Un libro de hai un tempo (edición de 2017 na colección Oqueleo). O ferreiro da lúa chea de Mª Isabel Molina con ilustración (da cuberta) de Carlos Cubeiro.
Un libro sobre o camiño de Santiago que ha de percorrer un mozo fillo de nobre pero ferreiro por mandato do seu gremio para curalo da súa soberbia infantil. Un libro que achega moita información acerca do poder dos gremios na Idade Media, as linguaxes secretas de canteiros e ferreiros, a simboloxía do xogo da oca, a opresión que sofre unha moza e como ha de defenderse daqueles que a venden e pretenden aproveitarse dela... Ao final do camiño, o Mestre Mateo e o invento do botafumeiro.
Unha historia para gozar na súa versión galega (desde o castelán) de Antón Palacio.
Do catalán chéganos: Son un animal. Unha viaxe inesperada de Llort e Macip, con ilustracións de Sergi Cámara e traducido por Eva Lozano para Edicións Xerais de Galicia.
Trátase da historia de Armán, o fillo dun par de científicos aos que pretende roubar un compañeiro , agora metido a executivo ou ministro. No medio de tanto experimento Armán e o seu lémure. O rapaz bebe algo que non debera poñendo en marcha o invento da nai (a capacidade para transformarse noutra criatura cando a toca) e tamén o do pai, unha máquina que traslada ao outro lugar do planeta. Unha aventura complicada no medio do afecto que os une a todos, familia e cincluso a filla do malo.
Este libro forma parte dunha serie da que taménb contamos en galego con Armán e a fábrica podre; de novo unha historia doada de ler, na que se mostra a bondade vencendo ao mal.