venres, 16 de xaneiro de 2026

Unhas páxinas de álbums (IV)

O pirata Bruno de Olaia Sendón está publicado por Cuarto de inverno.

Na presentación editorial dise que "Esta é a historia de Bruno, o meniño que naceu nunha illa e chocou cun barco pirata."

Sobre fondo escuro, moitas veces negro de todo, váisenos contando a historia que semella feita para o máis pequeno dos fillos, o que nace despois de que os maiores (Xandre e Aldán) foran grumetes. Faros que representan verdadeiras iconas da costa (o da Illa Lobeira, o de Carrumeiro, Cabo Fisterra, Cabo Vilán e Torre de Hércules), barcos, piratas, un meniño (Bruniño) que medra para facerse pinche de cociña, cociñeiro, grumete, pirata para acabar de capitán (unha vez que consegue o parche para o ollo, a pata de pau e o garfo para a man. Quen posee o libro pode cubrir o carne de tripulante na primeira páxina e bautizarse como pirata. Porque Bruno comezara nacendo nunha illa no medio do mar, peor esta arde e tense que botar a nadar ata que tropeza cun barco pirata gobernado pola pirata Paca que non o tira ao mar porque lle di que ademais de ler, escribir e contar  tamén sabe cociñar e a iso se dedica ata que confesa que o que el quere é ser pirata... e traballa, traballa ata chegar a timonel e facerse amigo de Paca que cando se xubila lle pasa o mando.  

Onomatopeas e rimas vanse sucedendo para contar a historia que remata cunha adiviña e un glosario mariñeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario