martes, 15 de marzo de 2016

Manuel María. Narrativa para a mocidade. As ribeiras son escuras


Trátase de tres pequenasnovelas escritas nos anos 60 e publicadas por primeira vez en Arxentina (despois de resultar ganadoras do I premio de prosa do Cento Gallego de Buenos Aires) e posteriormente na colección Punto de encontro de Everest Galicia, grazas ao bo facer de Irene Pernas.
Deles escribiu o autor: “Estes relatos escribíronse á marxe de modas e de modos de narrar que, por aquel entón, privaban na nosa literatura. Neles o autor procurou reflexar os días e os traballos dos nosos labregos, procurando fuxir do costumismo, do realismo e do folklorismo, totalmente conscente de que ese mundo estaba moi ferido de morte de esborrallándose sen remedio. (...) Memoria escrita daquel universo. Testemuño dun mundo e dun feito cultural –que era o noso- desaparecidos”.
As augas van caudais trata dos días previos á construción dun encoro que vai asolagar as terras amadas, contado por un narrador que se centra na historia dun home ao que non lle queda nada máis que eses eidos.

As outras dúas novelas recollen a memoria case etnográfica e antropolóxica dos tempos que lembra o autor. O xornaleiro conta a historia dun rapaz que se converterá en xornaleiro e no que o Manuel retrata a un que fixo esa función na súa casa de Hortas, desde a infancia á mocidade cando comeza a guerra, é mobilizado e se conclúe coa sentencia “a súa política eran as sementeiras e as colleitas”. Os alugados, garda a memoria do traballo e a vida dunha cuadrilla das que realizaba as vellas seituras de antano pola provincia de Lugo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario