venres, 30 de decembro de 2016

O ano de Manuel Mª


Así se despediu o ano desde a Fundación:
"Próximo a finalizar un ano tan intenso en propostas e iniciativas de todo tipo arredor da figura e da obra de Manuel María, desde a Casa-Museo queremos pórlle o ramo ao grande e convidarvos, máis unha vez, a festexar estas fecundas Letras Galegas de 2016 cun espectáculo musical gratuíto que se celebrará o vindeiro xoves 15 de decembro ás 20 horas no Teatro Colón da Coruña, a cidade na que Manuel María morou na última etapa da súa vida. Será coa colaboración da Deputación da Coruña.
A música amorosa das palabras traeranos a palabra poética de Manuel María co acompañamento musical de tres das voces máis excepcionais da música galega actual: a de Uxía, a de Xabier Díaz e a de Guillerme Fernández. Todos tres teñen xa musicado a poesía de Manuel María noutras ocasións, sendo especialmente destacábel a contribución da primeira na difusión da obra do poeta a través de distintos traballos musicais aparecidos nos últimos anos."
Nós tamén temos que dar as grazas á Fundación e a Manuel Mª por este ano pleno de lecturas, audicións e actividades desde todas as plataformas do país. Foi todo un luxo! 
Si, foi un luxo que a RAG tomara a decisión de dedicarlle as Letras do 2016
a Manuel María, foi un luxo que el existira e escribira comprometido co país e as súas xentes e foi un luxo contar coa Fundación.

xoves, 29 de decembro de 2016

Libros que recrean clásicos


Feliz lobo. O lobiño feroz, da autoría d'El Hematocrito, con ilustracións de Alberto Vázquez. 
Unha nova obra sobre o lobo, ese personaxe unido a Carapuchiña por lazos indelebles. Agora trátase dun lobo bo e amable ao que nin sequera seu tío (que ten ese encargo) consegue converter en feroz. O que a el lle gusta é levarse ben con todo o mundo e facer doces...  ata crear unha pastelaría e endulzar a vida da nai e o tío: o peor é que os pasteis engordan!
Unha historia escrita tal como se camiña, de maneira limpa e divertida. Unha historia que nos trae un autor... que o é de varios blogues humoristicos de éxito e continúa e anda espallándose por twitter, colaborando con revistas e programas de tv pero tamén é mestre de infantil, e así se pon a inventar cousas para enredalos, xoga cos clásicos para crear humor partindo das cousas que coñecen os lectores (Lobo, carapuchiña, os tres porquiños... ) e comenta, que cando traballas con clásicos... xa non tes que presentalos, xa teñen as referencias e entran na historia con facilidade captando á primeira o divertido das situacións; el que coñece os seus gustos dos pequenos e o seu sentido do humor, afirma que se trata de “un público esixente e con tanta enerxía que che obriga a estar sempre esperto e buscando cousas interesantes e curiosas que contar”...
É traducido por Anaír Rodríguez (aínda que o auitor é da Coruña) e as ilustracións contan cun estilo que se conserva ao longo do relato, lembrando os grandes ilustradores que o foron da grandes escritores como Ronald Dahl... 
Alberto Vázquez ven do cómic e ben que se nota, a ilustración pode ocupar as dúas páxinas pero tamén aparecer dentro dun círculo (coma un obxectivo que achega a imaxe que apenas ocupa un anaco de páxina), poden aparecer dúas ilustracións nunha mesma páxina separadas unicamente co espazo en branco ou catro imaxes a modo de viñetas (pero sen separación, agás o branco) nunha mesma páxina e na outra unha imaxe total, pode aparecer unha imaxe  á maneira instrutiva como na receita da torta (cos ingredientes, os verbos que hai que utilizar e a imaxe que os representa, os tempos escritos e mostrando, o lobiño traballando... estamos, polo tanto, ante un ilustrador que xoga moito, experimentando con moitos tipos de tamaño e colocación diferente da ilustracións e incluso colocando o texto sobre a imaxe, acompáñaa ou suplíndoa...

mércores, 28 de decembro de 2016

Banda deseñada. Novo libro de Kiko da Silva


Nesta obra, Kiko vai facendo un percorrido pola historia do cómic en base a un personaxe, comiqueiro que xa na setentena se enfronta á crise de que non puido publicar nunca na súa vida porque cando pretendía facelo... atopábase con que o que presentaba xa outro o fíxera antes: vai pasado pola plana dedicada a Miguelanxo, a Castelao, Bruguera no paso por Barcelona con Mortaleloe Filetón – Rúa dos Parados no 13 –Rom petoxos, París con Asterix, Lucky Strike, Arxentina con Mafalada – Cauvin e Hoppes... para rematar na Coruña cando se presenta ao premio de Deputación e ha de enfrontarse coa mesma obra o MP e KdS

As mesmas pastas son unha referencia ao Paco Roca de Engurras (onde se inclúe el e o prota – Manuel Pardo-, no mesmo tren). 
Unha homenaxe múltiple ao mundo do cómic e aos seus autores, introducindo tamén nas viñetas ao xurado do Castelao. A historia dun perdedor, do eterno perdedor, e cóntanola un emprendedor auténtico que ademais de facer aquilo de sempre: participar en proxectos individuais e comúns como Golfiño, crea BDBanda, Retranca, O Garaxe Hermético... e máis que lle veremos!

martes, 27 de decembro de 2016

Banda deseñada. Novo libro de Minguelanxo Prado



Presas fáciles de Miguelanxo Prado. El Patito Editorial 
O problema das persoas maiores arredor das preferentes, as hipotecas e demais rollos derivados do asunto bancario. 
Comeza cando unha parella de vellos aparecen mortos cunha carta para o xuíz; un tempo despois comezan a aparecer asesinados unha serie de cargos da banca... o persoal da comisaría investiga e descobre a relación que hai entre eles, a causa das mortes (envenenamento por cianuro) e indagando... dan cos responsables que resultan ser un grupo de maiores que se atopan nun centro de día; cando os descobren eles mesmos se culpabilizan (incluso de máis) pero a comisaria dubida de si un xurado popular os condenaría cando na rúa a xente está reclamando xustiza contra os bancos. A relación entre a comisaria e un dos axentes investidores, tamén resulta interesante...
Moi boa obra e moi bo tema; o título convincente! 
Un autor que pon a arte ao servizo da xustiza.


xoves, 1 de decembro de 2016

Premio ás bibliotecas públicas galegas

                                                         Imaxe da Biblioteca Municipal de Stuttgart... en branco de neve 
O premio María Moliner que se acaba de conceder ás bibliotecas públicas de concellos de menos de 50.000 habitantes, recaeu nas de Ares, Bergondo, Carballo, Culleredo, Miño, Oleiros, Ortigueira, Rianxo e Sada na Coruña; O Saviñao, Sober e Xermade en Lugo; Pereiro de Aguiar e Verín en Ourense, e O Grove, A Guarda, Moaña, Mos, O Porriño, Redondela, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa en Pontevedra. 
Parabéns a todas elas e ánimo para continuar nesta labor de crear lectores e lectoras.