luns, 28 de marzo de 2016

27 de marzo, día mundial do teatro


Marzo, tan completo el... tráenos as mal consideradas cincentas da literatura, todas xuntas, para que non se vexan demasiado. Pero elas sacódense, botan fóra as cinzas e mostran as mellores galas,
Aí chega o teatro, entre bambalinas, coa música e a plástica acompañándoo. O teatro nos libros e na representación, con monicreques ou actores e actrices. O TEATRO, así, con maiúsculas buscando o seu espazo, porque o ten.
Cantas convocatorias de teatro infantil? 
O premio Estornela, convocado pola Fundación Neira Vilas
O premio Manuel María de literatura dramática infantil, convocado por AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais)
O premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques para rapaces convocado tamén por AGADIC
O concurso de teatro infantil convocado pola asociación cultural O Facho... 
Sempre poderemos acudir, tamén á BVG (Biblioteca Virtual Galega). 
Nunca agradeceremos suficientemente o traballo feito polos mestres e mestras adaptando, creando, representando teatro; este pode ser o momento de lembrar a Pepe Agrelo, a Fina Casalderrey, a Chus Pereiro para que representen a toda aquela pléiade de xente que sabía o que traían nas mans cando facían teatro e o seguen a facer. Por iso, vai o enlace a O cartafol de Ruperto para que quen queira poida poñerse mans á obra.

sábado, 19 de marzo de 2016

21 DE MARZO, DÍA DA POESÍA

Chega "marzo marceiro, pola mañán cara de can, e pola tarde é falangueiro" e con refráns comeza.
No día 21 chama a poesía á porta e abrímoslle con todas as ganas, porque nunca pechada estivo.
Poesía todo o ano e en marzo de longo.
Por iso lembramos algunha páxina fundamental como poesíagalega.org, orella pendella e Galicia encantada para a tradición, sondepoetas para a música, a biblioteca virtual galega na categoría de autores/as ou títulos. Para posibles actividades arredor da poesía (por se quedaramos secas de imaxinación e bo facer nalgún momento) sempre poderemos acudir á páxina de bibliotecas escolares e utilizando o buscador apareceranos desde o realizado nos centros educativos arredor deste día ou do día de Rosalía ata as maletas viaxeiras de poesía.
Acudir aos catálogos das editoriais para coñecer a produción poética para a infancia a e mocedade (nunca excesiva) e ler / consultar as antoloxías. Facelo, a modo de menú de degustación, probando para coñecer e tomando decisións a partir do bocado que catamos. Facelo, como quen realiza unha viaxe con circuíto, coñecendo, observando, descubrindo o que nos gusta para afondar nese autor, nese libro que contén o poema. Sempre foi así, un libro lévanos a outro... Facendo boca coa Antoloxía da poesía galega para nenos de Susaeta ilustrada por Xan López Domínguez, co O libro dos cen poemas. Antoloxía do poesía infantil galega de Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez (ilustrado por Manuel Pizcueta), con Os nosos versos de Antonio García Teijeiro ilustrado por Fino Lorenzo ou Poetízate (unha antoloxía destinada á mocedade) de Fran Alonso. 
Veña, poetízate!

mércores, 16 de marzo de 2016

Recollido de certas seleccións: Taboleiro do libro galego (mes de febreiro)


Non sabemos todo, máis ben, estamos dispostas a escoitar e ler, a ver qué contan outr@s e qué podemos aprender...
Por iso, recollemos o taboleiro do mes de febreiro, que no Caderno da Crítica, nos presenta Ramón Nicolás.
Van os máis vendidos do libro xuvenil galego en determinadas librarías:;
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
3º-. Ledicia Costas, O corazón de Xúpiter, Xerais.
4º-. Carlos Meixide, Ons, autoedición.
5º-.  Pere Tobaruela, Formig4s. Misión Barcelona, Xerais.
6º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.
7º-. Antonio Manuel Fraga, Tártarus, Xerais.
8º-. Elena Gallego, Dragal IV, Xerais.
E os máis vendidos do libro infantil, nesas mesmas librarías:
1º-. Ledicia Costas (ilustracións de Víctor Rivas), Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
2º-. Munro Leaf e Robert LawsonA historia do touro Ferdinando (tradución de Xesús Fraga), Kalandraka.
3º-. Érica Esmorís (ilustracións de Dani Padrón), Nena e o mar, Xerais.
4º-. Manuel María (ilustracións de Xaquín Marín), O bigote de Mimí, Fundación Manuel María.
5º-. Estíbaliz Espinosa (ilustracións de Lucía Cobo), Caer de cu polo universo, Apiario.
6º-. Anna Llenas, O Monstro de Cores, Flamboyant.
7º-. María Canosa (ilustracións de Nuria Díaz), Rubicundo, Xerais.

martes, 15 de marzo de 2016

Manuel María. Narrativa para a mocidade. As ribeiras son escuras


Trátase de tres pequenasnovelas escritas nos anos 60 e publicadas por primeira vez en Arxentina (despois de resultar ganadoras do I premio de prosa do Cento Gallego de Buenos Aires) e posteriormente na colección Punto de encontro de Everest Galicia, grazas ao bo facer de Irene Pernas.
Deles escribiu o autor: “Estes relatos escribíronse á marxe de modas e de modos de narrar que, por aquel entón, privaban na nosa literatura. Neles o autor procurou reflexar os días e os traballos dos nosos labregos, procurando fuxir do costumismo, do realismo e do folklorismo, totalmente conscente de que ese mundo estaba moi ferido de morte de esborrallándose sen remedio. (...) Memoria escrita daquel universo. Testemuño dun mundo e dun feito cultural –que era o noso- desaparecidos”.
As augas van caudais trata dos días previos á construción dun encoro que vai asolagar as terras amadas, contado por un narrador que se centra na historia dun home ao que non lle queda nada máis que eses eidos.

As outras dúas novelas recollen a memoria case etnográfica e antropolóxica dos tempos que lembra o autor. O xornaleiro conta a historia dun rapaz que se converterá en xornaleiro e no que o Manuel retrata a un que fixo esa función na súa casa de Hortas, desde a infancia á mocidade cando comeza a guerra, é mobilizado e se conclúe coa sentencia “a súa política eran as sementeiras e as colleitas”. Os alugados, garda a memoria do traballo e a vida dunha cuadrilla das que realizaba as vellas seituras de antano pola provincia de Lugo.

venres, 11 de marzo de 2016

O ciclo de Manuel de Paderna.


Unha triloxía que ten como protagonista a este personaxe singular, Manuel de Paderna, un home que traballou na Casa de Hortas (a do autor), foi alguacil de Outeiro de Rei, barbeiro e versificador popular. 
Unha triloxía que comparte o espazo literario: a Terra Cha.
Entra o realismo máxico pola porta, bebendo da fantasía de Cunqueiro e enraizado con Ramón Lamote (o profesor de chairego e debuxante de soños por encarga, fillo de Paco Martín). Manuel de Paderna é un home bo, cheo de sentido común, fantasía, amor ao propio e defensor da identidade. El coas súas palabras, crea, constrúe... pero tamén sofre a don Capitón (o alcalde de Outeiro de Rei, cacique, comellón, irresponsable e ignorante que busca unicamente o seu proveito).
Trátase dun imaxinario moi noso que ademais introduce na historia a unha serie de persoas reais, de diferentes xeracións que só a fantasía de Manuel María podería poñer a interactuar ter xuntado, léase Miguel Anxo Fernán Vello, Vicente Risco ou dona Ximena Fernández de la Vega.
Entremos pois nese mundo a través dos libros A tribo ten catro ríos, Cando o mar foi polo río, Viaxes e vagancias de Manuel de Paderna.

xoves, 10 de marzo de 2016

A narrativa de Manuel Mª (1)



Libros de poesía, libros de teatro... e non podían faltar os de narrativa.

Un deles, Unhasombra vai polo camiño. Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos, aparece na colección “Vouche contar un conto” que puxo en pé Xerais, de contos contados na propia voz dos seus autores.  

Outro, para pequenos e pequenas, O bigote de Mimí, aparece no volume Os contos da campaña (VII Campaña de Fomento da Lectura), ilustrado por Xan López Domínguez, xunto con outros contos de Bernardino Graña, Gloria Sánchez e Ana Mª Fernández, co título “Historia do bigote dun gato que se chamaba Mimí”. Posteriormente, é publicado en Everest Galicia con ilustracións de Suso Cubeiro. A historia dun neno con can e gato (iso si, con aporte de responsabilidade na casa, o un gardándoa e o outro facéndose cargo dos ratos). Como todos os nenos, Fiz, gusta das tixeiras e de repetir o que ve facer, por iso despois de observar como o barbeiro afeita a seu pai, decide facer o mesmo cos bigotes do gato. Como Sansón, o gato perde as mañas e a elegancia e para arranxar o disparate, aparecerá Manuel de Paderna, o gran Manuel de Paderna que será o gran protagonista das súas novelas.  

mércores, 9 de marzo de 2016

O teatro de Manuel Mª




Manuel María tamén escribe teatro. Consciente da semente de tradición e intervención social que posúe o xénero, escríbeo para adultos, pero tamén para pequenos. E así nacen


A primeira delas, publicada por primeira vez en 1968, está inspirada no teatro de guiñol que andivera polas feiras de Galicia da man de Sirvent e a súa familia. Cun elenco no que non debe faltar Barriga Verde, a moza, o galego, o demo... crea una trama cómica e popular.

Aventuras de desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela foi publicada en 1976. O título adianta a farsa, a espiña de toxo é considerada perigosa por parte das mentes “ben pensantes e poderosas” seguindo un prexuízo que non agarda a coñecer as causas da disputa entre esta e a folla de carballo para condenala, enviándoa á cadea de onde só o espírito do monte poderá liberala. Unha obriña con trasfondo ideolóxico e de rotura de preconceptos a modo de broma na que a rapazada xoga e se divirte nas múltiples veces nas que é representada en todas as escolas de Galicia.

Dous libros de teatro, dous, para ler e representar, con actores e actrices, con monicreques.

AGADIC e anteriormente IGAEM tiveron a ben convocar un premio de teatro para títeres destinado aos pequenos e pequenas co nome de Manuel Mª que ten achegado unha serie de boas obras que nunca sobran no teatro infantil galego. Un acerto a convocatoria e tamén o nome.

martes, 8 de marzo de 2016

8 DE MULLERES

Unha imaxe. Unha Fundación, a Rosalía de Castro. Un libro, sempre un libro: válenos un clásico, Rapazas de Agustín Fernández Paz.
Unha colección de relatos arredor das rapazas, tocando todos os ámbitos nos que a discriminación da muller é visible. Cinco contos protagonizados por rapazas nesa idade de fronteira. "Visitante das estrelas" para ver o universo das mulleres desde dentro e desde lonxe porque será ese visitante chegado das estrelas quen nos conte. "Unha pedra na area", un talismán para darse ánimos cando se precisan. "Un curso con Ana" será unha marabillosa experiencia que deixa pegada, porque ela é unha muller que sabe o que sucede e está disposta a denuncialo palabra a palabra. "A primeira meta" para ver qué sucede coas mulleres no mundo do deporte (e seguir facéndoo agora cando mulleres como Vero Boquete están a dar bos exemplos). E para rematar "Dúas rosas murchas" con presenzas especiais e o misterio campando polas liñas. Relatos e Historia, porque un día coma hoxe temos que alegrarnos porque Marilar Aleixandre vai ocupar unha das cadeiras da RAG (Real Academia Galega), unha muller de ciencias e galego, de literatura infantoxuvenil e muller, a muller sempre na vangarda da súa escritura. Parabéns!

xoves, 3 de marzo de 2016

Libros de Manuel Mª para a infancia e a xuventude. A poesía

Manuel Mª pode considerarse un pioneiro da literatura para nenos e nenas. O seu poemario para a infancia, Os soños na gaiola, data de 1968. É este un libro imprescindible naqueles anos nos que o galego, por fin, entraba nas escolas. Del naceron as cancións de Suso Vaamonde e outros, que lle puxeron banda sonora aos diferentes apartados que ían dende Galicia ao mundo, dende as cousas a homes, mulleres e nenos, para rematar nos animais e especificente nos paxaros, eses seres alados que reciben os nomes de corvos, merlos, carrizos, escribentes, anduriñas, pazpallar, cuco pardal ou pegas. Eran os tempos nos que os soños estaban presos na gaiola e había que recuperar as palabras coas que se debuxan... para soñar os nosos soños e non outros prestados.

Posteriormente, escribiría outro poemario As rúas do vento ceibe, co subtítulo de subtítulo “Versos para nenos”, publícase en 1978. No prólogo aclara que está escrito “para todos os nenos galegos e dun xeito particular para os nenos da cidade, un tanto esquecidos no outro meu libro pra rapaces”.

Dous libros de poesía, dous.
 

mércores, 2 de marzo de 2016

Fundación Manuel María. Concurso de lectura en voz alta.

A Fundación Manuel María será un lugar ao que viaxar este ano e unha páxina web á que recorrer. 
Nela podemos atopar desde a convocatoria dun Concurso escolar de recitado de poesía "Rosalía sempre viva" no que participar lendo poemas de Rosalía e de Manuel María.
Atoparemos as bases na sección de actualidade da páxina
A lectura en voz alta é unha competencia imprescindible que se apoia, tamén, con este tipo de accións.  
Pode xurdirnos unha dúbida (coma un verme crítico que seguramente só atacará aos de sempre, pero podería estar ben revisar os premios...): porque o artefacto tecnolóxico está por riba da literatura en papel ou da música? non chegaría con que estivese ao lado? 
E non quixeramos buscar inimigos, simplemente facer pensar. Porque as palabras e as ideas están para iso, para mellorar e traballar sumando... porque sumando multiplicamos (que é xustamente o que precisamos).