luns, 31 de agosto de 2026

De futbol e traumas

Quero ser coma Vero Boquete de Fran Fernández Davila está ilustrado por María Brenn e publicado en Sopa de Libros de Xerais. Esta obra acadou o IX Premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

Sinopse: "O mundo de Lucía é silencio, regras e pantasmas:o seu pai converteu a casa nunha prisión, onde non se fala, non hai fotos de familia e, por algún motivo, o fútbol está prohibido. Pero ela non pode ignorar a fame polo xogo que lle formiga nas veas nin a lembranza dunha nai de quen só conserva unha fotografía secreta e chea de lama. Lucía terá que decidir se está disposta a arriscarse para conquistar o seu lugar dentro e fóra dun campo de fútbol."

A paixón polo fútbol, un trauma familiar que oculta a verdade, un misterio a resolver, unha familia que xira ao redor do fútbol (aínda cando se prohiba falar del e moito máis xogar), a convivencia entre iguais, o xogo como tempo de calidade, a amizade que loita polos demais, a debilidade e a súa aceptación, a enfermidade e a morte apresurada. De todo hai nesta novela que fala dunha afición enorme e dunha soidade que o envolve todo co silencio dos que están xuntos sen falar. 

Un título que chama a lectura dunha historia que vai máis alá do interese por ser como Vero Boquete.

Un autor multipremiado!

sábado, 29 de agosto de 2026

BD en Galaxia. O mar que me levou


O mar que me levou de Silvia Fernández Recouso é un cómic moi luminoso, de cores cálidas a pesar de tratar unha temática bastante triste. A distancia entre un pai e a súa filla. El é mariñeiro e pasa moito tempo fóra da casa. Ela pensa que non a quere e tamén se afasta del. Anos máis tarde coa nai xa morta, ela separada, deixa o seu fillo na casa do avó porque debe facer unha viaxe de traballo. Daquela o rapaz descobre como mostra o vello o afecto facéndoo sen que se note. Tamén descobre as cartas que dirixe á filla e bota en botellas ao mar, a ese mar que os distanciou. Todo isto vai saíndo a flote grazas á intervención da rapaza, vella amiga (pódese selo aos dezaseis anos?) do mozo que vive no pobo exercendo as súas dotes de surfeira, repartidora de pan e axudante na libraría da nai. Unha moza activa e segura de si mesmas que lle vai axudar a ter un verán distintoe  a entender a propia familia. O cómic é alegre, así coma a rapaza, moi claro tamén nos contidos, só coas elipses necesarias. Seguro que gusta!

BD xuvenil en Galaxia

Así se presenta: "Sel, un mozo de 16 anos, vese obrigado a pasar o verán na pequena vila do seu avó Tito, un desaborido mariñeiro retirado a quen apenas coñece, xa que a súa nai nunca fala del. Alí, entre o aburrimento e a sensación de non encaixar, reencóntrase con Noa, a súa amiga da infancia. Xuntos descobren unha estraña rutina: cada mañá, Tito baixa ao peirao e lanza unha botella ao mar. O que ao principio parece un costume sen máis acaba por espertarlles a curiosidade e lévaos a tirar do fío dun pasado cheo de silencios e palabras levadas polo mar."

mércores, 26 de agosto de 2026

Terceiras partes: o Lobo Ramón e as pantasmas


Lobo Ramón volven as pantasmas forma parte da serie de María Canosa (Lobo Ramón) da que xa lemos a primeira entrega que tiña ese títuilo (Lobo Ramón) e a segunda Lobo Ramón: a vida é unha festa!

Preséntase así: "Esta aventura arrinca unha noite no bosque, cando, tras reparar nunhas luces estrañas, o lobo Ramón pensa se non terán unha orixe sobrenatural. Logo, ao que relata o que viu, as súas amizades tómano a chacota, mais as aparicións non cesan. Decidido a resolver o misterio, crea a Sociedade do Oso Invisible, amais de sacar tempo para ir ao ximnasio e aprender a tocar o xilófono."  

Porque tal como se dicía na primeira aventura: "Ramón é un lobo diferente dos demais, tanto nos gustos da comida coma nos de vestir. Por iso ás veces se sente só. Esta situación anímao a achegarse aos veciños, pero eles téñenlle medo por ser un lobo. Isto tráelle moitos problemas. Será Ramón quen de facer novos amigos?" E na segunda: "Ramón é o lobo máis singular do universo. Non só ten amigos no monte, tamén na vila. Coa súa motocicleta percorre os camiños e as estradas, descubrindo lugares novos e vivindo unha morea de aventuras. Tamén é dono dun negocio. Este lobo ata é quen de chegar á Lúa!"

Nesta aventura aparece o medo porque na noite espértano uns ruídos, un cheiro especial e unhas luces. Vai ter que investigar e vaino facer disfrazado de detective coa axuda da súa costureira particular (Leonor a lavandeira) e de todos os seus amigos como Pancho (o raposo médico, o cociñeiro Dosindo, o corvo Lucas ou o neno Tomé. Todos eles queren convencelo de que as pantasmas non existen máis que nas historias inventadas, pero non o conseguen ata que dá coa causa de todos eses síntomas. Unha volta ao pasado... nin máis nin menos!

Polo medio vaise adestrar no ximnasio do xabarín coa roupa axeitada (claro está! pois nada vai fastidiar a súa coquetería), vai ler moitos libros, escoitar falar da Santa Compaña, crear a Sociedade do Oso Invisible, aprender a tocar o xilófono, alimentarse moi ben e descubrir cal é o fío dourado da amizade, ese que che acompaña nas cuitas e do que poderás tirar nos momentos de gran apuro para salvarte. O tempo en compañía sempre é bo e calquera desculpa serve para compartir tempo. Porque no bosque hai de todo: cafeterías, repartidores, axencia de detectives, médicos e costureiras, rapazas que fan música... e lobos que veñen para lembrar que Ramón ou Moncho ten familia, agora é el quen debe decidir onde e como quere vivir. O lobo Ramón é tan habelencioso e querido que a Escola Municipal de Música convídao a participar no concerto anual como artista convidado. Si, a el quéreno todos, animais e humanos, por que será?  

Varios dos títulos dos capítulos traerannos reminiscencias e colocarannos fronte a lembranzas. Probemos con  O fío dourado, A Sociedade do Oso Invisible, Luces no cemiterio vello, O fío invisible... 

Unha novela infantil escrita sen concesións, coa mellor linguaxe e esa dose de bondade. 


 

luns, 24 de agosto de 2026

BD dende Galaxia


Operación Morcego de Mara Méndez está publicado en Galaxia.

Preséntase así:

"O noivo da súa irmá é un vampiro!  Ester teno claro e non pensa quedar cos brazos cruzados.Xunto á súa cuadrilla e o seu inseparable gato, Millo, emprende unha misión ultra secreta. Cos petos cheos de allos e auga bendita, este grupo de “expertos” tratará de destapar a verdade. 

Acompaña a Ester e Millo nesta divertida e entolecida aventura. Logrará pararlle os pés antes de que merende a toda a familia?"  

A protagonista preséntase e preséntanos os personaxes e a situación. É a irmá pequena, a maior está comezando a saír cun rapaz. Entre a rabia de ter que compartir a irmá con alguén máis, o nome do mozo Vlad e que se semella á imaxe do suposto asasino que se distribúe nos medios de comunicación... Esther acaba convencida de que é un vampiro e quere defender á irmá dese perigo. Ela acompañada do seu gato Millo e dos amigos Sabela e Breixo investigan para descubriur a verdade e pode mostrarlla (e demostrarlla) aos pais porque a irmá non a cre. 

Un debuxo sinxelo, unha historia interesante e clara aínda que co seu misterio, uns personaxes moi ben definidos e unha azarosa aventura onde as casualidades son (ou non son) o que parecen.  Polo medio o samaín con todos difrazados e os diferentes métodos para acabar cos vampiros a toda proba.

sábado, 22 de agosto de 2026

A xirafa e o rato





 A xirafa e o rato 
de Tomi Ungerer e Barbara Brenner traducido por Óscar e Sandra Senra Gómez está publicado por Kalandraka na colección Tras os Montes.

Da presentación editorial:"Un clásico contemporáneo sobre a amizade, a colaboración e como as diferenzas poden converterse en fortalezas, co estilo inconfundible de Tomi Ungerer." 

Non podían ser máis diferentes pero coincidiron baixo unha figueira, miráronse e viron as diferencias (alta, baixo, grande, pequeno, castaña, gris, ríronse un do outro, discutiron quen era mellor e niso estaban cando un cazador comete unha imprudencia e o bosque arde, sen que eles se dean conta. Canto se ven entre o lume, asustados, cada un pon en marcha as súas artes e conseguen escapar ata o lago ao que se dirixiron todos os animais. Daquela, recoñecen o valor do outro, porque o rato escoitou aos animais fuxindo e a xirafa veu cara onde estaba o lago, agora tampouco é cousa de discutir por quen é mellor dos dous aínda que c ase case porque a xirafa di que se non chega a ser polo rato non se salvan e o rato di o mesmo dela. A xirafa e o rato, tan distintos e tan necesarios. Polo medio da historia, aquilas outras historias que a acomapañan (o mono entre a follaxe, a bolboreta libando flores, a atuendo completo do cazador, toda a fauna do bosque correndo, o cazador a piques de ser cazado polo crocodilo, os tonos neutros agás o negro da noite e o vermello do lume que se estende polas gardas...

Distintos pero igual de importantes, distintos pero amigos, a xirafa e o rato. 

venres, 21 de agosto de 2026

BD para lectorado a partir de sete anos


Capitán Lentella. Tras a materia escura de Jorge Campos é unha Banda Deseñada para rapazada a partir de sete anos, publicada por Xerais.

Así se presetna: "A viaxe continúa! Mentres os audaces Lalo e Rufino descobren novos lugares e personaxes, parte da tripulación pregúntase como atopar o famoso astrónomo Pekler, o único que pode darlles a pista que os leve ata a base do malvado Aphis. Pero o capitán ten outras prioridades: seguir coa súa gran volta ao Universo. A tensión comeza a medrar entre os dous compañeiros, e o que parecía unha amizade indestrutible está a piques de romper. Será esta a fin da súa aventura?" 

Uns personaxes realmente estraños, unhas relacións moi humanas nas que a competencia, o egoísmo e a amizade os moven vaian por onde vaian. Cada un co seu carácter, facendo o que a cada personalidade lle corresponde facer...  

Forma parte dunha serie da que anteriormente foron publicadas Capitán Lentella. Unha nova chuvia de estrelasCapitán Lentella. Aventura a todo gas.  

mércores, 19 de agosto de 2026

Un novo libro sobre Rosalía

Rosalíate. Pequena biografía de Rosalía de Castro de Uxía Martínez Recamán e Laura Suárez está publicado na editorial Edicións Xerais de Galicia, en tamaño grande, con pastas duras e moi ilustrado, aínda que podemos convir que non se trata dun álbum pola cantidade de texto que acompaña as ilustracións.

Un ceo cheo de nubes e unha cinta que o percorre ocupa as gardas para dar paso á biografía (infancia e xuventude - madurez), para pasar a falar das súas obras (Cantares gallegos e Follas novas) e aquelas facetas e ámbitos que lle foron moi queridos (feminismo, Galicia, lingua) e aspectos moi actuais como a Rosalía icónica e rematando cunha pequena antoloxía da súa obra e unha liña do tempo con imaxes moi suxerantes. 

As ilustracións de Laura Suárez achéganlle unha riqueza que vai do realismo ó surrealismo cun simbolismo moi especial que nos obriga a deternos na súa observación para descubrir aquilo que non vmeos na primeira ollada.  

luns, 17 de agosto de 2026

Un fermoso álbum para a hora de ir durmir


Sobe, sobe e sobe de Émile Jadoul con tradución de Xosé Ballesteros na colección Demademora (Kalandraka, 2026) que se presenta como "unha divertida historia que une grandes e pequenos, un álbum ideal para compartir á hora de ir durmir."

As onomatopeas anúnciannolos: Tap tap tap sobe o coelliño, toc toc toc sobre o crocodilo, bum bum bum sobe o elefante axudado polos anteriores que tiran del... e así uns detrás dos outros, uns coa axuda dos outros, outros sen axuda e serán recibidos con vivas e palmas. O chan é amarelo e alí está o neno que os felicita e di que falta un, quen será? sabédelo, o que vén agora vaille dar o bico de boas noites, o que o pequerrecho distribuirá entre toda a fauna que o acompaña. Non pode ser máis sinxelo e suxerente, máis afectivo e tenro, vamos papá sobe para que de verdade chegue a noite cos seus pasos e o seu pechar de ollos!

Nunca nos defraudan as escollas de Kalandraka. É unha sorte vivir nestes tempos  nos que eles están atentos ás necesidades das crianzas.  

xoves, 13 de agosto de 2026

Traducións: libros soltos e series series dende o castelán

 

Do primeiro caso que nos imos ocupar non é exactamente unha serie senón traducións ao galego de libros que veñen de fóra. Ben é certo que aparecen versionados en castelán e catalán, tamén. Se nos centramos na colección Lemos +6 aparecen varios títulos diferentes nos que coincide a autora Susana Peix en varios ilustradores/as diferentes, na de +8 atopámonos coa suma doutro ou outra creadora á permanente (Susana Peix) e, tamén diferentes ilustradores/as. Algo é común a todos eles, o tipo de papel forte, case cartón, os textos en tipografía caligráfica e un texto final do ripo: "Para ser un mesmo é importante que non nos deixemos levar polo que se espera de nós. A felicidade e o benestar conséguense desde o interior de cadaquén) e as palabras clave como (neste mesmo caso) empoderamento, enxeño, astucia. Edicións do Cumio tráenos estes títulos traducidos por Iolanda Mato.

Cada vez van aparecendo máis este tipo de libros que non buscan a excelencia senón a venta rápida, a produción en cadea e que seguramente responden a creadores/as que queren vivir directamente da escrita (o que a nivel xeral conseguiron moi poucos e unicamente despois de ter demostrado a súa valía con premios que atravesaban fronteiras). Igual é que non nos gusta que non se trate co mesmo respecto a literatura infantil porque esta pode ser outra maneira de discriminala, porque non todo vale para eles por moitos valores que semelle defender porque o primeiro debe ser sempre a calidade, porque pode ser outra maneira de perverter o valor das series (eses textos que os van fidelizando)...  

Así a presentan "colección creada para fomentar e gozar da lectura por pracer, a través de historias frescas que teñen un transfondo cheo de valores: solidariedade, amizade, honestidade, perseveranza… Valores, que aparecerán de maneira transversal e normalizadora nuns libros que presentan todas as características de accesibilidade á lectura no que respecta ao formato, a tipografía, disposición do texto, contraste de cor e ilustracións. Características pensadas e deseñadas desde a súa orixe para facilitar o acceso á lectura a todos os nenos e a todas as nenas".

Os cotrosos de Patricia García - Rojo con ilustracións de Alejandro Villén e traducida por Isabel Soto, están publicados por SM en O barco de vapor, dirixidos aos primeiros e primeiras lectoras. Por agora conta con dous títulos Un roubo moi esvaradío e Os cotrosos atacan de novo. Diminutas criaturas que viven entre o lixo e odian a auga e o xabón, o que máis lles gusta é a sucidade, o lixo e todo o que el contén. Os cotrosos son o rei (ao que lle gusta mandar máis que nada), Graxa, borro, Mofo e Mancha; fronte a eles loitan Ro (un cotroso ao que lle encanta a limpeza, lavarse e arrecender a colonia, pero que ademais coñece a fala de todos os animais e cando toca a un ser humano pode empequenecelo) e Tina, unha nena que é a súa mellor amiga. Dúas aventuras que semellan ter continuidade. A autora ten varios premios Gran Angular e xa escribiu outra serie (neste caso na chamada serie Laranxa desta mesma colección).

Libros doadamente escritos e "pensados para", tal como aparece na presentación editorial baixo as etiquetas que non se molestan en traducir: literatura fantástica, reciclaxe, natureza, protección do medio ambiente, imaxinación, amizade, literatura de humor, resolución de conflitos, lixo, lingua galega e literatura (materia).

Alégranos que se active O Barco de Vapor e SM en galego, mais teríanos gustado que escolleran autores e autoras galegas (como teñen feito noutros casos) para facelo. Semella que imos contar con presenza en editoriais foráneas pero deste tipo, e ben que o sentimos.  

martes, 11 de agosto de 2026

Traducións (V)

Es libre de Cristina Expósito e Mo Gutiérrez na colección Somos 8 de NubeOcho. De novo, atopamos vaias linguas nas que buscar os seus libros na páxina, pero non en galego. Seguimos sen entender esa falta de consideración cara a nosa lingua, as persoas que a falamos e lemos os seus libros.

Un álbum ilustrado que xoga con elementos mínimos (imaxes realistas e con poucas cores e textos moi medidos) pero que dá pé a moita reflexión, nun tempo no que esta é tan necesaria, especialmente para falar de liberdade.

Unha obra que nos obriga a pensar no que é a liberdade e no que non é, nas sensacións que produce. O respecto pola liberdade propia e pola dos demais, a necesidade de dicir non cando é necesario porque o primeiro respecto é cara un e non podes deixar que che fagan dano, pero tampouco podes facelo ti porque romperías as túas ás. Porque liberdade igual é algo como poder elixir quen es, como es e como pensas, escoller pensando en ti e nos outros, compartir e comunicarse con diferentes linguas, sendo diversos e tendo distintas opinións, respectando e entendendo aos demais para poder ser todos libres. Tes que coidar das túas ás sabendo que tofois teñlen  dereito a mover as súas aínda que o fagan de diferente maneira. Comeza e remata deténdose na sensación: "Pecha os ollos. Respira e pensa: son libre. Como te sentes?" 

Un libro para compartir cos pequen os da casa ou da escola, para ler e reler, para dialogar, para afondar no concepto da liberdade, para debater e construír pensamento. Un álbum moi necesario. 

Da presentación editorial: "Unha oda á liberdade e ao seu verdadeiro significado. Sabías que todos somos libre e temos ás? Pero aprender a voar leva o seu tempo e esixe dedicación. Ser libre non é facer o que queiras, porque todos os nosos actos teñen consecuencias. O máis importante para que as túas ás non se rompan é portarte ben contigo e cos demais. Todos os que te rodean tamén teñen dereito a mover as súas ás por onde queiran. Escoitalos e respectalos é parte da liberdade. " 

domingo, 9 de agosto de 2026

Traducións (IV)

O segredo das abellas. Cienciépole de Ben Newman en Cumio. 

Despois da benvida a Cienciépole fálasenos do mundo dos bichos presentando diferentes especies de inxectos, para pasar, a continuación a entregarlle a palabra a un personaxe que nos introdue no mundo das abellas ao tempo que nos conta unha historia "pegañenta"  co mel como ingrediente dun misterio a resolver. Así, iremos coñecendo procesos como a polinización, diferentes tipos de abellas, en que consiste a súa defensa, como non correr perigo con elas, a construción das colmeas e as estruturas incribles que crean, a vida no panal e e o ciclo de vida, a comunicación entre abellas, as utilidades do mel e das abellas... para rematar falando do perigo dun  mundo sen abellas. Organizada a información en planas con unidade a pesar das diferenzas interiores.  

Da presentación editorial: "Bea Bee é unha abella solitaria cunha misión moi importante e precisa da túa axuda para resolver un gran misterio no Barrio dos Bichos! Mentres segue as pistas, descubrirás todo o que hai que saber sobre as abellas: desde os diferentes tipos que existen ata como viven, como se comunican e que podes facer ti para axudalas e coidalas.
«Cun estilo gráfico único e unha narración divertida, este libro espertará a curiosidade dos máis pequenos polas abellas e outros insectos. Unha historia doce, chea de información precisa sobre a natureza, para aprender gozando». Un libro único que mestura ficción e divulgación sobre o fascinante mundo natural das abellas." 

venres, 7 de agosto de 2026

Traducións (III)


O superlibro das profesións. Do pirata á muller bala de Mike Basfield e Franziska Hölbacher está publicado en Cumio.

Profesións disparatadas e presenza sorprendente (ou non) da muller en certos oficios. Organizada por capítulos baixo títulos como En movemento, Co corpo, Soñadas, Arriscadas, Extraordinarias, Conpetitivas, Artísticas, Desagradables, Pequenos grandes erros, A túa profesión perfecta... 

Comeza parabenizando a quen le por ter conseguido o impostantísimo posto de lector ou lectora xefe. Continúa coa historia de cada unha delas tratada con moito humor, coa información nunha páxina e os datos abraiantes na outra. No test final vas avanzando en base ás respostas que escolles e que che van remitindo ás paxinas nas que tes información sobre ese campo.

Diferentes tipografías, moitas cores, formatos diferentes... buscando a atención.  

Da presentación editorial:"Mensaxeiros incas correndo polos Andes, bufóns que facían rir a reis e raíñas, recolledores de excrementos, dobres de corpo... a historia está chea de oficios tan raros como sorprendentes! Nas súas páxinas descubrirás personaxes incribles como Bessie Coleman, a primeira piloto negra de acrobacias; Zazel, a primeira muller canón; o gran Houdini, mestre do escapismo; ou Marie Tussaud, que converteu a cera en arte. E non só iso: tamén atoparás animais que traballaban en misións asombrosas, como sapos ao servizo de estafadores médicos, ratas que localizaban minas ou cans que salvaban vidas advertindo de ataques con gas velenoso na Primeira Guerra Mundial. As ilustracións, cheas de cor e humor, converten cada historia nunha pequena aventura: algunhas páxinas semellan un cómic, outras un álbum ilustrado, sempre reflectindo a personalidade dos personaxes... e mesmo os animais contan a súa historia. Un percorrido sorprendente, divertido e cheo de anécdotas que fará rir tanto a pequenos como a maiores. E,para rematar, un test final moi especial axudarache a descubrir que profesión estraña sería a túa. 

mércores, 5 de agosto de 2026

Un novo título da colección Merlín


Criaturiña de Antonio M. Fraga está ilustrado por Santi Gutiérrez e publicado na colección Merlín de Xerais.

Da presentación editorial: "Ulises, un neno que adora a rutina e soña cunha vida tranquila, recibe un estraño ovo da súa tía Artemisa. Por outra parte, Francisco Bestilleiro, coñecido como o Efebeí, aspira a ser o mellor policía da vila, aínda que as súas misións sempre acaban en desastre total. Cando, na Noiteboa, do ovo sae unha criaturiña tan doce como perigosa, todo se complica: vampiros, cans desaparecidos, persecucións de Papá Noel e trufas de bacallau que poden cambiar o destino das persoas. Entre cartas, malentendidos e moito humor, Ulises e o Efebeí, xunto coa resabida Sabina, deberán resolver un misterio que mestura o absurdo co extraordinario. Unha aventura trepidante para rir a esgalla." 

Dúas historias que son unha: a contada en primeira persoa por Efebeí e dirixida ao seu admirado Chuck Norrias e a do neno Ulises dirixida á súa tía. 

A mesma historia contada dende dous puntos de vista. Por un lado un toleirón con pouca cabeza que accede ao Corpo de Policía Municipal do seu pobo por unha recomendación do mozo de súa nai e non fai máis que barbaridades buscando destacar no que el entende por cumprir co deber. Por outro, un rapaciño (que se apelida Cabal de primeiro e Ventureira de segundo), que se define como mortalmente aburrido e serio como seu pai pero que se ve involucrado nunha aventura tremenda despois de que a súa tía (a meirande representante da aventura) lle envía o ovo dunha criatura de especie extinguida. É Nadal, o neno e o policía, o ovo e a criatura quer nace del, a nena que acompaña ao neno, os pais ao seu el cociñando despois de volver do traballo de rexistrador da propiedade e ela atendendo a libraría Soños de papel que rexenta e grazas á que pode vivir todas as aventuras grazas ao libros. Dúas familias tan distinta que o rapaz está desconcertado. O humor moi presente, dende as situacións desatinadas as conversas de xordos nas que a nai do policía, xorda, entende todo como cadra e crea momentos dunha comicidade extrema. Unha criaturiña que pode medrar de forma desorbitada, que pode facer cousas inverosímiles pero que como estamos nun mundo de fantasía se poden amañar con boa intención. 

Para finalizar, están as cartas de resposta de Artemisa Ventureira ao seu sobriño e a da secretaria de Chuck Norris a Efebeí. Si, tal como agardades!

luns, 3 de agosto de 2026

Traducións (I)

 
Derradeira viaxe en tren de 

Da presentación editorial: "Despois de máis de corenta anos percorrendo o mesmo traxecto, don Toupo despídese do seu querido tren na súa derradeira viaxe. Mais desta volta algo é diferente: cada vagón esconde unha sorpresa... e, ao final, alguén moi especial o está a agardar. Un traxecto cheo de lembranzas, emocións e reencontros inesperados. Derradeira viaxe en tren é un álbum ilustrado único que invita a nenos e adultos a valorar as pequenas cousas da vida e as relacións que construímos co tempo. Unha historia chea de sensibilidade, que axudará aos máis pequenos a entender a importancia de quererse e coidarse a un mesmo, mentres desfrutan dunha viaxe literaria inesquecible." 

Don Toupo conduce o tren por dous traxectos: da Vila Azul ao Mar Branco atravesando o Bosque Verde, cruzando a Ponte Amarela e pasando polo Túnel Gris ou dende o Mar Branco á Vila Azul cruzando a Ponte Amarela e atravesando o Bosque Verde. Sabíaos de memoria. No tren viaxan diferentes animais. Nesta derradeira viaxe, a maquinista Osa dille que disfrute do traxecto e que vaia para o último vagón onde o agarda alguén moi importante, cando chega a el non ve a ninguén ata que van aparecendo: Mapache coa música, Leirón coas flores e Esquío coa tarta porque todos o queren felicitar e compartir esa viaxe con el. 

A estrela cos pés no chan de Olga de Dios está publicado por Apila.

Ilustracións realizadas con sprai e técnicas dixitais. Moi coloristas e case estilizadas con moito contraste. 

Da presentación editorial: "Eliximos o noso camiño? Unha aventura sobre dúbidas, riscos e solidariedade.
A historia dunha estrela valente e cos pés no chan. Este libro ten unha lectura enriquecida con luz ultravioleta. Non a perdas!"

Unha estrela que non fai coma as outras: brillar pola noite e durmir polo día. Case non dorme, pasa o tempo observando os planetas afastados. Quere coñecer o mundo e déixase caer a pesar da vertixe. Aparece no mar e alí coñece as estrelas de mar coas que intercambia saberes (ensínalles a brilar e elas a nadar), baixa ás profundidades escuras e acompaña aos que alí viven na procura da luz propia, logo explora a superficie aprendendo a camiñar e facendo brillar todo o que atopa ao seu paso. Percorre selvas, bosques, montañas... sobe ao pico máis alto e dálles as boas noites ás irmás estrelas e bótase a durmir cos pés no chan.