Un recompilatorio de historias curtas de distintas autorías, todas elas alumnado de O Garaxe Hermético.
Kiko da Silva, creador e director, non só ensina senón que abre campos na edición, saca á luz os traballos dese alumnado. O seu esforzo vese compensado por estes libros que amosan a creatividade en estado puro, a calidade da mostra e a variedade de historias. Cada unha co seu propio estilo e temática para abrir fiestras a novoa campos.
Regreso á illa de San Simón é un volume coordinado por Kiko da Silva, deseñado por Retranca editora, na que as capas son de Fernando Iglesias - Kohell, as gardas de Miguel Porto, a historia que principia e finaliza de Miguel Rojo e Pablo Prado. As historias curtas que constitúen o corpo do libro son de Fernando Llor, Zaida Novoa, Ana Pumares, Damián Gomez, Iago Fernández, Miiram Iglesias, Eli García, Antonio Recuna, Fonso Barreiro, Mara Méndez, Olalla González e Lorena Nikoli.
Situada nesa illa que é canon de beleza, inspiradora de trobadores medievais e que ao longo do tempo pasou por ser lazareto a campo de concentración, as historias sitúanse neste último uso, un lugar de morte que debe transformarse en espazo de memoria. Montse Fajardo realiza un dos prólogos presentando estas historias que son Historia entre 1936 e 1943. A maldade andaba solta por ese lugar de reminiscencias literarias, de piratas e tesouros que ás veces son memorias. O cárcere da illa e o cárcere do barco fronte á illa. As visitas aos presos, a espera de cada noite e a inseguridade de cada amencer, os testemuños,a maldade campando pola igrexa e os militares, as criaturas convivindo cos horrores... Un novo libro para a memoria histórica, para a memoria pequeniña, para ler e sentir, para escribir / debuxar e contar o que non pode quedar oculto. Grazas, tamén por isto, a Kiko da Silva, a O Garaxe Hermético, a Retranca, á Deputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario