de xiraltas, perdidas ou collelos?). Unha edición de Embora con sinxelas ilustracións en blanco e negro de Mon Lendoiro acompañan o texto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario