Así o conta M. Rivas nunha entrevista á que temos acceso no seguinte enlace:
"O primeiro que vexo na mente é a intención de entrar nunha librería e mercar un agasallo para miña nai. Sempre, no día do Carme, que era o seu santo, nos daba cartos para que mercáramos algo, aínda que sempre era algo relacionado coas necesidades da casa. Unha vez, coa miña irmá maior María, á cabeza, fomos á librería La Poesía e mercamos o libro que nos parecía máis grande. Era Cinco mil anos de historia. Aínda o conservo e o miro de cando en cando. Parecíanos que alí estaba a historia da humanidade. Recordo que voltamos á casa nunha especie de procesión, pasándonos o libro os uns aos outros. É unha lembranza moi relacionada coa idea de agasallo, que penso que a cultura debería recuperar, como un agasallo de intercambio de humanidade. Estouche a falar da miña infancia, cando tiña menos de cinco anos e vivía no Monte Alto. Outro recordo que teño é que na miña casa non había libros, pero si algún detalle que nos facía un pouco diferentes. Meu pai fixérase subscritor dun xornal. Facía que o carteiro pasase pola nosa casa, cando estabamos no Castro de Elviña. Recordo esa parte de disputa familiar por agardar a que remataran de ler o xornal e ser o seguinte en collelo. Desde rapaces habituámonos a ler o xornal que, como dixo Bertolt Brecht unha vez, é o libro do obreiro."
E remata, a respecto dos libros:" É significativo para min que, nunha das últimas manifestacións de protesta que houbo en Tailandia contra a ditadura militar, os estudantes ensinaban en alto á policía exemplares do 1984 de Orwell. Foi moi revelador. Un mundo sen libros nin librerías sería un pesadelo. As librerías son para min un refuxio de náufragos, mais un espazo de esperanza. O día en que as cidades non teñan librerías, que espero que non pase aínda que xa hai moitos lugares que carecen delas, sería terrible".