Amosando publicacións coa etiqueta Antonio M. Fraga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antonio M. Fraga. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de xuño de 2025

Varios

Unha boa amiga de Laura Suárez está publicado por Tambre na colección Ala Delta.

Da presentación editorial: "Era unha vez unha nena que un día coñeceu unha raposa. Ou era unha vez unha raposa que un día coñeceu unha nena. Si, se cadra eran moi distintas. E, aínda así, decidiron achegarse unha á outra.Pasaron semanas e meses enteiros xuntas. Debuxaron, leron e xogaron. Mais un día certas cousas entre elas empezaron a mudar." Porque é difícil que unha ceda todo o tempo para que a outra sexa feliz no seu medio, hai que chegar a un acordo, despois de pasar semanas enteiras facendo cousas de raposas, pasaron meses enteiros facendo cousas de nena, cabreáronse e ao cabo do tempo volveron buscarse e desculparse porque son coma a noite e o día pero boas amigas. 

Unha historia curta, unhas imaxes nas que o ocre protagoniza o mundo de nena e raposa. Pouco texto, moi escollido. Unha historia simbólica acerca da amizade entre diferentes, difícil pero posible.

Mica, Cuarzo e Feldespato de Antonio M. Fraga está ilustrado por Bea Gregores e publicado por Triqueta Verde na colección Petos.

Da presentación editorial: "Que agradable é ser unha ratiña de vertedoiro! Agás se unha bandada de gaivotas decide roubar a comida que cada anochecer trae un camión desde o supermercado. Isto é o que lles ocorre ás ratiñas desta historia que, desesperadas, deciden pedirlle axuda a Mica, Cuarzo e Feldespato, tres gatos que viven na canteira próxima ao vertedoiro. Gatos e ratiñas unen as súas forzas para defenderse das gaivotas, pero necesitarán a axuda doutras criaturas. Atreveraste a ser unha delas?"

Ben, vai de ratos de vertedoiro, dun problema cas gavotas que lle comen a comida, de como van en comitiva buscar o conselllo da Honorable Rata do Cumio, de como esta lles anima a que falen con tres gatos que viven felices alimentados pola velliña da casa escangallada a carón da canteira, polo medio dous ratos exploradores que van ter un pepel importante). Que, quen son os tres gatos? Pois os dos nomes dos compoñentes do granito: Cuarzo (branco, vello e sabio), Feldespato (laranxa e preguiceiro) e Mica (nova e intrépida); trespersonalidades ben distintas. Despois varios animais que tamén van ter o seu papel, pero o mellor é a forma de contarnos a historia que ten Fraga, ese entrar e saír da historia para falarnbos, esa maneira de presentarnos o escenario e cada un dos personaxes e ese final "E aquí acaba esta historia, que aconteceu no lugar máis feo do mundo. Mais vouche contar un segredo: tras coñecer os seus habitantes, este lugar xa non me parece tan horriblemente feo. E ti que pensas?" Certamente, cada é horrible cando te aproximas e o comprendes, todo ten o seu aquel...

As ilustracións de Bea Gregores mostra outro marabilloso mundo do seu imaxinario. Esta muller que é quen de renacer unha e outra vez, que non se preocupa por demostrar un estilo propio porque pode ter varios e todos eles levados con moita dignidade. Esta é un deles: delicado, con pequenas imaxes, xogando a impoñelas no deseño... Un luxo!  

domingo, 15 de setembro de 2024

Narrativa con protagoista xitana

Como escorrentar un lobo de Antonio M. Fraga está publicado en Cuarto de inverno con ilustracións de María Brenn.

Preséntase así: "Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara. 

Como escorrentar un lobo é unha aventura chea de misterios co arrecendo das lendas contadas baixo a luz dunha candea."

No medio do horror hai que facerlle fronte ao medo, pode ser aos nazis ou aos lobos, sempre está aí. E como di Nuncia: o medo pode axudarnos a sobrevivir, pero non podemos deixarlle que nos trabe, haino que irar aos ollos coma se fose un lobo que quixeses escorrentar, porque lle podes ter medo a algo que está no medio da xente ou ao que está no máis profundo do bosque. Diso vai a historia, de fuxir do medo aos fascistas contando unha historia que nos sitúa ante o misterio, os pobos descoñecidos, as nenaspaxaro, os lobishomes que poden comernos, os meigos que poden transformarnos en árbores e o poder da amizade, a solidariedade entre as vellas e as nenas, o amor polo outro e a necesidade de atopar a alguén que nos axude a levar a soidade. Dúas nenas que se axudan, uns pais aos que perden os seus intereses, o perigo de quedar sós no medio do bosque, unha vella disposta a sacrificarse para axudar. Seres que teñen parte vexetal ou animal. Unha historia na que o mundo xitano sae ao encontro.