A biblioteca Ánxel Casal é un bo exemplo do que nos conta unha nova chegada desde California. Nela fálase das bibliotecas como santuarios para os indixentes, nos que ademais de fomentar a lectura e a cultura, de facilitar o acceso a internet, brindan servizos e asistencia a persoas en dificultade... "porque ao chegar o día, ademais dun lugar onde escapar das inclemencias do tempo, necesitan un espazo onde acceder a internet e comunicarse, cargar o teléfono móbil, aprender a facer un currículum"...
Non, creo que na Ánxel Casal se limitan a facilitar o emplazamento perto de Cáritas e do aparcamento de buses no que moitos fan noite, un lugar no que acollerse e ler ou introducirse nas pantallas, atendidos sempre con respecto e agarimo. Alí os están, nos ordenadores xogando ou escribindo corrreos ao lado dos peregrinos e dos rapaces que acaban de ser expulsados do sistema educativo, descansando nos sofás... igual que os vira (hai a tantos anos!) nas igrexas londinenses, ocupadas por xente que alí se cobixaba e moitas veces escoitando concertos musicais que lles achegaban a cultura e a arte que tamén están nas bibliotecas.
Se na antigüidade, as bibliotecas eran espazos reservados para sabios e eruditos que gardaban e preservaban o coñecemento, como un tesouro; na actualidade, han de brindar servizos en función das necesidades de todos os seus veciños.
A IFLA acaba de realizar a 82 Conferencia Internacional en Ohio o pasado agosto, e nela declaran a necesidade de asumir o novo papel que lles corresponde ás bibliotecas nesta sociedade en pleno cambio e afectada pola crise.
Ningún comentario:
Publicar un comentario