domingo, 31 de xullo de 2022

De Galaxia chegan álbumes

O meu amigo do parque de Aurora Ruá con ilustracións de Mr. Danga. Dbuxos e manchas para un texto conciso no que fala o can, porque é el quen ten un amigo no parque. Un amigo que sempre está no mesmo sitio, que lle raña detrás das orellas e lle conta historias (en voz alta ou en silencio) da súa vida; cóntalla enteira, dende que naceu, como foi medrando, de cando foi á guerra, de como coñeceu á que seria a súa muller, de como se perde o seu pano vermello e fica só, ás veces... incluso sen memoria.

O Maio de Curros Enríquez e Blanca Millán. A ilustradora pon imaxes ao poema O Maio de Curros, faino con alegría e cores, con flores, tal como corresponde a este mes. 


mércores, 27 de xullo de 2022

De premios. O IV María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

O segredo de Al´eume de Pilar Ortega Pereiro publicado por Cuarto de inverno.

Así se presenta: "Despois do accidente en bibicleta da súa irmá Teba, nunha visita ao mosteiro de Caaveiro, Xiana ve como os seus problemas van en aumento e conseguir os cartos para a carísima operación da nena convértese no obxectivo familiar. Presionada polo segredo que agocha en relación co accidente, embárcase, xunto coa súa amiga Lúa, na procura dun suposto tesouro, tras o que andan tamén o seu tío, uns investigadores da Universidade de Oxford e un compañeiro de instituto. Quen conseguirá dar co tesouro de Al'eume?"

En primeira persoa, cóntasenos, este tempo de angustia nos que se enfronta aos sentientos de culpa e á situación familiar e de amizade con comezos de namoramento. A historia dunha vella monxa que planta os pés nos tempos da posguerra e dunha nova que anda a reflesxionar sobre o compromiso do matrimonio, un profesor e unha lenda... De todo hai.

sábado, 23 de xullo de 2022

Algún álbum máis

Boas noites a todos de Chris Haughton publicado por nubeOCHO con tradución de Marixa Zaera.

Nas gardas: o universo, dun lado o total, do outro os planetas e satélite da Terra, cando é día, cando cae a noite...

Porque se está poñendo o sol e os animais do bosque teñen sono, os ratos, os coellos, os cervos... bocexan; pero osiño non quere durmir; non atopa con que xogar porque todos andan derreados, e el... tamén, xa non pode disimulalo. Todos dormen despois de darse as boas noite. Cores planas, mínimas, a xeito de colaxe, xogando coas páxinas da dereita que van de menor a maior para ir presentando aos ratos, aos coellos, aos cervos sempre cunha expresividade máxima. Unha marabillosa historia para retirarse dando as boas noites, Ata mañá!

Magníficas ilustracións, propias do autor e recoñecibles dende calquera lugar e calquera lingua.

Unha vez máis atopamos a dificultade de ver as presentacións en galego. Títulos en galego que se describen en castelán, por parte da editora e de cada unha das librarías que os colocan nas súas páxinas, a que pode responder isto? Seguro que a algo, porque nada hai gratuíto. A cambio, agasallo a páxina do autor na súa lingua orixinal, o que hai que ver!

domingo, 17 de xullo de 2022

Varíos álbumes prescindibles

A pantasma das bragas rotas de José Carlos Andrés e Gómez, publicado por nubeOCHO con tradución de Maruxa Zaera.

Así a describen: "En Castrelo Pesadelo todo o mundo vivía aterrecido. Porque alí vivía...a pantasma das bragas rotas! Conseguirán os veciños que deixe de asustalos?" Varios intentos ata que a avoa a vai buscar un par de bragas novas e dende aquela xa saben como tranquilizala, de todas maneiras, xa sabedes, non hai nada como rirse daquiloque nos produce medo.

 O gato que non quería ter pelo de Séverine de la Croix, Anthony Signoi e Pauline Roland, publicado por Picarona traducido por Raquel Mosquera. Cando nos empeñamos en ser algo diferente ao que somos, cando odiamos aquilo que case nos define... Como imaxinades un gato sen pelo? Este non gusta do pelo e fai mil e un intento de eliminalo ata que o consegue. Moi boas ilustracións, moi expresivas, de formatos moi diferentes adaptándose en cada momento a aquilo que queren mostrar...

mércores, 13 de xullo de 2022

Colección Mulleres Galegas

 

A Colección Mulleres Galegas, pretender facer visibles as mulleres singulares do país.

Así foron aparecendo: Un ronsel de ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, Metade anxo metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, Semente de igualdade semente de liberdade. Pequena biografía da mestra e pedagoga Ernestina Otero, Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno... 

Neste momento acaban de saír Unha casiña branca na Mariña. Pequena biografía de Filomena Dato (ilustracións de Tania Solla) e O abecedario na maleta. Pequena biografía de Matilde Bares (ilustracións de Tania Solla), Co sorriso nos beizos. Pequena biografía de Daría González (ilustracións de Tania Solla e textos de Joanna Lorenzo Montero)

Filomena Dato é unha poeta amiga de Alejandro Pérez Lugín, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Miguel de Unamuno, Montero Ríos, Emilia Pardo Bazán, Fany Garrido... Publica na revista Vida Moderna, ganou os Xogos Frorais que se celebraban en homenaxe ao Padre Feijoo co poema "Defensa das mulleres"; esta non sería a única ocasión na que participara... Galicia e a muller son os seus temas recurrentes. Foi académica correspondente da RAG e a poeta galega máis laureada do XIX. 

Matilde Bares foi unha mestra que elevou o nivel cultural da súa xente de Bueu, loitou por unha sociedade máis xusta afabetizando a veciñanza adulta e axudando ás persoas que eigraban a Arxentina. 

Daría González, estudou historia sendo pioneira nos estudos universitarios, formou parte do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos, despois de non poder exercer durante a Ditadura, cando chegou a democracia trabvallou como profesora e presentouse ás eleccións por Coalición Galega

domingo, 10 de xullo de 2022

De banda deseñada, de O Garaxe Hermético, de Deputación de Pontevedra

Infiniteca forma parte da colección Cornelius, publicado pola escola O Garaxe Hermético e a Deputación de Pontevedra. Un par de prólogos de Emilio Bernárdez (editor de La Cúpula) e Ricardo Esteban (editor de Nuevo Nueve) que colaboran na selección dos traballos e unha introdución do equipo de mestres da escola. Este é o sétimo libro  creado de xeito conxunto por alumnado do curso profesional de BD.

Un recompilatorio de historias curtas de distintas autorías, todas elas alumnado de O Garaxe Hermético.

Kiko da Silva, creador e director, non só ensina senón que abre campos na edición, saca á luz os traballos dese alumnado. O seu esforzo vese compensado por estes libros que amosan a creatividade en estado puro, a calidade da mostra e a variedade de historias. Cada unha co seu propio estilo e temática para abrir fiestras a novoa campos.

Regreso á illa de San Simón é un volume coordinado por Kiko da Silva, deseñado por Retranca editora, na que as capas son de Fernando Iglesias - Kohell, as gardas de Miguel Porto, a historia que principia e finaliza de Miguel Rojo e Pablo Prado. As historias curtas que constitúen o corpo do libro son de Fernando Llor, Zaida Novoa, Ana Pumares, Damián Gomez, Iago Fernández, Miiram Iglesias, Eli García, Antonio Recuna, Fonso Barreiro, Mara Méndez, Olalla González e Lorena Nikoli.

Situada nesa illa que é canon de beleza, inspiradora de trobadores medievais e que ao longo do tempo pasou por ser lazareto a campo de concentración, as historias sitúanse neste último uso, un lugar de morte que debe transformarse en espazo de memoria. Montse Fajardo realiza un dos prólogos presentando estas historias que son Historia entre 1936 e 1943. A maldade andaba solta por ese lugar de reminiscencias literarias, de piratas e tesouros que ás veces son memorias. O cárcere da illa e o cárcere do barco fronte á illa. As visitas aos presos, a espera de cada noite e a inseguridade de cada amencer, os testemuños,a maldade campando pola igrexa e os militares, as criaturas convivindo cos horrores... Un novo libro para a memoria histórica, para a memoria pequeniña, para ler e sentir, para escribir / debuxar e contar o que non pode quedar oculto. Grazas, tamén por isto, a Kiko da Silva, a O Garaxe Hermético, a Retranca, á Deputación de Pontevedra.

mércores, 6 de xullo de 2022

De premios. Merlín 2021

O neno de lume de Ledicia Costas acadou o premio Merlín 2021, agora aparece ilustrado por Iván R

En palabras do xurado: "O neno de lume conta a fascinante historia de Morgan, un neno peculiar que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta diante da casa da señora Culpepper xunto cunha enigmática nota que dicía: «Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son O Neno de Lume». Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar.
Un día, a cidade aparece cuberta por unha mesta néboa con sabor a sopa que non levanta co paso dos días. Sen rastro do sol, Morgan sente como Luminaria se vai apagando. A señora Culpepper lembra a nota que traía Morgan na cesta, e o neno prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da néboa. Cren que Luminaria só poderá sobrevivir se atopan a casa das tres irmás. O que non imaxinan é quen son en realidade esas mulleres.
O neno de lume sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios. Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade. (…)"

Certo, este neno de lume lembra as historias clásicas de nenos desgraciados (ao estilo Dickens) pero sempre salvados por mulleres que andan soas (ao estilo Ledicia). Este neno de lume trae a lembranza de A nena de auga e o príncipe de lume de Docampo, quero pensar nunha homenaxe a ese creador de historias... 

Sempre, sempre, pode o optimismo, a bondade, o caloriño da amizade, as tortas doces que levan o afecto á boca, o coidado dos demais, a esperanza nun futuro que nos conduce a Dahl. Un estilo moi propio na forma e no contido. Unha vez máis, Ledicia, fai que sexa doado querer os seus libros.

martes, 5 de xullo de 2022

Libros para primeiras lecturas

Mamá vive en min de Rosario Baleirón Sóñora con ilustracións de Estefanía Padullés. 

Así se presenta: "Unha historia para nenos e maiores; para ler sós —aínda que moito mellor acompañados— e onde diversión e emocións van da man. Animámoste a mergullarte no mundo de Martiño, o protagonista, que se ten que enfrontar a unha situación moi difícil na súa curta vida. Para afrontala, contará coa axuda das persoas máis próximas a el e que comparten as súas vivencias, pero tamén de compañeiros, amigos, profes... Ademais, complementamos e enriquecemos a lectura cunha serie de xogos e de actividades, que inclúen o coidado emocional...." 

A historia cóntanola a voz da mascota de Martiño, un canciño de peluche. O día a día da familia, as cousas de nenos, os contos que lles conta a nai, a dor ante a súa enfermidade e morte... Unha homenaxe, da autora, á cuñada e aos dous sobriños orfos, tal como se ve pola dedicatoria. A ensinanza de como o paso do tempo nos vai cambiando, como imos superando as perdas, gardando aquilo que queremos que permaneza ao longo da nosa vida. De fondo, un atisbo de relixión, suave.

Vaia enleo, Timoteo! de Gracia Sánchez e Sara Iglesias, traducido por Vanesa López e publicado por Miau. Así se presenta: "O xabaril Timoteo ten un problema co aseo: aínda que se cre un galán, cheira como un marrán. Un día chega á casa a súa amiga Tomasa, quen, con graza e cariño, sinala o seu desaliño. Outros amigos axudan nesta tola aventura mentres o noso Timoteo vai de enleo en enleo.
Chega a terceira entrega desta divertidísima serie escrita por Gracia Iglesias e ilustrada por Sara Sánchez. Non poderedes deixar de rir." Unha historia rimada na que se repite a frase que serve de titulo. Cando a cabra Tomasa o convida a unha festa elegante, o xabarín ha de lavarse e vestirse axeitadamente, para iso, todos os aimais colaboran.